Etiquetas

28 enero 2024

ASOCIACIÓN DAS DAMAS DA BOA PRENSA


En Ourense, como noutras cidades galegas, constituíronse diversas asociacións de mulleres con diversas finalidades pero que tiñan como denominador común que estaban formadas por ourensás de aboengo, moi conservadoras e tradicionalistas, moi titeladas pola igrexa e que se dedicaban, principalmente, a facer obras de benefencia e con afán proselitista no relixioso.

Pois ben, outro dos campos nos que interviron un grupo de mulleres ourensás foi a prensa e a tal fin constituiuse a denominada a Asociación das Damas da Boa Prensa para loitar contra a que consideraban "mala prensa". Segundo a Asociación, había que manter unha prensa de acordo cos principios de orde natural, defendendo sempre a importancia do papel da Igrexa na dilixencia dos pobos. Por iso, as Damas chegaron a proclamar "Abajo la tiranía", "Viva la Iglesia"," Viva el Papa libre". contra a medida da Lei do Candado do Goberno de Canalejas na que se defendía a separación Estado e Igrexa:

En Ourense esta asociación conformouse en 1910 e parece ser que foi das primeiras en constituírse en España e cuxo principio era ser unha asociación "católico-social". O seu patrón era Francisco de Sales, que era o patrono da prensa católica.

As damas convocaban anualmente a xunta xeral o día 30 de xaneiro de cada ano. Estas celebrábanse na residencia dos PP. Paules e eran presididas polo bispo da cidade, o que denota o interese da igrexa pola actividade da asociación. A Residencia dos Padres Paúles fora fundada en 1902 e estaba situada na rúa Alba, actual Cardeal Quiroga, número 23 e despois trasladouse ao número 28.

(Rúa Alba. Rúa Luís Espada. Actual Outeiriño -Cardenal Quiroga. Foto de posta de Tesoros del Ayer.)

A presidenta das damas en 1910 era Socorro Espada Guntín; vicepresidenta era Rosa Garcé; tesoreira, Adela Martínez;  secretaria Camila Álvarez Seara; vogais, Rosina Lareo, Teresa Cerdé, Isabel Velasco de Quiñones, Sabina Albizu de Valcárcel, Carmen Álvarez Saens, Rosario de las Cuevas, Pilar Prieto Pérez, Modesta Parada Justel e Josefa Paz de F. Alonso. 

A directora da asociación faleceu en novembro de 1912, a prensa local non aforrou palabras para enxalzar a súa relixiosidade e preocupación polos pobres: "madre de los pobres". O seu cargo foi ocupado por Rosa Garcés de Mansilla e pasando a ser vicepresidenta, Josefa Paz. En 1915 pasou a ocupar a dirección a Marquesa de Leis.

A asociación redactaba unha memoria anual que era lida na Xunta. A través das memorias pódese extraer cales eran as intencións e obxectivos da agrupación. 

A secretaria Camila Álvarez leu a memoria de 1912 na que expuxo os traballos e logros levados a cabo, ata entón, pola asociación. Unha das principais preocupacións era que a prensa garantizase uns principios acordes coa ideoloxía conservadora: 

Pero a merced a estos trabajos de activa propaganda, podemos abrir nuestros pechos a la esperanza de que un día no lejano se reflejará en la mayor parte de los corazones en todo elesplendor de su vivificante y fascinadora belleza. Pues por lo que hace a esta localidad, aunque no en la proporción que fuese de desear, la venta de los buenos periódicos alcanzó una ventaja considerable sobre los años anteriores, habiendo tenido que aumentar en casi más de la mitad los números que diaramente se reciben de El Correo Español y El Debate así comolos de La Lectura Dominical...·(1)

En Ourense, a asociación custeaba varias publicacións de tendencia apostólica que as compoñentes distribuían personalmente. Segundo as Damas, a prensa debía ser independente, imparcial, amena, instructora...A asociación chegou a patrocinar o xornal La Voz de la Verdad un periódico que xurdiu en 1910 e que se editaba en Lugo manténdose ata 1937, ano no que deixou de publicarse. 

