Etiquetas

20 agosto 2023

REGINA GONZÁLEZ RAMÍREZ

Previamente quero expresar o meu agradecemento a María del Mar Paradela, filla de Regina, pois púxose en contacto comigo despois de ver esta entrada publicada e achegoume moita máis información sobre súa nai. Deste xeito constatamos que o blog é un labor de todas e todos e cando é a propia familia a que me proporciona a información, síntome enormemente gratificada. 

Regina González naceu en Ourense o 2 de xaneiro de 1938 e destacou no mundo das artes. De moi nova quixo facer Bellas Artes pero a súa familia non llo permitiu por considerala unha carreira moi bohemia e porque os pais non querían quedar sós despois de que o seu outro fillo marchara estudar Intendente Mercantil a Madrid.  Entón o rumbo que tomou Regina foi estudar piano e despois Perito Mercantil. Non realizou estudos de Maxisterio, que era o habitual nesta época, pois o seu pai desaconselloullo xa que, dicía, ía estar traballando nunha aldea remota. Aprobou o exame para Xestora Administrativa na última convocatoria na cal aínda non era preciso ter a Carreira de Dereito ou Económicas. 

Regina vivía cos seus pais na rúa Capitán Eloy, número 12, hoxe Rúa Concordia, e nese mesmo edificio vivía de aluguer Basilio Álvarez (dime María del Mar que na prensa sempre puñan que Basilio vivía noutra casa pero que a súa nai afirmaba que eran veciños aínda que ela non o comentaba por se iso era impedimento para vender a casa). En época da República solicitouse permiso para poñer unha placa na fachada da casa na que se dicía: "Aquí vivió Basilio Álvarez". Dita placa foi retirada con nocturnidade e sen previo aviso cando venceu Franco e ese feito fixo que o pai de Regina se dera de baixa de Falanxe Española dicindo que "Fueron más elegantes los republicanos en ponerla que los falangistas al quitarla por la fuerza y con el susto del ruído recién acabada la guerra civil y la gente aún sobresaltada por la contienda"

(Regina tomando café. Fotomontaxe. Foto cedida pola súa filla María del Mar. )

Casou con Francisco Paradela Castro, escritor, avogado e Comisario de Policía e instaláronse en A Coruña sendo alí onde naceron os seus catro fillos. Súa filla, María del Mar, que "adora" Ourense, estudou Relacións Laborais e traballou en Bibliotecas e na Academia Galega de Xurisprudencia, di da súa nai: "Mi madre era muy alegre y cariñosa" .

Cando destinaron a Francisco a Bilbao como Comisario de Policía, Regina ofreceu que non consumiría café con leite durante un mes se non pasaba nada, promesa que cumpríu. 

A Regina púidolle a súa vocación e cultivou o debuxo, a pintura e a música, pero a súa afición predilecta era a pintura. Neste eido cultivou unha faceta moi interesante como é a heráldica, algo novidoso en Galicia pola década dos sesenta do século pasado, sen embargo, as exposicións sobre heráldica xa estaban resultando de grande interese por aquel entón en cidades como Madrid e Barcelona.

(Mostra da súa obra heráldica.)

Regina empregaba como fonte de información para as súas obras o Arquivo Nacional, a Biblioteca Provincial e o Dicionario Carraffa. Realizaba as obras empregando tinta china de diversas cores e mesturábaas con esmaltes  e púrpura branca ou dourada.

Outro mestre para Regina foi Cárcamo, o pintor militar afincado en Ourense. Aprendería técnica do óleo creando obras cun carácter velazqueño e incluso "cezanniano" como pode observarse nos seus bodegóns, sen afastarse da pintura próxima á tradición galega. Outra das facetas son os retratos cun fondo neutro onde os retratatados semellan saírse do cadro. Desde logo, son unha mostra da pericia dunha grande pintora  e de que traballou diversas temáticas. Velaquí unha mostra das súas obras que a súa filla, María del Mar, me enviou. 

Os bodegóns:



Cadro relixioso: A crucifixión. 

                                                         
                                                      
Paisaxe de aldea galega de Combarro onde non pode faltar o cruceiro e a atmósfera do gris galego. A pincelada impresionista, máis solta, a captación da luz, o ceo grisáceo, a perspectiva e o encadre demostran a grande capacidade pictórica.


Os retratos son outra das temáticas traballadas por Regina. A continuación dous retratos, un do seu home, Francisco, e o outro un autorretrato. Parecen estar nunha ventá, próximos ao espectador. Amósanse francos, cunhas miradas intensas.


 
Lamentablemente, deulle unha parálese facial que lle deixou o ollo esquerdo impedido polo que tivo que deixar de pintar ao afectarlle o óleo ao ollo.

(Foto de Regina. Cedida pola súa filla María del Mar.)

Esta muller, pintora de vocación e cunha grande capacidade técnica, que nunca quixo vender os seus cadros senón que os regalaba,  faleceu o 4 de xullo de 2022, aos 84 anos.

(Elaboración propia a partir da información facilitada pola filla de Regina, María del Mar Paradela. Mar tamén é unha investigadora e escribiu un libro titulado " El Triunfo del Inmaculado Corazón de María" . Tamén me comentou que un tío avó da súa avoa materna, Don Manuel Olmos Álvarez, foi Capellán do Rei Alfonso XII e que un tío político da súa avoa, Domingo Anguita, foi Capitán da Garda Real. As fotos tamén foron cedidas pola filla. Por tal motivo, reitero o meu agradecemento pola súa inestimable colaboración.)