Etiquetas

02 marzo 2009

OLIMPIA VALENCIA LÓPEZ

(Entrada publicada no libro O rueiro que queremos feminino e plural.)
Olimpia Valencia naceu en Baltar o 14 de decembro de 1898. Foi a primeira galega que acada unha titulación universitaria pois en 1924 remata os estudos de Mediciña, é, polo tanto, a primeira licenciada galega en medicina.
Olimpia era filla de Anacleto Valencia Lama e de Teresa López Mandianes que eran naturais de Baltar que marcharon a vivir a Vigo en 1910 para atopar unha mellor vida. Unha decisión que, segundo palabras de Olimpia Valencia, foi tomada co obxectivo de que estudara e tivese unha boa formación: “A mis doce años mis padres empezaron a pensar en mi instrucción y en lugar de desprenderse de mí y enviarme a la capital a cualquier colegio decidieron salir de la aldea y eligieron Vigo” [1]Chegados á cidade Olívica, o pai comezou a traballar como axente de embarques e tivo algún encontronazo coa xustiza por unha falsa acusación de falsificación de documentación pero saíu sen cargos e a Federación Industrial e Mercantil de Vigo respondeu da honorabilidade de Don Anacleto[2]. Dous anos despois de chegar montou o Hotel Roma na Praza da Constitución na rúa Joaquín Yañez nº 4, onde ofrecía esmerado servizo a prezos módicos[3].
Os pais de Olimpia buscaron o mellor colexio de Vigo para que estudara a súa filla pero non foi do agrado de Olimpia xa que, segundo ela, alí ensinábanlle a ser “señorita” pero non aprendía nada práctico. Finalmente matriculouse na Academia Minerva para prepararse para Maxisterio e, como era unha muller de elevada autoesixencia, aproveitou moi satisfactoriamente os estudos sacando unhas brillante cualificacións. Pero realmente, a Olimpia non lle satisfacía o Maxisterio e falou cos seus pais para plantearlle realizar os estudos de Medicina e, lonxe do que imaxinaba, o seu pai e a súa nai aceptaron de bo grado a decisión. Entón tivo que sacar o título de Bacharelato pero como lle validaron varias materias por ter feito Maxisterio rematouno en dous anos ademais de ir compaxinando o preparatorio de Medicina. Estes logros normalmente recollíanse na prensa da época para realzar os méritos das poucas mulleres que daquela facían estudos superiores “Delfina Mediero e Olimpia Valencia. As dúas foron alumnas da Academia Mediero e no Instituto obtiveron brillantes resultados acadando o Título de Bacharelato”[4] .
(Fonte: Galiciana. Vida Gallega, nº 136, 15 novembro de 1919, p. 17.)

Olimpia contou que cando cursaba o Bacharelato preguntábanlle que ía estudar e ela non contestaba pois sabía que naqueles anos non consideraban apropiado que unha muller estudase Medicina. Unha persoa clave para que Olimpia decidise realizar estudos de medicina foi o director do Instituto de Pontevedra, Ramón Sobrino: “Me examiné de Historia Natural con Don Ramón Sobrino, que era entonces director del Instituto. Creo haber hecho un buen examen y cuando estaba en los claustros comentando con mi profesor y mi padre mi impresión veo a mi lado a Don Ramón que, papeleta en mano me la entregó firmada con sobresaliente y matrícula de honor, caso para mí insólito. Me preguntó qué iba a estudiar y al decir que Medicina le pareció muy bien”[5]. Era o ano 1919, nove anos despois de que en 1910 o Decreto asinado por Romanones permitía que as mulleres accedesen aos estudos superiores. O logro de Olimpia hai que consideralo como un fito histórico para as mulleres pois foi das primeiras en incorporarse, primeiro, aos estudos universitarios e, segundo, porque se decidiu por unha carreira que non estaba considerada apropiada para a muller.
Matricúlase na Facultade de Medicina en 1919 cando tiña 21 anos, licenciándose en 1926 con brillantes cualificacións[6]. A entrada na Facultade non foi fácil xa que ela non coñecía a ninguén e recoñeceu que sentiu certo temor ao verse nun ambiente e espazo que lle resultaban un tanto temerosos. Pero superouno grazas ao apoio constante do seu pai que a acompañou os primeiros días á entrada e á saída das clases: “ mi padre estuvo conmigo los primeros días, me acompañaba hasta que entraba en clase y me esperaba a la salida”[7]. Nembargantes, o recibimento por parte dos seus compañeiros e profesores foi bo, agora ben, a súa presenza deu lugar a que houbera que determinar en que lugar debía situarse durante as clases teóricas e as prácticas, sempre gardando certas distancias co resto dos compañeiros. Afortunadamente Olimpia non tivo que sufrir o que pasaron as irmás Fernández de la Vega, Jimena e Elisa, naturais de Asturias e as primeiras estudantes da Facultade de Medicina en Santiago na que ingresaron en 1913, que si foron obxecto de burla por parte de alumnos e profesores.

