Etiquetas

02 marzo 2009

EUGENIA PEREIRA RODRÍGUEZ


Eugenia naceu en O Carballiño en 1895 e foi a primeira muller galega que obtivo a licenciatura en Farmacia.

O 7 de abril de 1895, no Carballiño, Maximino González Álvarez asentou unha nena que nacera o día 3 de abril dese ano na casa de Purificación Rodríguez que era comerciante. Era unha nena de pai non recoñecido o que supuña para a nai ser xulgada por unha sociedade que estigmatizaba á muller e non ao home. Polo tanto, Eugenia foi medrando nun fogar no que o pai estaba ausente pero que era compensado polo cariño da súa nai. Talvez isto fixo que Eugenia tivese no futuro a entereza e valentía sobrada para chegar a onde chegou, superando todas as barreiras que, de seguro se atopou. Cando Eugenia tiña dezaoito anos foi recoñecida polo seu pai que era César Pereira Munín, un avogado e tamén veciño da vila de Carballiño e que, seguindo a traxectoria do seu pai, fixérase notario.

Tras estudar a primaria nas Carmelitas de Ourense onde estivo en réxime interna quixo ampliar a súa formación xa que tiña claro o que quería ser e a que quería dedicarse. Matriculouse no Instituto Provincial pola opción libre, o que significaba vir só aos exames os días que se convocaban. No instituto sacou unhas excelentes cualificacións e, ao finalizar, decidíu continuar estudos na Universidade[1]. Unha decisión valente pero atopouse coa oposición do seu pai e dicía que a unha muller lle bastaba con saber guisar, coser e pasar o ferro. Pero cando a súa filla, pouco despois, lle replicou que xa sabía guisar, coser e pasar o ferro e que estaba preparada para ir á Universidade o seu pai accedeu a que se matriculara na Universidade. Daquela solicitou un certificado e inscribiuse na Facultade de Farmacia no ano 1918, combinando os cursos entre a opción libre e oficial. Rematou os estudos e licenciouse en 1922-23 obtendo o premio extraordinario polas súas magníficas cualificacións. Pero non conforme con isto compatibilizou os estudos de farmacia cos de Hixienista matriculándose en 1920 na Facultade de Medicina para estudar esa especialidade[2]. Para doutorarse foi a Madrid acompañada do seu irmán e alí estivo en réxime de pensión no Instituto Pasteur. As pretensións de Eugenia superaban as barreiras que se lle impuñan ás mulleres e foi ascendendo na escala profesional doutorándose en Ciencia e Farmacia na Universidade Central de Madrid coa tese “Investigación y valoración de la sílice en los tejidos orgánicos animales”.

As fronteiras de Eugenia seguían ampliándose e solicitou unha beca á Xunta para a Ampliación de Estudos e Investigacións para ir ao estranxeiro a formarse. Aceptaron a petición xa que Eugenia levaba unha brillante traxectoria e converteuse na primeira licenciada en conseguila. Irá á Escola Nacional Superior de Química de Burdeos para estudar enoloxía, unha rama que daquela era totalmente innovadora e máis para unha muller. Pero isto di moito do talante de Eugenia pois estaba moi interesada no proceso de elaboración do viño e o tratamento das cepas e viñedos para aplicalo en Galicia e segundo ela alegou na solicitude de bolseira “Na Facultade xa tiña experimentado na obtención de lévedos a partir de cepas autóctonas, para o posterior emprego na elaboración de viño, obtendo moi bos resultados”[3].

A vocación da nosa ilustre muller é manifesta. O mundo da Química e das Ciencias era algo que lle apaixonaba sendo a primeira galega que formou parte da Sociedade Española de Física e Química, en 1922[4]. A súas investigación contaban cun gran rigor científico destacando traballo titulado: Aplicación del Cloro en la depuración bacteriológica de las aguas potables de Madrid presentado na Sociedade Española de Hixiene.

En 1927 deu o salto a Barcelona xa que por oposición obtivo a praza de Xefe do Laboratorio Químico da Aduana. Alí Eugenia converteuse nunha emprendora pois, ademais de abrir unha farmacia, tamén montou o seu propio laboratorio denominado Pemur e máis adiante, en Casteldefells, abriu o laboratorio Pereira. No laboratorio elaboraba diversos produtos tanto de cosmética como de limpeza, droguería, tratamentos, preparados de pólvora, medicinas para a muller como al píldoras circasianas, etc… algúns deles quedaron rexistrados como patentes. Eugenia preocupouse especialmente das molestias e doenzas propias das mulleres e para iso creou e patentou as píldoras circasiana cuxos compoñentes estaban indicados para remediar a anemia, falta de ferro, nerviosismo, fatiga, depresión na menopausia, etc. Tamén do seu laboratorio sairía o primeiro deterxente líquido en España[5].

Eugenia casou con Ramón Castells Fortún e tiveron dúas fillas que chamaron María Eugenia e Aurora que, como mulleres, terán á súa nai como exemplo a seguir e como modelo de muller, investigadora, estudosa e traballadora. De feito, tamén a súa filla María Eugenia estudaría farmacia obtendo premio extraordinario de licenciatura[6].

Alí faleceu, en Barcelona, no ano 1984 cando tiña 89 anos, plenos dunha vida que rachou cos convencionalismos da época que destinaban ás mulleres a estar recluídas no ámbito doméstico.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Bande Rodríguez, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, Vigo, Galaxia, 2010.
Brasa Arias, Beatriz, La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (1900-1970), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago, 2012.
Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento, versión dixital, Universidade de Vigo: Vigo, 2006.
Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria"(II), Minius, XII, (2004): 73-102.
Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)”, Historia de la educación: Revista interuniversitaria, 26 (2007): 437-470.
Pintos Barral, Xoana, As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago 1910-1960; Tese de Doutoramento, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago, 2015.
Foto: Vida Gallega, nº 239, decembro 1923.



[1] Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento, versión dixital, (Universidade de Vigo, Vigo, 2006); Carmen Benso Calvo y Rosa María Cid Galante, “Los expedientes de las estudiantes de bachilleratouna fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)” Historia de la Educación: Revista Interuniversitaria, 26, (2007): 464.
[2] Rosa María Cid Galante, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II)” Revista Minius, 12 (2004): 90. Na partida de nacemento que consta na matrícula de Eugenia Pereira indicaba que a persoa que a inscribiu era labrador, nun primeiro momento pensouse que era o pai pero non era así, como se confirmaría máis tarde; Enrique Bande Rodríguez, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, (Vigo, Galaxia, 2010), 38-39.
[3] Xoana Pintos Barral, As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago1910-1960; Tese de Doutoramento, (Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, 2015), 227.
[4] Xoana Pintos Barral: As mulleres nos estudos…, p. 227; https://www.gciencia.com/historias-gc/eugenia-pereira-cientifica-e-muller-pioneira-da-farmacia/ (consultado o 14 de marzo de 2020)
[5] Xoana Pintos Barral: As mulleres nos estudos…, p.228; Beatriz Brasa Arias, La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (1900-1970), (Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, 2012), 85.
[6] “Eugenia Pereira Rodríguez”, entrada en https://gl.wikipedia.org/wiki/Eugenia_Pereira_Rodr%C3%ADguez (consultado o 14 de marzo de 2020)