Denunciaban a prensa que ao seu ver ofrecían informacións tendenciosas e sectarias e degradaban á sociedade, así pois, estaban no seu punto de mira  El País, España Nueva; El Radical; El Imparcial; El Liberal; Heraldo de Madrid. Para contrarrestalos, consideraban preciso organizar un bo servizo de vendedores da boa prensa que fosen "vociferando" polas rúas aquelas publicacions piadosas. Incluso plantearon montar un quiosco para ofrecer unicamente "buenas lecturas", tal como se fixera en Santiago e Pontevedra. E ao fin o lograron e en 1919 Francisco Villanueva cedeu o seu local situado nunha zona céntrica da cidade para vender ao público a prensa moral e ética que preconizaba a Asociación. 

En Ourense, as damas facían un arduo labor e, en efecto, segundo transcurrían os anos, a difusión de prensa "boa" ampliábase, tal como manifestou a secretaria na xunta de xaneiro de 1913. Estes avances ían á par da ansia militante das asociadas pois: 

"...las que nos honramos con el título de Damas de la Buena Prensa, debemos ser las que , por modo especial, difundamos por todas partes el elemento regenerador del ejemplo....Seamos nosotrads las primeras adalices de la moral, y sin grandes esfuerzos conseguiremos imponerla a los demás; seamos las primeras en vestir con modestia, en no asistir á determinados espectáculos, en no leer ciertos libros, ciertos periódicos y revistas; no rindamos humillante vasallaje al imperio de la moda...." (2).

As damas arremetían tamén contra os espectáculos que consideraban pornográficos e en varias ocasión acudiron a onde o alcalde para facer unha protesta pública, contra as postais e carteis anunciantes de eventos festivos, incluso contra as malas formas no falar da xente (a este respecto tiveron a adhesión da asociación dos "da Liga del Bien Hablar" de Allariz)... 

A transcendencia da asociación deu lugar a que varias agrupacións se adheriran aos seus propósitos.

Segundo o decorrer dos anos a directiva ía cambiando e incorporábanse máis mulleres. En 1926, con dezaseis anos de traxectoria, a Xunta estaba conformada por:

Presidenta: Pilar G. Ruberte de Muñoz Delgado.

Vicepresidenta: Alejandra Ulloa de Rubín.

Secretaria: Blanca Calvo.

Vicesecretaria: Modesta Parada.

Tesoreira: María Guerra de Muñiz.

Vicetesoreira: Felicia Salguero Fragoso de Quiroga.

Vogais: Pura Sebastián de Pomares; Leopoldina Caramelo de Mosquera; Obdulia Pérez Serantes de Colemán; Regina Sás de Diéguez Novoa; Amalia González Ariza e Dolores González de Ulloa.

Mulleres que gozaban de grande prestixio no Ourense desta época e actuaban como soldadescas dos propósitos eclesiásticos. Mulleres que darían á asociación un maior peso social nunha cidade onde o analfabetismo era acuciante. Mulleres coa capacidade de erixirse en exemplo para as ourensás máis humildes.

As damas da boa prensa era outra das organizacións conservadoras de tantas que se formaron en Ourense no primeiro terzo de século vinte. 

(1) "La Buena Prensa", La Región, 31 de xaneiro de 1912, p. 2. (2) "Asociación de las Damas de la Buena Prensa", La Región, 31 de xaneiro de 1913, p. 1; La Región, 14 de febreiro de 1914; 

(Elaboración propia. Vid: La Región, 9 de novembro de 1912, p.2; La Región, 25 de xuño de 1913, p. 1; La Región, 6 de xaneiro de 1915, p. 1; La Región, 5 de febreiro de 1916, p. 1; La Región, 1 de marzo de 1919, p. 1. Foto da entrada. Asociación de roupeiro de Santa Vitoria, presidido pola Marquesa de Leis e sendo secretaria a Señorita Alvarez Seara. A maior parte do grupo de mulleres conformaban as Damas da Boa Prensa. No centro da fotografía o bispo Ilundain e a Marquesa de Leis. Vida Gallega,15 de setembro de 1918, p. 12.)