Etiquetas

12 abril 2009

CONSUELO RODRÍGUEZ LÓPEZ "CHELO"


Consuelo Rodríguez López naceu o 18 de outubro de 1919 no pobo de Soucelín que está na parroquia de Santigoso pertencente ao Concello de O Barco de Valdeorras. Foi unha muller de fortes convicións progresistas que loitou contra o franquismo, unha muller clave na loita guerrilleira de Galiza.
        Consuelo naceu nunha familia con recursos xa que o seu pai, Domingo Rodríguez Fernández casado con Amalia López Ojea,  estivera en Cuba e trouxera capital. O matrimonio que tivo seis fillos, catro homes e dúas mulleres, Consuelo e Antonia, padeceu grandes desgrazas durante a guerra civil.
            Cando comezou a guerra civil o bando franquista mobilizaron de xeito obrigado a Rogelio e Sebastián que eran os irmáns e Consuelo, e enviáronos ao fronte de Asturias xa que Oviedo estaba en mans do exército roxo. Pero toda a familia tiña unhas convicións totalmente contrarias aos golpistas, por iso Rogelio non dubidou en desertar. Nun principio dérono por morto na operación no Monte Naranco cando as tropas republicanas que resistían no Pico Paisano foron finalmente derrotadas polos golpistas[1]. Rogelio volveu a Soucelín e estivo un ano e medio recluído na casa sen que ninguén o reclamara e saía a pasear pola noite. O outro irmán de Chelo, Sebastián, foi ferido no combate e déronlle oito días de permiso para recuperarse na súa casa. Pero non volveu a incorporarse tras o prazo que lle concederan, polo que as forzas da orden foron á súa captura. O día 30 de xaneiro de 1939 chegaron á casa dos pais e Rogelio, que xa levaba meses agochado no faiado da casa sen que ningún veciño o soubese, agás unha veciña que o sorprendera un día na casa, disparou ferindo a un cabo e matando á un garda civil. Sebastián, cando chegou á casa dos seus pais fuxiu co seu irmán Rogelio ao monte[2].
            A partir de entón comezou o padecemento e sufrimento da familia. A casa foi saqueada e a cada pouco, fora de noite fora de día e sen importar a que hora, viñan uns lexionarios e gardas civís a rexistrala para ver se atopaban aos fuxidos. Chelo lembra: “Robaban todo lo que había, incluso hasta el queso que hacíamos en casa...hasta que nos dejaron sin nada”[3].
Os pais e Consuelo foron detidos, logo detiveron a Antonia e tamén a Julia Velo, a noiva de Sebastián Todos foran acusados de cómplices e colaboradores dos fuxidos. Leváronos ao cárcere de Ponferrada onde: “Había hombres machacaos (sic), los desollaban como corderos llenos de sangre, en ese cuartel, en ese cuartel maldito”[4]. Nese cuartel Chelo viu cousas que nunca vira na súa vida pois non vía homes senón salvaxes. Oito días máis tarde puxéronos en liberdade.
Consuelo arriscábase todos os días para ir ao monte e levar a comida aos seus irmáns. As forzas do orden seguían vixiantes ata que, como escarmento colleron aos pais e fusiláronos diante dos veciños do pobo. Chelo conta: “Entonces me cogieron, me encerraron otra vez con las ovejas, llevaron a mi madre y a mi padre por un callejón que había por detrás de la casa y unos minutos más tarde sentí los disparos[5]. Ela non cría que mataran aos seus pais e cando a veciña lle dixo que xa non tiña pais, Chelo quedou totalmente destrozada, caiu ao chan ata que uns veciños a recolleron e a levaron para a súa casa. Unha hora máis tarde, cando lle dixeron que os seus pais estaban xa enterrados no camiño, Chelo dirixiuse a lugar e xa non os viu pero “vi la sangre que corría aún por el camino”[6].
O compromiso antifranquista de Conseulo vai comezar dende entón e vai a colaborar como enlace. Chelo era a que se enteraba dos movementos que ía facer a Garda Civil, cando saía e entraba a patrulla e por onde ían pois tiña que comunicarllo aos guerrilleiros que querían asaltar o cuartel para roubar as armas: “Ellos iban a asaltar un cuartel de la Guardia Civil por armas. Éramos nosotros que te enterabas a donde estaban, como hacían...ellos no podían estar”.[7] Tamén como enlace lles achegaba a comida e lembra que os de Ricosende e Sotodoiro cargaban os cabalos e levábanlles a comida. Chelo recoñeceu que cada día expuña a súa vida pero: “Yo siempre recogí a los compañeiros, a todos los guerrilleros...yo era un enlace dispuesta a todo”[8]. Todos eran así, tamén Carmen de Fervenza, a grande e valiente amiga de Chelo, pero foi atrapada e acabaron matándoa. Para Chelo foi un terrible golpe pois estaba asistindo a demasiadas perdas e a súa pena e dor eran inmensas.



