RECANTO DE REFLEXIÓNS

27 junio 2024

MULLERES OURENSÁS EN APOIO AO ESTATUTO DE GALIZA REFERENDADO O 28 DE XUÑO DE 1936.


O 28 de xuño de 1936 celebrouse o referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galiza. Nun primeiro momento foi levado a cabo polo Seminario de Estudos Galegos. Neste anteproxecto recoñecíase a Galiza como  "un estado libre dentro da República Española”, isto é, había un concepto federal do Estado. Pero esta idea foi debatida, posteriormente, e outorgóuselle a condición de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador. E é que estas modificacións viñan determinadas polos cambios de goberno durante a República xa que no bienio conservador creou unha nova realidade política contraria aos nacionalismos.

No Título II sobre  poderes do Estado Galego, o Anteproxecto dicía no seu artigo 10  que compuñan o corpo electoral todos os galegos, homes e mulleres, de máis de 21 anos. No seu artigo 14 indicaba que serían elexibles para a Asemblea os galegos e galegas maiores de 23 anos que "rindan unha función útil á colectividade". Despois, no seu texto definitivo redactouse de xeito máis xenérico e contémplase o sufraxio universal no seu artigo 6.

(Fonte Galiciana: El Eco de Santiago, 1931 agosto 17, p. 1)

Dito anteproxecto non foi aprobado polas forzas mairitarias galegas e, polo tanto, na Asemblea de A Coruña de abril de 1932 o movemento concellil propulsou a idea de Autonomía designando unha Comisión redactora do Estatuto. Os representantes ourensás tamén quererían ser parte activa no proxecto e o 14 de maio de 1932 reuníronse as Comisións dos partidos republicanos de Ourense no enderezo da agrupación galeguista de Ourense na capital coa finalidade de estudar as ponencias a propor nas bases do Estatuto de Galiza e levalas á Asemblea compostelana.

A República esixía tres condicións para acordar o Estatuto de Rexión Autónoma (Vid:El pueblo gallego :1931 agosto 15, p. 1) :

1.-Que o propoña a maioría dos seus concellos, ou polo menos aqueles municipios que comprendan as dúas terceiras partes do censo eleitoral da rexión. No caso de Galiza deuse nunha Asemblea do 19 de Decembro de 1932 en Santiago na que participaron 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega. 

2.-Que o acepten polo menos os dous terzos do censo electoral. A cifra de votos favorables en Galiza foi do 76% do censo.

3.-Que o aproben as Cortes. O proxecto foi presentado ao Parlamento para a súa aprobación o 5 de xullo de 1936 e non chegou a ser visto antes da sublevación militar e o golpe de Estado do 18 de xullo.

En definitiva, o 98,8%  dos votantes ourensás (homes e mulleres) decidiron dar o seu si ao Estatuto. Concretamente, segundo A Nosa Terra, en Ourense 179.363 votaron si, 1.661 votaron non e 342 votaron en branco.  O aprobado foi aplastante en Galiza e recóllense os resultados en A Nosa Terra (do 4 de xullo de 1936) no que di que, dun total de 1.000.963 votos emitidos en toda Galiza, houbo 987.351 a favor, 6.161 en contra e 1.451 en branco, isto é, como diciamos, o 76% manifestouse a favor. (Segundo datos en A Nosa Terra, 993.351 votaron si; 6.085 votaron non, 1.378 foron brancos. 

O apoio estatutario veu desde diferentes camiños ideolóxicos de tal xeito que tanto as esquerdas como as dereitas, así como prensa escrita de corte claramente católico-relixioso sumáronse ao dito proxecto.

As mulleres galegas tiveron grande protagonismo no ánimo e impulso estatutario. 

(Fonte Galiciana: Gredos. Universidade de Salamanca. Cartel de Camilo Díaz Baliño.)



(Fonte Galiciana. El pueblo gallego, 1936 xuño 26, p. 2)

O chamamento ás mulleres galegas para que afirmasen o Estatuto foi constante. O grande mitin organizado no Teatro Jofre de Ferrol día 14 de xuño de 1936 foi concurridísimo de diversos representantes da contorna. A el non puideron acudir o Partido Feminino Republicano pola folga de transportistas pero no mitin arengouse ás mulleres. Estaban representantes da Unión Republicana, Partido Socialista, Sindicatos, Esquerda Republicana, e, como non podía ser doutro xeito, o Partido Galeguista. Todos xunguidos por unha causa común, Galiza. O socialista Marcial Fernández, dixo que os socialistas vaian votar o día 28 de xuño para conseguir o verdadeiros sentimento da personalidade galega. Diríxese ás mulleres dicindo:

...y vosotros, mujeres de Galicia, tenéis que alentar ese día a los hombres porque en ello va el porvenir y la vida de ellos, de nuestros hijos y la libertad de la tierra. ( El Correo gallego, 16 de xuño de 1936, p. 3).

