Etiquetas

01 septiembre 2024

QUEN ERAN MARÍA IGLESIAS, JUANA IGLESIAS, TERESA PÉREZ E CARMEN PEREIRA?

Quen eran: 
María Iglesias; Juana Iglesias; Teresa Pérez e Carmen Pereira? Estamos a falar dunhas mulleres que xunto a milleiros de cidadáns, pero sobre todo mulleres de Ourense, tomaron as rúas céntricas da capital
 o día 18 de maio de 1920 con grande estoupido de violencia e berrando ¡A los Comercios! Unha mobilización que asombrou tanto ás autoridades que se viron na obriga de decretar a lei marcial. O detonante foi a acapación de produtos de primeira necesidade por parte dos maiorisas o que facía encarecer os pezos, de aí que milleiros de persoas asaltaran os comercios e negocios dos grandes almacenistas. O acontecemento foi de tal calibre que incluso o xornal El Socialista fixo eco da noticia.

(Fotomontaxe feito pola autora do blog combinando dúas fotografías. O fondo é a Rúa do Progreso de Ourense e o grupo de manifestantes foi extraído doutra fotografía que recollía a manifestación en Valencia no ano 1918 polos mesmo motivos que en Ourense. Digamos que é un chisco á imaxinación e non ten valor documental.)

O suceso do 18 de maio de 1920 foi de grande envergadura, pero anos antes xa se produciran uns cantos deste tipo en determinadas localidades da provincia.  Así mesmo, no resto do Estado, como en Valencia ou Barcelona,  as mulleres alzáronse contra os abusos dos prezos. 

E é que os arrinques do século XX en cuestión alimentaria foron difíciles para a maioría das xentes. Os anos da primeira guerra mundial converteron a España en potencia exportadora e terra propicia para o investimento estranxeiro. Malia a prosperidade e a expansión económica produciuse a alza de prezos e unha escaseza de produtos de primeira necesidade pois eran vendidos aos países belixerantes, quedando desabastecido o mercado nacional. Dobraban ou triplicaban os seus prezos produtos primarios. En todos os recunchos da península sucedéronse folgas, disturbios e loitas nas rúas.

En xaneiro de 1918, meses antes do fin da guerra, unha multitudinaria e pacífica manifestación de ourensáns (dise que cinco mil que arrincaron desde o Xardín do Posío) organizada pola Federación de Sociedades Obreiras e Agrícolas[1], e encabezada polo propio alcalde, esixira ao Goberno Civil o establecemento dunha taxa ou prezo fixo para todos os artigos de primeira necesidade, así como a prohibición de que fosen exportados. Diso encargouse unha Xunta Provincial de Subsistencias, que contaba con varios inspectores que trataban de evitar que saíse ilegalmente mercadoría da poboación ou que esta se vendese a prezos desorbitados. Aínda así as taxas non se respectaban e proliferaron os altercados nos mercados e os asaltos aos carros de transporte, tal como aconteceu na vila de Allariz onde as mulleres asaltaron o mercado.

O acontecemento foi en xullo de 1918. Na vila houbo unha grande manifestación e protesta contra os “acaparadores de centeo, millo e fabas”. A multitude, dise que tres mil persoas, chegou a asaltar o carro cargado dalgúns dos cereais, propiedade de José María de Tiedra. Desvalixaron o carro e, posteriormente, acudiron ás casas dos industriais Angel Nestal e Gregorio Ruiz pois supuñan que tiñan centeo acaparado. Tamén detiveron o carro de Camilo Castaño de Xinzo, cargado de centeo e obrigárono a que o vendese ao prezo de dezasete reais ferrado e non a vinte e tres como se estaba a vender no mercado. As protestas das mulleres chegaron á casa do alcalde. Elas foron as que, ante a necesidade, non tiveron reparo en pedir xustiza[2].

O malestar dos ourensáns ante a carestía da vida chegou a un punto límite o 18 de maio de 1920. A xente empezou a protestar contra o proceder dos acaparadores e a escaseza de subsistencias. Este acontecemento transcendeu fóra da provincia e foi publicado en El Socialista baixo o título “Efectos del hambre. Orense en estado de guerra” na que se relata que debido a que os vendedores non sacaban os produtos á venda para seren vendidos a prezos máis elevados, os cidadáns comezaron a asaltar os comercios da cidade con grande virulencia[3].

