Etiquetas

28 julio 2024

CARMEN FERNÁNDEZ LORENZO

Carmen naceu no pobo de Corzos, A Veiga, o día 22 de novembro de 1904. Aos 16 anos realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense e comezou os estudos na Normal de Ourense en 1920 matriculándose por ensinanza oficial. Obtivo unhas notables cualificacións e, tras a reválida, titulou en 1924 cando tiña 20 anos[1].

A partir de entón, comezou a exercer como interina e percorreu numerosas escolas. En 1929 estivo destinada na de Gullamil, en Rairiz de Veiga[2]. Outro dos destinos foi a escola de Cande. Despois Carmen afiliouse a A.T.E.O e en agosto de 1936 foi sancionada como o resto dos seus compañeiros e compañeiras. A sanción que se lle impuxo foi a de suspensión de emprego e soldo durante tres meses. Non obstante, con posterioridade, viviu unha acusación máis contundente que a levou a estar durante máis de tres anos baixo o punto de mira das institucións. A situación non era nada doada para ela chegando a suplicar en decembro de 1939 que lle aboaran, polo menos, o cincuenta por cento dos seus haberes ata a resolución do seu expediente de depuración[3].

Por Orde Ministerial do 4 de abril declarouse revisado o expediente de depuración de Carmen que estaba na escola de A Veiga-Candela pero foi ratificada a sanción polo Ministerio[4]:

Ministerio de Educación Nacional. Ilmo. Sr. Vistos los expedientes de depuración instruídos por la Comisión Depuradora de Orense, con arreglo al Decreto núm. 66 de 8 de novembro de 1936, Ley de 10 de febrero de 1939 y Orden de 18 de marzo del mismo año. Examinados los expedientes las propuestas de la Comisión Superior dictaminadora de expedientes de depuración y el informe de la Dirección General de Primera Enseñanza. Este Ministerio ha resuelto: Separar definitivamente del servicio, siendo baja en el Escalafón respectivo a los señores siguientes: Juan Francisco Yáñez Sierra de la Gudiña; María del Carmen Fernández Lorenzo, de Candela…[5]

No ano 1952 solicitou no concurso de traslados a escola de Barjacoba, en Pías, na provincia de Zamora[6]. En 1955 regresou a Galicia e adxudicáronlle a praza de Corzos en A Veiga. Volveu á súa terra, ao pobo onde ela naceu[7].

[1] Arquivo da Universidade de Vigo. Expediente Académico de Carmen Fernández Lorenzo.
[2] “De primera enseñanza”. (22 de novembro de 1929). El Pueblo gallego. p. 10.
[3] “Sección Administrativa de Primera Enseñanza”. (24 de decembro de 1939). La Región. p. 4.
[4] (Sen título). (27 de abril de 1944). El Compostelano. p. 2.
[5] “Comisión Depuradora”. (18 de marzo de 1942). La Región. p. 4.
[6] “Información del magisterio”. (12 de xullo de 1952). La Región. p. 4.
[7] “Resultado del concurso de traslados” (29 de xuño de 1955). Imperio. p. 5.