Etiquetas

22 marzo 2011

MARÍA EXCLAVITUD ABAD AMEIJEIRAS

Naceu en Vilagarcía de Arousa o 3 de xullo de 1914, pero a súa familia que era comerciante, estivo afincada en Ourense, de aí que tanto María Exclavitud como Rosa, a súa irmá, estudasen no Instituto Provincial de Ourense. Estivo matriculada no Instituto durante dous cursos e logo solicitou traslado ao Instituto de Pontevedra onda acadou a titulación en 1930 con brillantes cualificacións.

No ano 1931 aparece rexistrada por oficial na facultade de Dereito de Santiago, sendo unha das poucas que escolle estes estudos, xa que o habitual era facer Filosofía ou Farmacia. Permanece seis cursos pero non os fai de forma consecutiva xa que fixo primeiro cinco cursos entre o ano 1931 ao 36 e o último ano faino entre 1938-39. En 1936 obtivo unha pensión de 1500 pesetas por parte da Fundación Figueiroa de Pontevedra. Licénciase en xuño de 1939. 

Casa en outubro de 1940 na igrexa de Santa Cruz de Lamas en Moraña co médico Elías Mareque Fariña.

Faleceu en Pontevedra en 2007, tiña 93 anos.

Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" en Revista Minius, nº XI, 2003. Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento, Universidade de Vigo, 2006; El Compostelano, 22 de outubro de 1940; El Correo gallego, 14 de agosto de 1955; Galicia nueva, 15 de xuño de 1929; El Ideal gallego, 28 de setembro de 1930; El Pueblo gallego, 14 de marzo de 1936.