Etiquetas

05 marzo 2011

MARÍA FERRÍN NOVOA

(Entrada suxeita a publicación)
Naceu o 26 de xullo de 1906 en Casardomato e era filla do mestre e xornalista Ángel Ferrín Moreiras director do colexio Modelo na Rúa Reza en 1903 e en 1920 trasladaríase á rúa Alba. O colexio sería un referente en Ourense para moitos alumnos e alumnas da Normal. Tamén sería director da publicación El Maestro Orensano. Foi nomeado polo Concello como representante de Renovación Española. Faleceu en Ourense en 1947.

A nai de María Ferrín chamábase Felisa Nóvoa Fernández pero faleceu de xeito prematuro en 1929. Realmente María procedía dunha familia de docentes pois, a parte do seu pai, o seu tío Antonio Ferrín Moreiras, tamén era profesor de matemáticas e o fundador dunha academia en Santiago na Rúa Villar cando se trasladou a esta cidade xunto coas súas catro fillas (Celsa, María, Antonia e Pastora) para impartir clases de Bacharelato e Maxisterio. As primas de María tamén serían docentes. María Ferrín Moreiras exerceu como profesora de italiano no instituto Rosalía de Castro e en 1955 obtivo a praza na Escola de Peritos industriais de Málaga. A irmá desta sería a prestixiosa matemática e astróloga Antonia Ferrín Moreiras e Celsa Ferrín Moreiras estudaría a carreira de Filosofía e Letras en Santiago e dedicaríase ao ensino xubilándose en Cee.

María ingresou en 1918, aos 12 anos, no Instituto Provincial de Ourense despois de examinarse o 10 de xuño de 1918. Realizou os seis cursos de bacharelato, cinco cursos matriculouse por libre e un por oficial.  Sacou sobresaliente nas materias de Xeometría e Relixión; notable en Historia Universal, Fisioloxía e Hixiene, Historia Naturale Químca xeral. No resto das materias acadaría ben. Obtivo o título de bacharelato en 1924 e despois solicitou certificación para Escola Normal de Mestras. 

Casou en xaneiro de 1931 na igrexa de Santa Eufemia do Centro co avogado Venancio Méndez Feijóo . O fillo do matrimonio sería Xosé Lois Méndez Ferrín o recoñecido e prestixioso político e escritor galego.

María aprobou as oposicións de maxisterio en 1933 e exerceu na escola de Carracedo de A Peroxa. En 1937 incorporouse á inspección por nomeamento do Rector de Santiago e estivo como inspectora provisional na provincia e tería ao seu cargo a zona dez que se correspondía coa zona feminina e comprendía o Partido de Allariz, Concello de o Barco, Rubiá, Vilamartín e Carballeda de Valdeorras. Serían compañeiros dela por aquel entón Don José Montes, Don Daniel González Rodríguez, Don Ramón Vázquez Díaz, Dona Joaquina Jorreto Cifré, Dona Antolina Vila Puga e Dona Adela Gontoria Peón. Cesou do cargo en 1949 e toda a familia trasladouse a vivir a Pontevedra e despois en 1955 a Vigo.

Méndez Ferrín cos seus pais. El Faro de Vigo, 22 de abril de 2007.

Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470.
La Región, 21 de xaneiro de 1931, p. El Correo gallego: diario político de la mañana, Número 21071, 3 setembro 1939, p.3; El Pueblo gallego: rotativo de la mañana, Número 3309 13 de novembro 1934, p. 12, La Región, 16 de setembro de 1937, p. 3; La Región, 19 de marzo de 1939, p. 7
Ángel Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín