RECANTO DE REFLEXIÓNS

21 abril 2024

EVELINA HERVELLA NIETO

(Entrada suxeita a publicación nun libro. Quero agradecer a axuda da Fundación Penzol que me facilitou o repertorio fotográfico)

Naceu no Barco de Valdeorras o 21 de setembro de 1908. Era filla do notario Antonio Hervella Ferreiro e Francisca Nieto Bustos. Súa irmá, Concepción, foi unha mestra defensora da ensinanza e do maxisterio.

Aos 11 anos fixo o exame de ingreso no Instituto de León. O primeiro curso realizouno por libre nesa provincia pero o seguinte cursouno no Instituto de Pontevedra. Será no curso 1924 e 1925 cando se rexistre no Instituto ourensán permanecendo nel ata 1927, ano no que acadou o título de bacharelato.

A continuación foi a Madrid e matriculouse na Facultade de Ciencias e Farmacia no curso 1927-1928. Pero despois solicitou o traslado á Universidade de Oviedo na que se rexistrou no curso 1931-1932 e, finalmente, rexistrouse na facultade de Santiago onde se licenciou en Farmacia en 1936.[1]

Coñeceu a Francisco Fernández del Riego, avogado, intelectual, galeguista e escritor, polos anos trinta e fixéronse noivos e dende entón foron inseparables, como así o demostran as numerosas fotografías que os inmortalizaron. A relación sería inquebrantable e é de supor que Evelina foi un grande apoio para Francisco cando este, sendo axudante da Universiade de Santiago, foi cesado e inhabilitado en 1937 para desempeñar cargos públicos. Logo veu a guerra civil na que participou Francisco e finalizada esta casaron o 14 de marzo de 1940 en Vigo 

Evelina viviría o momento en que Francisco comezou a reorganizar na clandestinidade o Partido Galeguista e tamén a fundación en 1950 da editorial Galaxia. Estaría ao seu carón cando ingresou como membro da RAG e cando puxo a andar a Revista Grial así como cando, en 1964, creou o Partido Socialista Galego. Non cabe dúbida que foi un acérrimo defensor da cultura galega e é de supor que Evelina sentiría os mesmos sentimentos. 

(Fonte: Fundación Penzol. Arquivos. No día da voda de Francisco e Evelina Hervella. 14 de marzo de 1940)

Evelina e Francisco sempre foron xuntos a todas partes e viaxaron por Europa en 1953, foron a Francia, Bélxica, Holanda... asistindo a diferentes eventos. Os dous compartiron numerosos e gratos momentos coas persoas máis ilustres e insignes galeguistas como Ferro Couselo, Otero Pedrayo e Fita, Risco, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Pura Vázquez...Tamén coas xentes acolá do océano pois viaxaron a Sudamérica formando parte dun grupo de intelectuais que homenaxearon a Castelao, visitaron o monumento a Rosalía de Castro coa directiva do Centro Galego de Arxentina. En fin, numerosas vivencias nas que a galeguidade era a finalidade principal. Evelina seguro que compartía e facía súas as ideas do seu home Francisco con respecto a Galiza, a política e a cultura galega. Incluso os dous ían ver os partidos do Celta no campo de Balaídos.

(Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Evelina_Hervella. En Bos Aires. 1954.)

Evelina faleceu en Vigo en 2007, cando tiña 90 anos. Está enterrada no cemiterio de San Pedro da Ramallosa en Nigrán. A Francisco fóiselle a súa compañeira vital, a compañeira que tamén apoiaría a Galiza. Tres anos máis tarde, en 2010 faleceu Francisco e os restos respousan con Evelina, tal como eles sempre desexaron.

[1] A.H.U.S., Expedientes persoais. Cartapacio 0621. Exp. 14.Foto da entrada. Recorte da fotografía titulada: Viaxe a Francia, Bélxica e Holanda. Francisco Fernández del Riego con Evelina nun parque. 1953. Exraída de Arquivos Fondos Penzol.Vid: El Progreso, 13 de novembro de 1937, p. 4; Hoja Oficial del Lunes, 6 de xuño de 1960, p. 8; El Correo gallego, 9 de xullo de 1954, p. 6.