Ante o berro dunha muller que dixo “¡a los comercios!” un grupo dirixiuse a asaltar o almacén de ultramarinos de Florentino Moretón, mentres o groso da multitude encamiñábase ao centro da cidade e apedreaba canto almacén atopaba ao seu paso na rúa Progreso. Tamén falábase de asaltar os almacéns de fariña e comestibles na Ponte Maior:

Un grupo bastante numeroso de mujeres se dirigió al Puente Mayor, con el dedicido propósito de vaciar los depósitos de mercancías que allí hay, algunos de los cuales son muy importantes por la cantidad de existencias que almacenan….No se recataban los asaltantes en ocultar su botín, antes bien lo iban mostrando a todos. Durante una hora fue un desfile constante de sacos, cajas y latas de diferentes comestibles[4].

As mulleres empuñaban grandes estacas e non deixaron un vidro san na planta baixa dos almacéns dos Fillos de Simeón García e trataron de asaltar outros comercios. Un dos comercios no que máis dano causaron foi o Bazar Cisneros en plena Praza Maior. Entraron e levaron canto lles veu en gana e as mulleres ían dándose unhas ás outras os mil obxectos que ían sacando ante a mirada impasible das autoridades.

Como as forzas de seguridade e da garda civil eran insuficientes para conter á multitude, saíron á rúa as tropas a petición do gobernador, pero o comandante militar tivo que advertir á autoridade civil que serían inmediatamente retiradas a non ser que se declarase o estado de guerra. As tres da tarde publicouse a lei marcial.

As mulleres encabezaban as mobilizacións e algunhas resultaron feridas como as nosas protagonistas de hoxe. María Iglesias tiña 23 anos e era da Lonia. Estaba casada e traballaba de modista. Nos enfrontamentos tivo unha erosión contusa na testa con pronóstico reservado. Juana Iglesias de 18 anos, natural de Ourense estaba solteira e tamén era modista. Ela recibiu un tiro na cara cuxo pronóstico era reservado. Outra das vítimas era Teresa Pérez, muller solteira de 33 anos e natural Lugo pero residente en Ourense. Teresa foi ferida no pavillón da orella dereita. E logo atopamos a Carmen Pereira que tiña 44 anos e ferírona na man  esquerda cunha lesión considerable duns tres centímetros e tivo que ser atendida.

As perdas polos asaltos foron cuantiosas pois esnaquizáronse moitos comercios. Ourense permaneceu paralizada durante varios días, sen xornais, sen transportes públicos e con todo o comercio pechado. Mentres, o que máis quebradizos de cabeza ocasionaba ás autoridades era o asunto da fariña. Tiñan noticias de que había almacenados na cidade máis dun millón de quilos, pero a taxa estipulada para a súa venda levaba aos almacenistas a reter a mercadoría. A Xunta de Subsistencias acordou finalmente incautar un corenta por cento das existencias e rebaixar dez céntimos o prezo de quilo de pan.

Volta a tranquilidade, comunincouse aos comercios a que abrisen as súas portas e ás vendedoras do mercado a volver aos seus postos. Con todo, durante un tempo faltou por completo na cidade o leite, as hortalizas e os legumes, con gran descontento da poboación. A pesar da impotencia das autoridades para atopar unha solución, boa parte da cidadanía apoiou ao Concello e ao Goberno Civil. Pero o problema da escaseza e carestía dos produtos de primeira necesidade continuou enturbando a vida social e política da cidade das Burgas.[5]

Pero de novo houbo que presenciar na nosa cidade outro capítulo de rebeldía no que as mulleres tomaron a iniciativa. O día 13 de setembro de 1920 un acontecemento notable aconteceu na cidade de Ourense. Un grupo de mulleres amotináronse ante o Concello sendo alcalde Don Francisco Villanueva Lombardero protestando porque o mercado estaba desabastecido de ovos, un alimento de primeira necesidade. Pero, non conformes con facer tan só esta manifestación, tamén se dirixiron ao Gobernador, José López Boullosa. A situación era verdadeiramente preocupante nunha época onde, tras a crise da gripe, a poboación precisaba ter garantías de alimentos. Este problema non era único pois en Pontevedra tamén se produciron protestas polos prezos dos ovos conseguindo que se abarataran.