(Fonte. Galiciana. Vida Gallega, 1 de agosto de 1922, p. 25. Olimpia no seu cuarto curso de carreira)
 
(Fonte. Galiciana. Vida Gallega, 25 de xullo de 1923, p. 15. Olimpia no seu quinto curso de carreira.)

Namentres estudaba a carreira Olimpia inteveu en pequenas representacións teatrais demostrando ter dotes interpretativas. O día dous de maio de1922 representou no Teatro Principal de Santiago xunto con outros estudantes a obra “Trebón” unha obra en tres actos de Don Armando Cotarelo e dirixida por Tito Vázquez. Olimpia estaría acompañada no escenario polas tamén estudantes Mercedes G. Aller, Margarita Deloufeu, Marina Cabeza, Encarnación Ro e María Luísa Fernández. O recadado ía destinado a fins caritativos para paliar a fame dos necesitados rusos[8].

(Fonte: Galiciana. Vida Gallega, 20 de xullo de 1922, p, 18.)

(Fonte. Galiciana. Olimpia Valencia ataviada no papel de Rosalín da obra O Trebón. Vida Gallega, 20 de xullo de 1922, p. 18.)
 
Era unha alumna exemplar no sacrificio e na aplicación. No sexto curso de carreira sacou matrícula de honra en todas as materias[9] o que di moito do esforzo realizado. Durante os estudos pasou por vivencias que lembrou toda a súa vida, como foi o caso da primeira clase práctica de Anatomía á que ía nerviosa pois nunca vira un cadáver e temía non poder soportar a proba e agradeceu que o profesor a escusara de presenciar a disección do corpo. Isto foi a primeira vez pero despois tivo que practicar e ver cadáveres na Cátedra de Anatomía. Segundo ía superando os cursos, sentíase máis cómoda na carreira e había materias que eran do seu agrado, como Patoloxía Xeral, Partos Xinecolóxicos e Patoloxía Médica. Finalmente, decidiu que a súa especialidade sería Xinecoloxía, unha rama moi indicada para ser desempeñada por unha muller. Lembra que cando comezou a asistir aos primeiros partos impresionáronlle moito “Mi asistencia a la clínica de partos tuvo un bautismo no demasiado agradable. Yo no había visto nacer a nadie…he de confesar que me horrorizó”[10].


                                         (Fonte: Galiciana. Noticia recollida no Heraldo Gallego do 9 de agosto de 1925, p. 7.)