Consuelo foi detida de novo e Rogelio e Sebastián decidiron escapar a Portugal. Alí formaron o grupo dos “Soucelín” e eran moi buscados polos seus golpes contra as forzas de seguridade portuguesas ata que Rogelio foi detido na vila de Porto. Entón foi extraditado a España e foi executado no outubro de 1941.
Tanto Consuelo como a súa irmá Antonia foron detidas varias veces e estiveron en diferentes prisións na vila de O Barco, Ponferrada, León...e nunca as xulgaron senón que as torturaban e facían con elas o que querían. Cando as puxeron en liberdade decidiron ir ao monte como guerrilleiras na Federación de Guerrillas León-Galicia creada no 1942. Os lugares onde se refuxiaron foron Ricosende, Soutadoiro e Casaio. No monte estaban Guillermo, Mario, César, Ilario, Rocesvinto, Abelardo e Arcadio, estaban moitos compañeiros: “Entre ellos estaba uno que era mi compañero y marido. En él encontré toda mi vida. Encontré mi madre, mi padre y me marché con él al monte”[9]. Chelo estase a referir a Arcadio Ríos Rodríguez, que viñera co seu irmán desde Portugal. Sería o seu compañeiro ata que morreu en xullo de 1946 ao carón dela. Con el pasou cinco anos loitando no monte, agochados e loitando.
No monte estaban varias mulleres como Chelo, como a súa irmá Antonia, La Chata, Lida, a noiva de Abelardo, la de Rocesvinto...e todas sabían porque loitaban. A sociedade non comprendía por que elas loitaban e Chelo dicía que ela era responsable dos seus actos. O seu irmán Roxelio fora executado e tamén o seu irmán Sebastián que formaba parte do grupo de Mario Langullo morrera en Manzaneda en outubro de 1945[10].
Comeza a súa vida de loita no monte, nos montes de Casaio, desde onde sentía e vía os lobos. Ela recitaba: “Lobo “hermano” ya no estás sólo en el monte, nosotros los fugitivos te acompañamos”[11].
Chegou a coincidir cos seus irmáns Domingo e Alfonso. Chelo era das mulleres que levaban arma para poder defenderse pois a ela matáranlle aos pais e non quería morrer como eles. Chelo reivindicaba o papel decisivo que tiveron as mulleres na guerrilla e non se arrepentiu nunca de nada pois: “Yo no me arrepiento de nada, no no, yo eso lo...He sido obligada a hacerlo, a mi me obligaron a hacerlo, no fui voluntaria”. Ela tivo que ver como foi perdendo á súa familia: os seus pais, os seus irmáns, o seu home... Domingo caeu abatido perto da súa casa natal en Soulecín o 18 de decembro de 1946 e Afonso, membro do Destacamento Santiago Carrillo, finaría o 24 de febreiro de 1949 na Veiga de Espiñareda[12].
Chelo chegou a implicarse na loita contra o franquismo por convición propia. Dende pequena aprendera na súa familia os valores da xustiza e democracia e por iso estivo tanto ela como a súa familia comprometida e loitaron contra o franquismo e a ditadura. A morte de Acadio supuxo para ela unha enorme perda. Sufrira demasiadas perdas. Consuelo abandonou a loita no monte, despois anos exposta a todo tipo de perigos. Desde que mataran aos pais no 1939 ata 1946 cando mataron a Arcadio pasaron sete anos de loita.
Estivo tres anos na clandestinidade polos rigores represivos ata que, en 1949, pasou a Francia. Alí estaban xa a súa irmá Antonia co seu marido César Ríos o irmán de Aradio que vivían en Ghéthary[13]. Ao chegar a Hendaya chegou a dicir: “Teño a liberdade e non sei para que a quero se deixo todo atrás”[14]. En París coñeceu outro ex-guerrilleiro, Marino Montes, casou con el e tivou dous fillos. Pero nunca esqueceu o pasado. Dunha familia de nove quedaron tan só tres: “Los mataron a todos, y yo continué sufriendo la vida hasta la muerte”[15].
En 2004 regresou a Galicia pois celebraron unha homenaxe aos seus pais. Regresou e reviviu aqueles tempos que estaban tan vivos na súa memoria. Logo foi homenaxeada pola Xunta de Galicia en 2007 e tamén no Concello de O Barco poríaselle unha placa onde estaba enterrado seu irmán e Arcadio. Xa non volvería máis, o 18 de xullo de 2019, nunha data tan sinalada como se fose unha ironía do destino, faleceu na Illa de Ré, o seu último escondite, Consuelo Rodríguez, A Chelo. Tiña 99 anos que foron enchidos de sufrimento e lembranzas.
Chelo, a última guerrilleira antifranquista de Galiza morreu: Ahora a mi edad, estoy de pie, y mientras tenga un poco de vida mis ideales y mi lucha será hasta la eternidad[16]. Chelo loitou pola liberdade.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Gurriarán, José Antonio, As mulleres do monte, Vigo, Galaxia (2016).

