(Día adecuado para lembrar o 25 de novembro, día contra a violencia de xénero. As mulleres tamén padeceron a violencia política que tamén é de xénero.)
O día 23 foi un día memorable para a vila de Celanova pois, tras investigacións intensas e concienzudas do Comité da Memoria Democrática de Celanova coñeceuse a relación de mulleres que estiveron presas e tamén se localizou o edificio que albergou a penitenciaría de mulleres. Teño que agradecer encarecidamente a invitación do Comité pois fixéronme partícipe das súas tremendas forzas para descubrir a historia das vítimas.
Ese día acudín invitada polo Comité para impartir unha comunicación sobre mulleres represaliadas e eu tomei como referencia a aquelas mulleres, mestras, que foron represaliadas, reprendidas e castigadas sometidas a intensos controis da Comisión de Depuración que en Ourense actuou con gran celo para poder coñecer a traxectoria de todos e todas as docentes e valorar se eran dignos e dignas de continuar exercendo nas escolas pois eles debían asentar os piares dos novos valores patrios.
Pretendín entrar na semántica do que supuxo a depuración do maxisterio e cómo a viviron, en especial, as docentes, as mestras. Deste xeito pode considerarse que, aínda que non sufriron a pena de cárcere, moitas si viviron un verdadeiro calvario e un cárcere simbólico nas súas vidas.
A ditadura quixo extirpar todas ideas e aires de modernidade que a República trouxera ao país e actuou de xeito implacable para eliminar de raíz todo vestixio republicano.
Os docentes ían ser un obxectivo clave para o Ditador. Na depuración dos docentes non houbo piedade e actuouse con celeridade. E se para os mestres a ditadura foi moi severa e inflexible provocándolles verdadeira incerteza e temor, para moitas mestras supuxo, amais todo iso, un verdadeiro trauma, xa que ao castigo imposto había que engadirlle a sanción social de quedar sinaladas como mulleres que non souberon cumprir ben o cometido que ao longo da historia se lle viña pautando.
Todas as mestras da provincia víronse vixiadas e fiscalizadas, tendo a obriga de amosar informes que garantiran a súa conduta, a súa moralidade. No Concello de Celanova foron 54 mestras ás que se lle requiriu informes, das cales, catro, por pertencer a A.T.E.O, non se libraron das duras sancións. Amosei os casos destas catro mestras como exemplo de cómo se vivía o proceso de depuración, do que se sentía … en definitiva, do que se sufría polo temor a quedarse desvalidas, desamparadas e con temor padecer pola súa supervivencia económica para manter ás súas familias.
Poden ver os trazos da miña presentación clicando na seguinte imaxe