A súa proeza non pasaría desapercibida ante a sociedade ourensá da época e mesmo a prensa fixo eco do evento: "La bella señorita orensana, hoy residente en Vigo, Olimpia Valencia López, primera mujer gallega que con la nota suprema acaba de obtener la licenciatura en la Facultad de Medicina, en la Universidad Compostelana, después de ter cursado toda la carrera con la extraordinaria brillantez"[11].
Quixo seguir formándose e solicitou un Certificado a Madrid para especializarse en xinecoloxía. Matriculouse na Universidade Central en 1925 para facer as materias de Doutorado e asistir á Clínica do afamado xinecólogo Sebastián Recaséns y Girol que sería o seu director de tese. Pensionouse na Residencia de Señoritas que era un centro oficial dirixido por María de Maezto destinado a fomentar a ensinanza universitaria para as mulleres. Ramón Menéndez Pidal escribiu unha carta de recomendación a María de Maeztu para que Olimpia fora admitida: “Me permito recomendar a Vd., con todo o interés, a la Sra. Olimpia Valencia, pensionista de la Residencia. Según mis noticias se trata de una muy notable alumna que ha hecho con gran brillantez sus estudios en la Universidad de Santiago y digna del honor de su atención”[12]. Na residencia permaneceu tres anos desempeñando diferentes labores para gañar unha bolsa e custearse os gastos, como dar clase de cultura xeral ás residentes e como médica do Instituto Escola que era unha institución de ensinanza experimental que xurdiu entorno á Xunta para Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas presidida por Ramón e Cajal[13].
Non obstante, en 1928 Olimpia tivo que regresar a Vigo pois os seus pais non podían custear máis os gastos, pero este regreso non impediu que continuara facendo a tese doutoral. Deixou, polo tanto, Madrid pero trouxo con ela moitas amizades e, por suposto, o agarimo de María de Maeztu coa que seguirá carteándose.
Olimpia creara en 1921 un pequeno consultorio en Vigo, segundo figura un anuncio no Periódico el Regional de Lugo. Era unha consulta para enfermidades propias da muller e atendía de mañá e de tarde na rúa Príncipe número 17. Os citas pedíanse no Hotel Roma ou chamando ao teléfono 486.



                                                         (Fonte. Galiciana. El Regional, 8 de agosto de 1921, p.14)

Deste xeito sería a primeira médica galega con consulta propia de atención primaria. Pero o verdadeiramente notable foi que Olimpia abriu o que sería unha Clínica Profesional en Vigo para atender ás mulleres: “Para enfermedades de la mujer, partos y consultas” e surtida de material clínico profesional adecuado que ela mesmo foi a adquirir a Madrid o 6 de outubro de 1927. Dita clínica foi inaugurada o 5 de marzo de 1928[14].[15].

(Fonte. Galiciana. Vida Gallega, 20 de abril de 1928, p. 16. Clínica de Olimpia Valencia en Vigo.)
 
Olimpia lembra que cando abriu a clínica as primeiras en acudir foron as amigas e coñecidas e que pouco a pouco foi gañando moita clientela. A sociedade non tiña aínda asumido que unha muller desempeñara unha profesión tan importante como a Medicina e menos que rexentara unha clínica con todo o instrumental que se requiría, por iso: “Algunas veces tuve que enseñar el título a algunas personas que llegaban y me preguntaban por el médico y cuando les decía que era yo el médico se asombraban, pero después acababan por entregase” . Alí estaba coa súa bata branca e a súa actitude resolta cos pacientes adquirindo cada vez máis sona na sociedade viguesa. Ademais Olimpia anunciábase na prensa, non só de Vigo, senón do resto de Galicia, o que contribuíu a que se difundise a súa fama.
Olimpia sempre defendeu que muller debía traballar sendo ela mesma un exemplo: “Debe trabajar y estudiar porque es la única fuente de rendención que puede hallar. Porque la mujer es apta como el hombre. Porque ya es una nebulosa absurda que se lleva aquello de que el matrimonio ha de ser la carrera de las muchachas…yo no defiendo el reclutamiento de resabidas y sabihondas. Pero sí mujeres instruídas y con capacidad de trabajo”[16].
Despacho de Olimpia Valencia



(Foto Pacheco. Revista Estampa, nº 107, 28 de xaneiro de 1930, p. 27.)