Marco, Aurora “Mulleres na guerrilla antifranquista. Consuelo Rodríguez López, Chelo” en VVAA A Memoria esquecida: Pedadas, presas, paseadas,  (Santiago, Servizo Galego de Igualdade-Andaina, 2006) 20-27.

Lobato, Xurxo, Rostros da memoria, 2008

Prada Rodríguez, Julio “As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)” en Jesús de Juana López e Julio Prada Rodríguez (dir.) As mulleres en Galicia no século XX, Vigo, Ir Indo, (2011) 169-201.

Redondo Abal, Francisco Xavier, Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965), Sada, Do Castro (2006). 



[1] “El protagonismo pasivo de la Guerra Civil en Oviedo”, https://elblogdeacebedo.blogspot.com/2017/11/el-protagonista-pasivo-de-la-guerra.html consultado o 1 de abril de 2020.
[2] Julio Prada Rodríguez, “As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)” en Jesús de Juana López e Julio Prada Rodríguez (dir.) As mulleres en Galicia no século XX, (Vigo, Ir Indo, 2011) 190-191. 169-201.
[3] Filme de Odette Martínez, Ismale Cobo e Laetintia Puertas, La isla de Chelo, (Play Flim-Ib-Produción, 2008) 9:20-9:41
[4] La isla de Chelo…Op.cit., 9:56-10.10

[5] La isla de Chelo…Op.cit., 10:53-14:42.

[6] La isla de Chelo…Op.cit., 14:35-14:38.
[7] La isla de Chelo…Op.cit., 27:27-28:18.
[8] La isla de Chelo…Op.cit.,29:16-29:28.
[9] La isla de Chelo…Op.cit 34:25-35:00
[10] Cilia Torna: “Morre no exilio francés a guerrilleira de Soucelín Chelo Rodríguez”,  Diario Nós,  18 de xullo de 2019; Carlos Fidalgo, “La guerrilleira que se exilio en una isla” https://www.diariodeleon.es/articulo/bierzo/guerrillera-exilio-isla/201907190400011906307.html consultado o 1 de abril de 2020.
[11] La isla de Chelo…Op.cit 39:27-39:34
[12] Cilia Torna: “Morre no exilio francés a guerrilleira de Soucelín Chelo Rodríguez”,  Op.cit.
[13] Aurora Marco, “Mulleres na guerrilla antifranquista. Consuelo Rodríguez López, Chelo” en VVAA A Memoria esquecida: Peladas, presas, paseadas,  (Santiago, Servizo Galego de Igualdade-Andaina, 2006) 20-27.
[14] Miguel Pardo, “Adeus a Chelo Rodríguez, a última guerrilleira antifranquista galega”¸ https://praza.gal/movementos-sociais/adeus-a-chelo-rodriguez-a-ultima-guerrilleira-antifranquista-galega consultado o 1 de abril de 2020.
[15] Testemuño de Consuelo no documental: Los mataron a todos !! Chelo la guerrillera, 1:40-1:48 https://www.youtube.com/watch?v=n201XLfrFQo consultado o 1 de Abril de 2020.
[16] Idem, 2:00-2:2:06.