 E en efecto, un grupo de mulleres, entre as que se atopaba algunha ourensá, asinou un manifesto animando a todas as galegas para que defenderan co seu voto o Estatuto de Autonomía Galego. Entre estas mulleres asinantes estaba  a insigne Olimpia Valencia e xunto ela tamén estaba Antonia Ledo Enríquez, que daquela era estudante e, probablemente, se trate dunha  mestra que casou co auxiliar de farmacia Jesús Hermida López e vivían en Ourense na rúa actual Progreso número 23, 2º F. Ela estivo destinada na escola nº 1 de o Barco, no Bolo, na Peroxa. Pero seguro que outras ourensás estaban a favor do Estatuto, non cabe dúbida que entre as que conformaron o Grupo Feminino do Partido Galeguista, como Marina Peña Bouzas e, sobre todo, Mercedes do Campo de la Fuente, eran defensoras dunha Galicia con autonomía. De feito, Marina Peña foi coa Comisión de representantes de Galiza o día en que se presentou o Estatuto ás Cortes Estatais e que foi o 15 de xullo de 1936.

A máis destas dúas mulleres vinculadas a Ourense houbo outras que quixeron manifestar o seu apoio ao Estatuto como  Antonia Santos, estudante da Universidade e membro do Partido Galeguista; María J. Cachafeiro, de F. Agraria; Pilar Varela de Mocidade Galegusita; Inés Doiro de A.M.C.G. e F; Rita Santaomé, modista; Amalia G. Sánchez, Isolina Nogueira, mestra de Esquerda Republicana; María Barreiro Rey, mecanógraf, Petra Meixide, Antonia Ledo, Adelina Vieytes, Concha Dopazo, estudantes.

Unha manchea de mulleres galegas, ergue a sua voz -homilde, pero crara- n-istas horas decisivas pra o Porvir da Nosa Terra.

Queremos falarlle á sensibilidade cordial das nosas hirmans galegas. Queremos aguillar o sentimento racial e cibdadán das que, coma nós, son fillas de Galicia.

Nin somos as máis intelixentes, nin as máis patriotas, nin as mellores; somos, si cadra, as máis audaces por ser tamén das máis fondamente convenvidas de que nas novas democracias, a mller, sen perder un chisco da sua femininidade, ten que obrar o milagre de dobrar o censo a favor da Xustiza, da Fraternidade e da Liberdade.

 A vós que tendes direito a un futuro millor pra os vosos fillos; ao voso corazón de nai, amargunado por tantos recordos tristeiros; â vosa vontade de amparadoras da familia, da leira e da casa nos días longos da ausencia de aquéles que remataron morrendo nun hospital de América ou nas loitas mouras, nas que os vosos homes se xogaban a vida na líquida sepultura do mar; ao voso íntimo tesouro de agarimo e de calado door, encamiñamos este chamamento, a prol de erguer unha Patria nova, unha Terra farta, unha Galicia Feliz...

¡Mulleres de Galicia, que o sodes todo no fogar e no traballo, na casa e na cibdadanía, no sostén e na tutela dos fillos cativos, que a emigración ou o naufraxio vos deixaron horfos!:¡Xuntade o voso esforzo ao afán dos galegos que queren unha Galicia non escravizada, un mañán máis ledo, unha cultura propia, unha vida dina!

Pol-o esprito e pol-a materia. Pol-a limpeza política e pol-a prosperidade pública. Pol-otraballo e pol-a reivindicación social. Pol-a República. Por Galicia, mulleres da nosa Terra; Hirmáns de Galicia:

 VOTADE O ESTATUTO DE AUTONOMÍA

Un alegato ás mulleres para que voten por Galiza, pola liberación da Terra,  pero tamén unha exaltación das mulleres como sostén da comunidade no seu rol de muller, de nai e de administradora dos fogares cando a emigración levaba aos homes.

                              (Fonte: "Ha venido de Madrid una comisión de Galicia", La Libertad, 16 de xullo de 1936, p. 12).


Así pois e para concluír, é preciso recoñer que as mulleres galegas están nun despertar no seu compromiso social e político. Mulleres que comezan a integrarse en agrupacións galeguistas, autonomístas, socialistas, o que denota o valor engadido que supuñen para todo o proceso social histórico. Mais todo este alarde vital das mulleres foi sufocado de xeito drástico coa ditadura que supuxo volver ancoralas no redil.


Vid: Estatuto de Galicia; El Eco de Santiago,
5 de agosto de 1931, p.1; El pueblo gallego, 15 de agosto de 1931, p. 1; El Compostelano , 9 de maio de 1932, p. 2; El Compostelano, 28 de decembro de 1932 , p. 1-2; A voz do pobo : ¡Proletarios de todol-os países unídevos!, 5 de xuño de 1971, p. 2; El pueblo gallego, 20 de xuño de  1936, p. 11; La Región, 8 xullo de 1962, Estatuto de 1936; Rodríguez-Arana, J. (2001). Estatuto y autogobierno gallego: nuevas perspectivas (1936-1981-2010). AUTONOMÍAS , 27 , 280; Peña, MSP (2006). El referéndum del Estatuto de Autonomía de 1936 en la prensa gallega: puntos en común y diferencias con el proceso estatutario de 1979-1980. En República y republicanismo en la comunicación: VIII Congreso de la Asociación de Historiadores de la Comunicación, actas. (Sevilla, 30-31 de marzo de 2006) (p. 41). Universidad de Sevilla.