Etiquetas

15 marzo 2009

IRENE ÁLVAREZ VERAS

Irene Álvarez Veras naceu o 13 de decembro de 1898 en Ourense. Era filla de José Álvarez Vázquez e de Irene Veras. Ingresou en 1917 no instituto Provincial onde realiza os seis cursos de bacharelato e obtén o título. Obtivo sobresaliente en todas as materias dos cursos.

En 1923, aos 25 anos, aparece rexistrada na facultade de Medicina onde realiza tres cursos con bos resultados para trasladarse a Madrid para especializarse en Odontoloxía. A prensa do momento eloxiaba a esta prezada muller:

“Conocida en Orense como Irenita Álvarez, entrevista a esta odontóloga. Sus estudios predilectos eran las Ciencias, concretamente las Ciencias Naturales y al terminar bachillerato hizo Universidad por esa rama. Hizo los estudios por libre haciendo el curso de preparatorio de Ciencias en una sola convocatoria. Después se matriculó en oficial en la Facultad de Medicina en Santiago pasando luego a Madrid a cursar Odontología. Tenía buena relación con sus compañeros con los que hablaba y charlaba del tema. Pero además de tener la especialidad de Odontología tenía el Título de Maestra Nacional. Ahora ansía trabajar como odontóloga" (La Zarpa, 17 de marzo de 1929).

O 25 de febreiro de 1929, un domingo ás cinco da tarde, inaugura a súa clínica dental na rúa San Miguel, nº 18 á que acudiron numerosos invitados así como a prensa local. Cando se constituíu o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos Pontevedra-Ourense o día 17 de xuño de 1930 dona Irene foi nomeada vogal. Era unha muller que quería estar nas últimas nos avances médicos e por tal motivo contaron coa súa asistencia ás Asembleas de Odontoloxía que se celebraron en 1930 en San Sebastián. Para acudir a estas celebracións facíase acompañar polo seu pai, Don José Álvarez, pois para a época non era conveniente que unha muller viaxara soa. En xuño de 1941 tamén foi a Madrid para asistir ao Congreso Práctico Médico Odontolóxico.

Era moi valorada na cidade pola súa profesionalidade e pola súa faceta filantrópica de axuda aos necesitados de Ourense para os que ofrecía donativos en Nadal. Era frecuente vela en diversos actos sociais como no momemento de fillo predilecto ao doutor García Boente en Ribadavia en 1943.

Irene traballará ata a súa xubilazación no ano 1969. Lamentablemente faleceu dous anos despois, en maio de 1971 e dita perda foi moi sentida pola cidade ourensá.


(Fonte: Anuncio publicado en Corpus 1932 : Programa oficial [76]. Galiciana)

(Fonte: El Pueblo gallego, 22 de maio de 1971)

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156.

Colexio de Ondontólogos Pontevedra-Ourense: Foto: Vida Gallega, n1 129, xullo 1919; El Pueblo gallego, 26 de febreiro de 1929; El Pueblo gallego, 18 de setembro de 1930; El Pueblo gallego, 4 de decembro de 1936 decembro 4; El Pueblo gallego, 6 de xuño de 1941; El Pueblo gallego, 14 de setembro de 1943; El Pueblo gallego, 14 de decembro de 1969; El Pueblo gallego, 22 de maio de 1971. Foto: Vida Gallega, n1 129, xullo 1919.