Foi compaxinando o traballo na clínica coa redacción da súa tese e o seu afán por perfeccionarse e especializarse máis levouna a solicitar unha beca na JAE (Junta de Ampliación de Estudos) para unha estadía dun mes no estranxeiro polo que tivo que pechar a clínica temporalmente. Estivo en Suíza e en Francia profundando nos coñecementos clínicos e ao regresar abríu de novo as consultas. Finalizou a Tese de doutoramento cuxo título era "La Colesterina en la anestesia quirúrgica" e presentouna en novembro de 1930.
A clínica tiña cada vez maior número de pacientes que acudían coa confianza de ser tratadas por unha médica. Pero Olimpia seguía emprendendo chegando a fundar a Academia Médico Cirúrxica en 1930 da que logo sería vicepresidenta en 1935. Pero un feito triste veu enturbiar esa traxectoria tan exitosa e este foi o falecemento do seu pai o 31 outubro de 1933[17]. Sería unha perda moi sentida por Olimpia e tamén polos cidadáns de Vigo xa que gozaba de grande estimación. Seu pai fora un apoio moi importante pois nunca puxo impedimento para que estudase e desempeñase a súa profesión, súas eran as palabras de alento que lle daba: “valor se hace y con fuerte voluntad se consigue”[18].
Olimpia Valencia foi unha adiantada á súa época. Viviu o espírito de rebeldía contra a Ditadura de Primo de Rivera e ao implantarse a Segunda República comprometeuse politicamente asinando en 1931 un chamamento de apoio aos candidatos republicanos galeguistas da provincia de Pontevedra encabezados por Castelao: “Nadie podrá negar calidad a la candidatura galleguista que de todo corazón nosotros auspiciamos. Pero, además estamos obligadas por gratitud a propagarla. Porque no en vano es en el Estatuto gallego qu estos tres diputados defenderán en el Parlamento, donde por primera vez la mujer es colocada en igual plano que el hombre en orden a privilegios y derechos”[19]. Ela coñeceu a Castelao, a Paz Andrade e a Cabanillas en Santiago e compartía con eles o amor por Galicia.

 
                                                            Olimpia Valencia” La Pajarera".

O seu compromiso foise reafirmando cada vez máis e asinou un Manifesto titulado “Votade o Estatuto de Autonomía” en 1936 facendo un chamamento para que as mulleres desen o seu apoio ao Estatuto e defendesen a terra, á patria galega: “Mulleres de Galicia que sodes todo no fogar e no traballo na casa e na cibdadanía, no sostén e na tutela dos fillos, cativos, que a emigración ou o naufraxio vos deixaron horfos! ¡Xuntade o voso esforzo so aos dos galegos que queren unha Galicia non escravizada, un mundo máis ledo, unha cultura propia, unha vida digna…Por Galicia, mulleres da nosa terra. Hirmáns de Galicia: Votade o Estatuto da Nosa autonomía” [20]
Cando se estaba a vivir a terrible guerra civil, Olimpia foi detida en xuño de 1937 por unha denuncia anónima alegando que simpatizaba co republicanismo e co galeguismo polo que era considerada inimiga do réxime. Tivo que suspender as súas consultas na clínica dando aviso a través da prensa[21], non sabía o tempo que estaría detida nin o que ía pasar. Finalmente, permaneceu catro días no cuartel da Garda Civil para saír de novo en liberdade, pero non comezaría a consultar de novo ata o día 28 de xullo[22]. Este feito marcaríaa moito.
Ao comezar a traballar as súas pacientes tiñan medo de asistir á súa consulta por estar Olimpia catalogada como "Roja", a pesar diso seguíu adiante dedicándose plenamente ao traballo. Sufrirá de novo un duro golpe co falecemento da súa nai á que estaba moi unida. Despois disto opositou á Seguridade Social e corenta anos despois xubilouse máis o traballo coas mulleres continuou ate os 82 anos.
Olimpia faleceu en Vigo o 10 xullo de 1987, aos 89 anos. Tivo moitos recoñecementos sociais, como era de merecer. Foi unha muller de traxectoria impresionante e soubo conseguir os seus propósitos con obstinación e esforzo. A súa defensa pola igualdade da muller co home demostróunola coa súa propia experiencia de vida.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Cid Galante, Rosa María "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1930) Minius. Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, 11 (2003), 139-156.
Cid Galante, Rosa María, Muller e Educación en Ourense (1900.1930), Tese de Doutoramento Vigo, Universidade de Vigo, 1906.
Gurriarán, Ricardo, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940) , Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2006.
Fuentes, Ana, Olimpia Valencia. Ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera, Vigo, Instituto de Estudios Vigueses, 2019
Mulheres Nacionalistas Galegas, Recuperando a Nossa Historia, Vigo, Concellería de Cultura, Educación da Muller, 1998 e 1999.
Pérez Pais, M.ª Carmen, “Olimpia Valencia, o femenino na historia”, Festa da palabra silenciada, 3 (1986) 23-25.
Vázquez Ramil, Raquel, “Mulleres na residencia de Señoritas de Madrid “cando van, van coma rosas…” Revista Sarmiento. Anuario galego de historia de educación 16 (2012) 101-120.




