Naceu en Ourense pero estivo afincada e moi vinculada á vila de Ribadavia. Casou co médico Dr. Bello e tiveron varios fillos.
Maruxa destacou pola súa faceta de escritora, concretamente adquiriu sona pola súa poesía e os seus recitais na capital e provincia ourensá sendo un dos máis afamados o que deu o 19 de decembro de 1969 no colexio de médicos da cidade.
Foi fiel á súa lingua galega que era a que empregaba nos seus poemas: "Mi sentimiento más sincero y espontáneo es en gallego, pues por algo soy gallega cien por cien. Tengo ascendencia de las tres provincias y he nacido en el corazón de Orense".
A súa sensibilidade pola palabra facía que non só empregase o galego senón que tamén escribía en castelán e incluso en catalán. Sobre o exercicio da escrita dicía: "En el silencio de la noche, a veces hasta las cuatro de la madrugada, me dedico a estudiar el idioma gallego y a la composición poética".
A súa poesía é moi lírica e pouco formalista e di que sacrifica a forma ante o sentimento. A súa temática principal era a Terra e o ser humano.
Era unha admiradora da poesía de Pura Vázquez da que di que era "técnicamente perfecta, y sus sonetos me entusiasman". Tamén a Curros Enríquez e a Rosalía pola súa dozura.
Vid: La Región, 18 de decembro de 1969, p. 5.