Etiquetas

06 junio 2023

DOLORES ALONSO PEREIRA


Naceu en Ourense o 25 de xuño de 1910. Seus pais eran Jesús Alonso Taboada que era inspector de Correos, e Manuela Pereira Macía. Cando tiña dez anos solicitou o seu ingreso no Instituto Provincial tras superar o exame con premio extraordinario que previamente preparou na academia de Juan Fernández Pérez. Realizou os seis anos na modalidade oficial, asistindo ás clases diariamente. Acadou unhas cualificacións espectaculares, con dezaseis sobresalientes, algúns deles coa mención de premio, e as restantes materias de bacharelato sacou notable. As materias nas que sobresaíu foron Xeografía Xeral e de Europa, Lingua francesa e Elementos de Historia Xeral da Literatura. 

Acadou o título de bacharelato e o 20 de abril de 1927 expediu o Título de Bacharelato e un Certificado para matricularse na Universidade de Valladolid. Matriculouse, ao fin, por libre na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela no ano 1926 e rematou os estudos en 1931, logo, segundo expediente da Universidade, tramitou un certificado para Madrid. Dolores tiña unha irmá, chamada María que faleceu en 1930.

Tras lienciarse en Filosofía e Letras, en 1934 casou co profesor de Mercanil Cástor Eire Santalla fillo do almacenista da praza, Cástor Eire.

O 30 de setembro de 1943 solicitou no Instituto Provincial de Ourense un Certificado para a Escola Normal e a partir de entón comezou a dar clases no colexio no Colexio Sarmiento da Cidade xunto cun grande elenco de profesores e profesoras de Ourense e que eran  Don Antonio Jaunsaras, canonigo da catedral; Manuela Cifre, profesora de Idiomas; Joaquina Rodríguez Caminero, licenciada en Filosofía e Letras; Anxo Martínez Doval, licenciado en Filosofía e Letras; Joaquín Lorenzo Lorenzo, licenciado en Filosofía; Jesús Ferro Couselo, licenciado en Filosofía; Florentino López Cuevillas, da Academia de Historia; Julio Taboada Bonastre, licenciado en Ciencias Químicas; José González Diéguez, licenciado en Ciencias Exactas; Severino do Río, profesor de Linguas Clasicas; Ernesto Gómez del Valle, profesor de Idiomas, e Luís Xesta, profesor de Debuxo e Modelado. O colexio está dirixido por don Anxo Martínez Doval

No ano 1947 Dolores fundou o Colexio Luís Vives situado na Rúa Padre Feijóo, nº 17 no 1º piso e será directora xunto con Luis R.Pazos que era licenciado en Farmacia. Solicitou para o centro a clasificación como centro de Grado Elemental integrado no Instituto.

(El Pueblo Gallego, 2 de novembro de 1947, p.2. Galiciana.)

No ano 1957 figuraba dando clases no Centro de Estudos San Isidoro en León.


Vid:Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)” Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470. Cid Galante, R. "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Revista Minius.; La Región, 29 de setembro de 1920, p. 3; El Pueblo Gallego, 1 de marzo de 1934, p. 10; La Noche, 7 de maio de 1958, p. 2;  La Región, 25 de setembro de 1960, p. 12.