(Entrada suxeita a ser publicada nun libro.)
Dolores formaba parte da Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ourense e foi unha máis dos sancionados e castigados por pertencer a unha agrupación que cualificaban de comunista. É sabido que a asociación tiña unha inquedanza de transformar a escola e os métodos de ensinanza e tamén consideraban perentorio que o maxisterio fose recoñecido socialmente facendo fincapé no seu labor como transformador da sociedade. Crían nunha cultura democrática, para todos e todas. Unha educación que fixera progresar ao pobo.
Dolores naceu o 2 de marzo de 1910 en Ourense. Era filla de Jesús Casasnovas Sotelo, que era pintor de profesión, e de Purificación Cid Gil. O matrimonio residía na rúa dos Fornos e tiñan seis fillos que eran Alfonso, Mercedes, Pilar, Arturo, Dolores e Jesús.
En setembro de 1926 Dolores examinouse de ingreso na
Normal de Ourense desenvolvendo o tema El Sol: sus movimientos, planetas,
planetoides, satélites, cometas. Pero Dolores quixo
optar polo premio e para iso enviou unha instancia á dirección do centro para
poder realizar o correspondente exercicio no que desenvolveu o tema Península
Ibérica. Matriculouse por oficial e puido dispor de matrícula gratuíta por ser
orfa de pai. Os catro cursos da carreira rematounos cunhas cualificacións
excelentes. Tras a reválida fixo a expedición do título en outubro de 1931[1].
Nese ano realiza o cursiño profesional de maxisterio e, en decembro de 1933, figura
como aprobada na terceira parte do cursiño obtendo 29 puntos[2].
En 1932 foi como mestra interina para a escola da
Loña e en 1934 foi nomeada mestra en propiedade para a escola de Varón, no
concello de O Carballiño. Por aquela
comarca tamén estaba exercendo de mestre Elías Garrido co que casou e tivo dous
fillos, Domingo e Blanca[3].
Cando foi o levantamento militar en xullo de 1936 a
persecución ao maxisterio foi constante pero implacable coa ATEO. Na prensa da
época facíase relación dos docentes que eran considerados completamente
inimigos do Réxime e os da ATEO eran considerados “comunistas”. Nas listas que
se publicaron apareceu nomeada Dolores Casasnovas. Toda a agrupación foi
sancionada e Dolores foi suspendida de emprego e soldo por un período de seis meses, quizás a penitencia máis levadeira pois moitos dos seus compañeiros e
compañeiras foron desterrados a diferentes lugares e recibiron correctivos máis drásticos[4].