[1] Olimpia Valencia deu o 22 de maio de 1975 un discurso no Náutico de Vigo con motivo do Ano Internacional da Muller, titulado “Autobiografía de una universitaria gallega de los años veinte”no que fixo un percorrido da súa traxectoria vital e profesional. Vid: El Pueblo Gallego, 17 de maio de 1975.
Este discurso está transcrito na publicación de Ana Fuentes, Olimpia Valencia. Ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera, (Vigo, Insituto de Estudios Vigueses, 2019) 20.
[2] La Correspondencia Gallega , 19 de xuño de 1914, p. 3; La Región, 24 de xullo de 1913, p. 3.
[3] La Región,27 de marzo de 1912, p. 3.
[4] Vida Gallega, nº 136, 15 novembro de 1919, p. 17.
[5] Ana Fuentes, Olimpia Valencia…Op.cit.,, 24.
[6] Rosa María Cid Galante, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1930) Minius. Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, 11 (2003), 149; Muller e Educación en Ourense (1900.1930), Tese de Doutoramento Vigo, Universidade de Vigo, 1906.
[7] Ana Fuentes, Olimpia Valencia…Op.cit., 27.
[8] “Teatro Principal. Estreno de Trebón” El Eco de Santiago, 29 de abril de 1922, p. 2.
[9] El Eco de Santiago, 26 de maio de 1924, p. 2.
[10] Ana Fuentes, Olimpia Valencia…Op.cit., 30.
[11] La Región, 30 de junio de 1925, `p. 1.
[12] Raquel Vázquez Ramil, “Mulleres na residencia de Señoritas de Madrid “cando van, van coma rosas…” Revista Sarmiento. Anuario galego de historia de educación 16 (2012: 212-213) 101-120.
[13] Ricardo Gurriarán, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940) , (Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2006) 233.
[14] “La Doctora Olimpia Valencia”, El Eco de Santiago, 6 de marzo de 1928, p. 2; El Ideal Gallego, 7 de marzo de 1928, p. 8.
[15] El Pueblo Gallego, 6 de outubro de 1927, p. 6; El Pueblo Gallego , 18 de decembro de 1927, p. 7.
[16] Juan Carballeira, “Una mujer que trabaja dice…” Revista Estampa, nº 103, 28 de xaneiro de 1930, p. 27.
[17] El Pueblo Gallego, 1 de novembro de 1933.
[18] Autobiografía de Olimpia Valencia, vid: Ana Fuentes, Olimpia Valencia…Op.cit., 23.
[19] Ana Fuentes, Olimpia Valencia,…Op.cit., , 57.
[20] “¡Mulleres de Galicia!” El Pueblo Gallego, 20 de xuño de 1936, p. 11.
[21] El Pueblo Gallego, 13 de xuño de 1937, p. 6.
[22] El Pueblo Gallego, 28 de xullo de 1937, p. 2.