RECANTO DE REFLEXIÓNS

15 julio 2011

LOLA TOUZA DOMÍNGUEZ, JULIA TOUZA DOMÍNGUEZ e AMPARO TOUZA DOMÍNGUEZ


As irmás Touza, Dolores, Amparo e Julia, naceron en Ribadavia e grazas a elas salváronse moitos xudeus que chegaban á estación de ferrocarril de Ribadavia para pasar a fronteira de Portugal fuxindo dos nazis..

         As irmás Touza eran Dolores, Amparo e Julia Touza Domínguez. A maior era Dolores que naceu en 1890, seguida de Amparo dous anos menor, que naceu no 1892 e a máis nova, Julia, naceu no 1901. Eran de familia humilde e numerosa pois eran sete irmáns e vivían na rúa do Xuíz Viñas, número dous, pero foron tres nenas que tiveron unha infancia feliz pois eran alegres, curiosas  e inquedas. Xa desde a súa infancia podíase prever a súa heroicidade. A familia estivo sempre moi unida e apoiaron a Lola cando tivo un fillo de solteira pois sabían que ese feito provocara certo escándalo nunha vila tan pequena e pechada.
            Lola, Amparo e Julia tiñan unha grande capacidade emprendedora e para saír dunha situación de escaseza por ser tempos moi difíciles de guerra e moita fame rexentaron o casino de Ribadavia e ademais crearon outro negocio consistente nun posto-quiosco na estación de tren de Ribadavia. Vendían rosquiñas, melindres, froitas e incluso bebidas como licor café e viño da comarca. Era un quiosco hexagonal chego de xanelas por todos os lados e ata daban caldo galego quente para os días de inverno[1]. O negocio daba resultado pois, daquela, a estación de Ribadavia tiña moita actividade e mobilizaba moita xente. Tamén os nenos do colexio aproveitaban os recreos  para ir ao quiosco a probar os doces caseiros.


