Etiquetas

18 febrero 2024

REBECA LÓPEZ DE TURISO DE PLATERO

Rebeca López tamén foi unha muller que se adiantou ao seu tempo. Como apaixoada polo teatro, formou parte de agrupacións teatrais xunto con Guadalupe Espinar e outras. Desde moi nova xa interpretou papeis interesantes como na comedia "Trono para Cristy" que se levou a cabo no Teatro Principal o 5 de decembro de 1960. Formou parte de xurados nos concursos de teatros leídos que se convocaban na cidade. Acompañándoa estaba a recoñecida inspectora de primeira ensinanza, María Cid.

Formou parte do Teatro Forum Myriam, un grupo xa consagrado na cidade que xurdiu en 1959 e que en palabras de Franciso Ogando Vázquez, esta agrupación estaba a realizar un grande labor cultural en Ourense. O Teatro Forum organizaba con asiduidade lecturas de interesantes obras de teatro. Rebeca participou na lectura da obra de Graham Greene "León Dormindo". Xunto a Rebeca estaría Chonina Vilanova e Concepción Espinar. Rebeca, amante da cultura e do teatro, tamén participou na lectura da obra "El Pan vivo" de Francoise Mauriac. A agrupación teatral expuña ante o pública unhas obras selectas do teatro europeo que invitaban a reflexionar desde un punto de vista filosófico. Non en van, antes ou despois da lectura procedíase á interpretación da obra.

Despois formaría parte do grupo de Teatro de Cámara de Ourense no que seguía lendo obras de teatro como "Las sillas" de Ionesco, pero tamén representando, que era o que a ela verdadeiramente lle gustaba. Para ela unha atriz de teatro debía ter vocación, instinto teatral, voz, vocalización e xesto.

(Fonte: Galiciana. La Región, 4 de xuño de 1960, p. 3)

David Simón indicoume que Rebeca era profesora no Colexio Franco Español que estaba situado na Praza do Ferro. O colexio estaba especializado nos idiomas, en especial o francés e inglés, e nel empregábanse métodos innovadores. Así mesmo, na prensa indícase que Rebeca era a directora do Colexio e era moi frecuente que o seu alumnado participase en enventos culturais facendo lecturas teatrais e tamén se presentase aos concursos pedagóxico-culturais que se organizaban para os colexios.

(Fonte. Galiciana. La Región, 3 de setembro de 1963.)

Pero Rebeca adquiriu o compromiso coas mulleres e non dubidou en formar parte do Movemento Democrático de Mulleres creado en Ourense en 1975. Compuñan esta agrupación mulleres ourensás simpatizantes co comunismo. Eran vinte mulleres que se reunían na Torre e desde aí planificaban as súas actuacións que consistían en charlas, publicación de boletíns La Mujer y la Lucha, reunións con diferentes sectores...Ademais ofrecían resistencia ao réxime con pequenos cortes de tráfico, reparto de panfletos, proclamas públicas...Manifestábanse moi preocupadas pola situación social e, en concreto, as de Ourense comezan a facer reivindicacións feministas no eixo da sexualidade, o divorcio, a planificación familiar e presionan para que os partidos leven nos seus programas asuntos que atinxen ás mulleres...  Polo que é verdadeiramente interesante esta agrupación xa que amosa o empaque das mulleres.

Rebeca, formou parte deste elenco ourensás que buscaban un espazo propio e tempos novos para as mulleres.

Comentoume David Simón que Rebeca faleceu moi nova hai xa moitos anos.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Vid:  El Pueblo gallego, 4 de decembro de 1960, p. 15; El pueblo gallego, 15 de abril de 1967, p. 15; La Región, 2 de marzo de 1960, p. 3; La Región, 13 de abril de 1960, p. 2; La Región, 6 de febreiro de 1963, p. 6; La Región, 28 de abril de 1967, p. 4; "La enseñanza de idiomas", La Región, 7 de marzo de 1964, p. 17; Francisco Arriero Sansz, El movimiento democrático de mujeres. (2018). La Catarata, España, 2016; ÁLVAREZ GÓMEZ, MARÍA CONCEPCIÓN, "La movilización femenina en el Ourense de la transición política a la democracia. El Movimiento Democrático de Mujeres"; Universidade de Vigo, UNED, Nuevos horizontes del pasado: culturas políticas, identidades y formas de representación [Cdrom] / coord. por Ángeles Barrio Alonso, Jorge de Hoyos Puente , Rebeca Saavedra Arias,  2011, páx. 37. Quero expresar o meu agradecemento a David Simón por poñerse en contacto comigo e indicarme algo máis de Rebeca López de Turiso a quen coñeceu.