                 
                                                                   (Fonte: El Socialista.19 de maio de 1920, p. 1)

O periódico El Socialista fíxose eco da noticia e dixo literalmente:

A las ocho de la noche organizóse ayer en la plaza Mayor una imponente manifestación de mujeres, la cual se dirigió al Gobierno civil para protestar contra la forma en que se hace el rparto de los huevos tasados. las manifestantes llevaban tres horas formando "cola" y al cabo de ellas se les dijo que se había agotado la mercancía. El gobernador recibió a la Comisión de mujeres y les prometió atenderlas. Después les recomendó que se disolvieran y se retiraran a sus casas. En la ciudad escasean los artículos de consumo. A causa de la falta de harinas algunas tahonas han subido a noventa céntimos el precio del pan.[6]

Polo tanto, aínda sen igual pretendelo, ben é certo que estas mulleres que protestaban en Ourense, sen denominarse socialistas, cos seus actos parecían selo.

Pero a problemática quedou, digamos, en letargo, para seguir rexurdindo en anos posteriores. En 1930  houbo outra crise de subsistencias polas ameazas dunha folga xeral en Ourense.

(Fonte: "Federación de Sociedades Obreras de Orense". (1930, 16 outubro). Galicia, p. 7.

O Comité da Federación de Sociedades Obreiras de Ourense cuxo presidente era José M. Cid e  secretario Secundino Fernández enviou  en outubro de 1930 unha comisión para que visitase ao Gobernador Civil da provincia e tamén ao alcade da capital para pedirlles que puxeran coto aos prezos abusivos dos artigos de primeira necesidade e que incluso se impida a exportación mentres non estea surtido o pobo. Segundo a Comisión a suba de prezos non estaba xustificada pois dicían, que era mentira que fose haber unha folga xeral. A redacción de prensa do xornal Galicia, a raíz desta petición, escribiu:

Encontramos tan justiticada y sensata la actuación de los obreros, que desde luego tenemos la seguridad de que no solamente nosotros, sino toda la población de Orense, habranse de poner a su lado para el mayor logro de sus aspiraciones. Es necesario acabar con toda clase de acaparadores que comercializan con el hambre el pueblo, aun cuando para ello se violenten las medidas de persecución. Antes que la entraña inhumana de estos modernos cartaginenses, está el bienestar del pueblo. "Salus populi, suprema lex" . [7]
 
Ante a impasibidade das autoridades a Casa do Pobo, cuxo presidente era por aquel entón Arturo Cota e o secretario era José Cruz, enviou en decembro de 1930 un comunicado á prensa dando queixa da situación. Indicaron que a Casa do Pobo de Ourense sempre se mostrou moi preocupada polos problemas das subsistencias e deu a voz de alerta cando se intentou comerciar cos artigos de primeira necesidade. Queixáronse da actitude pasiva da alcaldía con respecto ao problema da carne e dixeron: 

"Nosostros, que estamos en la obligación de defender a las clases humildes y en particular a todo el pueblo en general, no podemos, con nuestro silencio consentir actitudes como la de nuestro alcalde, que abiertamente se presta a favorecer a cuatro especuladores, en perjuicio de todo un pueblo...". [8]

Apelaban ao señor gobernador como presidente de la Sección de Economía para que ordenase inspeccions e sancionase aos que comercializaban cos artigos de primeira necesidade. E de non actuar así:

Esta organización obreira agotará todos los trámites legales para evitar los fraudes, y si no logran ser atendidos, volverá lanzarse a la opinión y determinará lo que corresponde para solucionar esta clase de problemas. [9]

A situación da alimentación era preocupante. Nunha sociedade maiormente precaria o encarecemento dos produtos supuña un grave problema. O mundo rural aínda podía permitirse sacar beneficio das terras, malia que a maior parte da clase agraria era foreira e tampouco lles sobraba. Pero esta situación, a da carestía, chegaría a grao de supervivencia cando comezou a guerra civil e logo na ditadura.

[1] “La manifestación de hoy”. (1918, 27 de xaneiro). La Región, p. 2; “La manifestación de anteayer”. (1918, 29 de xaneiro). La Región, p. 1.
[2] “El problema de subsistencias. Las mujeres asaltan el mercado” (1918, 25 xullo). La Región, p. 2
[3] “Efectos del hambre. Orense, en estado de guerra”. (1920, 19 maio). El Socialista, p. 1.
[4] “Los sucesos de ayer en Orense” (1920, 19 maio). La Región, p. 1.
[5] Idem.
[6]
Manifestación de mujeres en Orense”. (1920, 14 setembro). El Socialista, p. 3.
[7]  "Federación de Sociedades Obreras de Orense". (1930, 16 outubro). Galicia, p. 7.
[8] "La Casa del Pueblo y las subsistencias" (1930, 1 decembro). Galicia, p.9.
[9] Idem.