Etiquetas

26 enero 2025

CONCEPCIÓN SANTIAGO GARCÍA

Naceu en Ourense o 3 de febreiro de 1905. Matriculouse no Instituto Provincial de Ourense de 1923 a 1926 onde tivo unhas cualificacións brillantes obtendo varios premios extraordinarios. Co título de bacharelato pasou á Normal de Ourense para facer a carreira de Maxisterio. 

En 1931 participou nos cursiños de selección profesional que se convocaron nese ano. En 1933 déronlle a praza de interina na escoliña de Mandín, en Verín e, ao ano seguinte, en 1934, foi destinada á escola de Celanova. 

Estando nesta escola foi sometida ao proceso de depuración. Súa irmá, Milagros, tamén fora sancionada co traslado forzoso dentro da provincia e seu irmán, Eduardo, estaba afiliado a A.T.E.O e fora destituído da súa escola. Poida que o motivo da depuración de Consuelo fose precisamente este feito de que seu irmán prentencese á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense. Esta asociación era considerada subversiva, comunista e subversiva e non tiveron perdón con ela. As familias dos afiliados tamén quedarían marcadas pola ditadura.

Casou con Luís García Danoz que foi tenente mutilado e alcalde de Vilardevós. O matrimonio tivo dous fillos chamados Jacinto Luís e Julio. 

Vid: Arquivo Otero Pedrayo. Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1923. 1923-1926; (155/1.9); Arquivo Xeral da Administración. Expedientes de Depuración de maestros Nacionais. Sig. 32/12807; Títulos de Bachiller. (1926, 19 novembro). La Región, p. 1; Información del magisterio (1931, 13 setembro). Galicia, p. 3; Nombramientos de interinos. (1933, 12 de xaneiro). Galicia, p. 1; Información del magisterio. (1934, 13 novembro). Galicia, p. 5; Esquela. (1971, 10 xullo). La Región, p. 17.