Vicenta naceu o 25 de febreiro de 1913 en Dadín, O Irixo, era irmá de María Pérez López que tamén figura neste blog.
Eran fillas de Hermenesindo Pérez García que era médico e de Elvira López. Era neta de Ramón Pérez García que tamén era médico en Dadín.
Vicenta residía en Ourense na rúa Lúis Espada número 7.
Tiña grandes dotes para a pintura. Presentou en marzo de 1929 unha mostra dos seus cadros na Deputación Provincial de Ourense. Tras examinar as súas obras por medio dun perito a Deputación aceptou concederlle unha subvención de mil pesetas para que puidera continuar os seus estudos en Madrid. É importante salientar como as institucións axudaron a que mulleres ourensás puidesen formarse nas súas inquedanzas.
Estudou no Instituto Ourensán e obtivo o título de bacharelato en 1933. O 30 de agosto de 1934 enviou unha carta ao Decano da Facultade para solicitar que lle permitise presentarse ás probas de enfermería que estaban previstas para setembro dese ano.
Casou co Director do Banca Don Ricardo Martín Esperanza que contribuíu á creación do Polígono Industrial de Ourense e a Torre de Ourense. Ademais foi fundador da Falanxe en Ourense. O matrimonio residiu nun piso do edificio coñecido como o "rascacielos" que estaba á entrada da Ponte Nova cuxo arquitecto foi Alex Reilen, O matrimonio tivo tres fillos que se chamaban Ricardo, Victoria e Israel.
Tamén consta nun estudo realizado por Ana Cebreiros Iglesias que Vicenta Pérez López foi fundadora da Sección Feminina en Ourense no ano 1935.
Ourense foi a segunda de Galicia e a terceira de toda España en crear a Sección Feminina en 1935. Con Vicenta estaban Álvarez de Nóvoa que era a encargada de Prensa e logo delegada provincial do ramo, Antonia Méndez Villar, Felisa de Prada, Áurea Rodríguez Fernández, Elvira e Maru Pérez, Teresa Cabrera, Maruja Gándara, Pacita Carballo que era a delegada provincial de flechas...O seu papel era estimular o amor á Patria, ao Estado, ás tradicións...Confeccionaban camisas azuis para atender á demanda dos afiliados, bordado dos estandartes, bandeiras, símbolos, asistencia aos detidos falanxistas no verán de 1934, apoio ás familias, recollida de colectas, etc. Algunha destas mulleres foron encarceradas na etapa do Frente Popular.
No 14 de xuño de 1944 Vicenta recibiu a medalla de La Vieja Guardia nun acto no Xardín do Posío e con ela tamén as súas compañeiras Concepción Pérez López, irmá de Vicenta, Rosa Lamas Álvarez, Teresa Cabrera Borrajo, María Vázquez González, Carmen Felpeto Vázquez, María Silva García e Carmen Varela Martínez.
Vicenta faleceu en xuño de 1966.
(Fonte: El Pueblo Gallego, 1 de xaneiro de 1938, p. 13)
Vid:
http://culturagalega.org/album/docs/linatempo.pdf; http://investigadoresfranquismo.com/pdf/comunicacions/mesa4/cebreiro.pdf
Pascual Carballo, A., Mas de cien años en la vida de Ourense, A Coruña, 1996, páx. 142; El Progreso, 2 de xuño de 1966, p. 3; El Pueblo Gallego, 18 de outubro de 1975, p. 17.