Parte deste relato contoumo o irmán de Esther, Manuel Peña. Esther naceu en Viascón o 29 de setembro de 1912 e era filla de Celia Bouzas e Manuel Peña Rey. Cando veu a Ourense coa súa nai no ano 1918 tiña case seis anos.
Tanto Manuel como Celia inculcaron aos seus fillos a necesidade de colaborar coa sociedade, eles xa eran un exemplo a seguir. As fillas maiores, Esther e Marina, ían interiorizando estas ideas xa nunha idade adolescente e comezaron a adquirir un compromiso social participando en eventos de carácter benéfico, como por exemplo, a Homenaxe á Vellez que era unha exaltación e un recoñecemento ao traballo e exemplo dos maiores que se desenvolvía na rúa Paz Novoa da cidade de Ourense no que se daban discursos, recitais e interpretacións teatrais; tamén acudían á cantinas escolares a ofrecer roupa e enseres para os nenos pobres da cidade. Estas ocupacións non lle restaban tempo a Esther para levar con éxito os seus estudos no Instituto Provincial.
(Fonte: La Región, 9 de outubro de 1929, p. 1)
Fixo o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Ourense o 30 de setembro de 1922, aos 10 anos. Estivo matriculada ata 1925, comezou os estudos por libre pero logo estudou por oficial. Sacou sobresaliente en Lingua Castelá e en Latín 1 e 2. Acadou notable en Xeografía Xeral de Europa, Xeografía especial de España e Historia de España. No resto das materias acadou aprobado.
(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)
En setembro de 1933 fórmase o Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista que vai estar encabezado por Celia Bouzas Barreiro, e a súa filla Esther, e tamén Marina, entraría a formar parte do grupo e asinaría o manifesto "Chamamento ás mulleres" que foi lido na homenaxe que o grupo lle fixo a Filomena Dato o 25 de xullo de 1933, o día de Galicia.
A fotografía amosa a comida dos membros do partido celebrada en 1933 á que asistíu Esther que está sentada no quinto lugar comezando pola esquerda e no sétimo lugar está seu pai, don Manuel Peña Rey.
Esther casou o 19 de agosto de 1939 na capela de Ervedelo con Eduardo Rodríguez Cantero que veu a Ourense en 1934 como empregado do Banco Simeón e tiveron dous fillos. Esther faleceu dunha longa doenza o 28 de agosto de 1964 cando tiña 50 anos e está enterrada no Cemiterio de San Francisco de Ourense no panteón familiar.
Foi na súa xuventude unha muller máis no compromiso por Galicia.
Foi na súa xuventude unha muller máis no compromiso por Galicia.