            Aquí comezaría unha trama secreta cuxas protagonistas van ser as tres irmás e que supuxo un feito altamente encomiable xa que, arriscando a súa vida, salvaron a centenares de xudeus que escapaban da persecución nazi.
            Un día do ano 1941, o ano da terrible guerra, as irmás atoparon a un home de estatura elevada, barbudo e sucio, tapado cun abrigo de mendigo estaba agochado nunha esquina do único banco do andén. Levaba todo o día mirando de xeito desconfiado. Ao chegar a noite unha voz sae do quiosco: “Mira ese hombre, lleva todo el día ahí sentado sin coger el tren…”. Lola achegouse a el e faloulle  pero el non a entendía e observábaa con desconfianza cos seus ollos azuis. Chamábase Abraham Bendayem  e chegara de Lyon de onde se escapara do campo de concentración, xunto cun asturiano ao que mataron os nazis tras a fuxida[2].
            De inmediato quixeron axudalo e Lola foi falar con Francisco Estévez que estaba descargando ladrillos dun vagón para pedirlle o favor de que levara a Abraham a Portugal. Pola noite, Francisco e Ramón Estévez acudiron á casa de Lola coas canas de pescar e contou Ramón Estévez: “Nos levantamos a las cuatro y nos fuimos a casa de Lola. Ya estaban preparados, estaban detrás de la puerta . Lola sacó del bolsillo cuatro duros …”[3] Déronlle unha cana ao home e foron ao Miño. Tras varias horas chegaron a Frieira e Abraham quitouse a roupa e despediuse de Ramón dicindo: “Lembrareite toda a vida, amigo”. Cruzou o Miño e chegou a terras Portuguesas. A partir de entón, comezou unha rede clandestina encabezada polas irmás Touza que conseguiu salvar a centenares de xudeus.
            Entre 1941 e 1945 numerosos xudeus, belgas, polacos, alemáns… viaxaban na liña Hendaya-Vigo pois fuxían dos campos de concentración nazi[4]. A rede comezaba en Xirona ata Medina del Campo e desde alí continuaba ata as estacións de Monforte e Ribadavia, coñecida como a Estación Liberdade. Os xudeus traían un visado feito polo cónsul portugués, Arístides Sousa, quen segundo parece, era o que daba aviso ás irmás, por medio dun telegrama, de que no tren ía algún xudeu. Ao chegar a Ribadavia os xudeus preguntaban por “la madre” que era o alcume de Lola. As irmás agachaban aos xudeus no seu quiosco e durante a noite levábanos á súa casa permanecendo alí ata poder cruzar a fronteira a Portugal andando ou en coche. Deste xeito as irmás foron salvando a dous por semana e a cada un dábanlle unhas moedas que gañaran  nos bailes que organizaban no seu casino e que ían gardando celosamente nunha bolsiña no caixón do aparador.
            Contaron coa colaboración dos taxistas Xosé Rocha e Javier Míguez “El Calavera”; un tonelero chamado Ricardo Pérez “El Evangelista” que estivera en Nova York e sabía inglés e polaco actuando de intérprete entre as irmás e os xudeos; e Francisco e Ramón Estévez[5]. Esta trama foi levada con moitísima discreción e lealdade entre todos e apenas foi coñecida entre as xentes do pobo. É evidente que, supuña un risco moi alto para todos pois, de feito, algunha vez viñeron os da Gestapo a Ribadavia, que por entón andaban en Galicia polo wolframio para os seus acorazados e tanques, a preguntar por “la madre”. A lealdade e o silencio mantivo a todos unidos conseguindo salvar a máis de cincocentos xudeus.
            No casino das irmás organizábanse os bailes de pasodobres e tangos, todo dentro da normalidade. Pero esa normalidade agochaba unha coartada. No aparador da súa casa era onde gardaban unha bolsiña coas moedas que gañaban para despois darllas aos fuxidos.
            Todos, un a un, foron escapando, grazas ás irmás Touza, dos terrores das persecucións inhumanas. Desde 1941 a 1945 as irmás axudaron a dúas persoas por semana. Elas eran a forza e a liberdade. A estas mulleres había que facerlles xustiza para que a Historia as recoñecese.
            No ano 1964, outro dos homes que grazas a “la madre” puido escapar do terror, quixo saber que fora daquela muller que o levara unha noite sen lúa ao outro lado da fronteira, que o levou camiño á liberdade. Era Isaac Reztmann que se atopaba en Nova York e se convertera nun próspero comerciante alemán de pais xudeus. Isaac coñecera a un galego chamado Amancio Vázquez que viña a Galicia durante as vacacións, e  pediulle que preguntara polas irmás Touza. Foi así como a historia transcendeu ata chegar a un libreiro de Vigo chamado Antón Patiño e con el comezaría a saír esta historia á luz.
            Ela viviron a súa historia con total silencio, tal foi que nin os seus descendentes chegaron a coñecer. Sabían que arriscaran moito a súa vida e non querían que eles sufriran por nada. As tres irmás non casaron pero tiveron descendencia. Julio Touza lembra á súa avoa Lola con estas bonitas palabras: “Ellas ayudaban a estas personas de manera desinteresada y nunca lo hicieron público. Tampoco lo contó mi padre. Eran solidarias por naturaleza y no solo con judíos huidos, sino también con prisioneros de la Guerra Civil, a los que daban comida a través de los barrotes de la cárcel”. Dela di que era unha muller moi forte e con tesón[6].
            O tempo deu oportunidade de sacar á luz unha historia que arrepía de emoción. Esta historia é un exemplo da forza das mulleres por construír un mundo máis xusto. Mulleres que non tiveron medo a arriscar a súa vida por salvar a dos demais para que acadaran a liberdade, tal  como se grava na placa que Ribadavia lles dedicou: “Ás tres irmás, Lola, Amparo e Julia Touza, loitadoras pola liberdade”.
            A valentía das irmás tamén foi eloxiada pola Asemblea Universal Sefardí: “Nuestro testimonio de admiración y gratitud para Lola, Amparo y Julia quienes aún a riesgo de sus vidas han salvado a sus semejantes, a nuestros hermanos, de una muerte segura”[7]. Así mesmo foron honradas pola Fundación para a Paz de Simón Peres e plantouse unha árbore en Xerusalén na que se di: “A las hermanas Touza es un ejemplo para el futuro de amor y de valor, principios escasos en estos tiempos de odio”. Pero ademais solicitouse por parte da Rede Sefardí de España e o Centro de Estudos Medievais de Ribadavia que foran declaradas Xustas das Nacións, que é o máximo recoñecemento o Estado Israelí fai a persoas que axudaron aos xudeos durante o Holocausto.
            O que fixeron as irmás Touza foi tan digno e de tanta valentía que en libros, artigos, reportaxes, etc, relataron a súa fazaña igualándoas á marabillosa xesta de Oskar Schindler por iso son chamadas “Las Schindler gallegas”. Incluso Hollywood preparou en 1918 un musical sobre as irmásTouza en base á novela de Ruiz Barrachina titulada Estación Libertad.[8]
            Dolores faleceu en 1966, Amparo en 1981 e Julia en 1983. Fóronse en silencio porque elas quixeron pero a súa historia quedou gravada nos corazóns de todos os que salvaron e conseguiron a liberdade.
           
