Etiquetas

Demasiada modernidade para tan pouco entendemento

Hai un dito moi sabio en Galicia que expresa moi ben a negación e a incapacidade de asumir e asimilar novas ideas e aprendizaxes. Ese dito é "É moito bocado para unha boca tan pequena", quere isto dicir que cando lle ofreces a alguén algo, inlcuso un manxar, pero non o aprecia ou pecha a boca ou non o quere ou se lle queda na gorxa, é porque non aprecia o gusto, non quere degustalo.

Iso mesmo acontece coas ideas. Xa os filósofos indicaban que o ser humano debería educarse para chegar á virtude, ser virtuosos e librarse das cadeas que o atan aos instintos primario que adoitan ser perniciosos. E para chegar á virtude é preciso que se evolucione nas ideas en base as cales o principio regulador ten que ser tolerancia e o respecto pola humanidade.

Non obstante, canto custa acadar a virtude!, canto custa asumir e a"aprehender". Hai culturas diferentes, hai idiomas diferentes, hai formas de vida diferentes, hai homes que queren a homes, hai mulleres que queren a mulleres, hai homes que queren a mulleres, hai mulleres que queren a homes...

Que de malo hai niso?

A humanidade na súa evolución cara a xerarquía inventou un Ser Superior ao que se lle deu a potestade de implantar unha moralidade arbitraria (Deus, Reis, Emperadores, Ditadores, Igrexa, Inquisición....) e, en base a esa moralidade, moitas persoas  foron perseguidas, condenadas, marxinadas e...incluso aniquiladas.

Na actualidade aínda saen nos medios de comunicación agresións a persoas homosexuais porque na realidade non se lles tolera. Non son consentidas por unha masa de xente que non quere entender que cada quen pode amar a quen considere. Esa masa de xente que queren ser exemplo do "moral" son precisamente os máis amorais  xa que son violentos e odian. Eles son os que dexeneran a sociedade. Pola contra, querer a quen se queira enriquece á sociedade pois o querer  non leva á violencia.

Que é o que acontece?  Pois que a sociedade talvez non evolucionou tanto como se pensaba e  hai moitos temas (non só no tocante á homosexualidade senón tamén a cuestións da igualdade da muller ) nos que aínda se percibe que para gran parte da sociedade é demasiada modernidade para tan pouco entendemento.

Se unha sociedade non é aberta de miras nunca sairemos do bucle e, xa sabe, nese bucle a maioría da sociedade sae prexudicada, sobre todo as mulleres. E non o descoidemos, cando este maldito neoliberalismo cae nas súas cíclicas crises, as ideas máis primarias, perigosas e intransixentes, afloran do fango e subsolo da mente humana pois están aí fosilizadas. Debemos ser quen de empregar o raciocinio para que non se apoderen dos pensamentos. Por iso, agrandemos o entendemento para que  caiba a modernidade e o progreso, pero ollo, un progreso HUMANÍSTICO.

Rosa María Cid Galante.

26 de xuño de 2021.