Era irmá de Antonia Ferrín Moreiras e de Celsa Ferrín Moreiras. Naceu en Ourense o 9 de abril de 1911 e súa nai era Pastora Moreiras Carballo e seu pai Antonio Ferrín Moreiras. Fixo os estudos de bacharelato no Instituto de Santiago de Compostela cidade na que se afincou a familia e onde o pai, Antonio, profesor, fundou unha academia de estudos en 1922. Antonio era irmán de Ángel Ferrín e exercera durante varios anos no afamado Colexio Modelo, fundado polo seu irmán en Ourense.
(Fonte: El Compostelano, 6 de xuño de 1922, p. 2)
Matriculouse na Facultade de Filosfía e Letras da Universidade de Santiago en 1929, tiña dezaoito anos. Completou os estudos e licenciouse en 1933 cunhas cualificacións notables. María dedicouse tamén á docencia e exerceu como profesora de italiano no instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e en 1955 obtivo a praza na Escola de Peritos industriais de Málaga. Alí permaneceu uns anos, pois en 1962 figuraba como Catedrática numeraria do Instituto feminino de Valencia.