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Garrido Vilariño, Xosé Maneul, “Las hermanas Touza-Domínguez, justas entre las naciones” en August-Zarebska, A e Martín Villora, T. (eds) Guerra, exilio, diáspora. Aproximaciones literarias e históricas, Wroclaw Wydawnichtwo Uniwersytetu Wroclawskiego, (2014) 129-134.
Mejuto, Eva, Memoria do silencio, Vigo, Xerais, 2017.
Patiño Regueira, Antón, Memoria de Ferro, Vigo, Promocións Culturais Galegas, (2005) 153-156.
Ruiz Barrachina, Emilio, Estación Libertad, Madrid, Esfera de los libros, 2016.
Touza David, Alexandra , Lola, Amparo e Xulia, as irmás Touza, (Ribadavia, Ponle Cara al Turismo, 2019


[1] Alexandra Touza David, Lola, Amparo e Xulia, as irmás Touza, (Ribadavia, Ponle Cara al Turismo, 2019) 5.
[2] Paco Rego, “La gallega que salvó a 500 judíos” https://www.elmundo.es/suplementos/cronica/2008/678/1223919740.html consultado o 14 de abril de 2020.
[3]  “Caridade , valentía…e silencio “ www.crtvg.es/tvg/a-carta/reporteiros-04-02-2012 citado por Garrido Vilariño, Xosé Maneul, “Las hermanas Touza-Domínguez, justas entre las naciones” en August-Zarebska, A e Martín Villora, T. (eds) Guerra, exilio, diáspora. Aproximaciones literarias e históricas (Wroclaw Wydawnichtwo Uniwersytetu Wroclawskiego, 2014) 132.
[4] Main Montero, “Las hermanas Shindler gallegas que salvaron a 500 judíos de holocasto” https://elpais.com/cultura/2018/04/25/actualidad/1524609887_725436.html consultado o 14 de abril de 2020.
Iván Fernández Amil, “Hermanas Touza: las tres gallegas que salvaron a cientos de judíos de los nazis” https://www.elespanol.com/quincemil/articulos/cultura/hermanas-touza-las-tres-gallegas-que-salvaron-a-cientos-de-judios-de-los-nazis consultado o 14 de abril de 2020.
[5] Antón Patiño Regueira, Memoria de Ferro, (Vigo, Promocións Culturais Galegas, 2005) 153-156.
[6] Main Montero, “Las hermanas Shindler gallegas que salvaron a 500 judíos de holocasto” https://elpais.com/cultura/2018/04/25/actualidad/1524609887_725436.html consultado o 14 de abril de 2020.
[7] Paco Rego, “La gallega que salvó a 500 judíos”…web.cit.
[8] Miguel Lorenzi, “Hollywood prepara un musical sobre las hermanas Touza, “Las Schindler gallegas” https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/01/23/hollywood-prepara-musical-sobre-hermanas-touza-schindler-gallegas/0003_201701G23P27991.htm consultado o 15 de abril de 2020.
Vid: Las Schindler gallegas