RECANTO DE REFLEXIÓNS

05 septiembre 2021

ESTHER PEÑA BOUZAS

Parte deste relato contoumo o irmán de Esther, Manuel Peña. Esther naceu en Viascón o 29 de setembro de 1912 e era filla de Celia Bouzas e Manuel Peña Rey. Cando veu a Ourense coa súa nai no ano 1918 tiña case seis anos.

Tanto Manuel como Celia inculcaron aos seus fillos a necesidade de colaborar coa sociedade, eles xa eran un exemplo a seguir. As fillas maiores, Esther e Marina, ían interiorizando estas ideas xa nunha idade adolescente e comezaron a adquirir un compromiso social participando en eventos de carácter benéfico, como por exemplo, a Homenaxe á Vellez que era unha exaltación e un recoñecemento ao traballo e exemplo dos maiores que se desenvolvía na rúa Paz Novoa da cidade de Ourense no que se daban discursos, recitais e interpretacións teatrais; tamén acudían á cantinas escolares a ofrecer roupa e enseres para os nenos pobres da cidade. Estas ocupacións non lle restaban tempo a Esther para levar con éxito os seus estudos no Instituto Provincial.

(Fonte: La Región, 9 de outubro de 1929, p. 1)

Fixo o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Ourense o 30 de setembro de 1922, aos 10 anos.  Estivo matriculada ata 1925, comezou os estudos por libre pero logo estudou por oficial. Sacou sobresaliente en Lingua Castelá e en Latín 1 e 2. Acadou notable en Xeografía Xeral de Europa, Xeografía especial de España e Historia de España. No resto das materias acadou aprobado.
(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)
En setembro de 1933 fórmase o Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista que vai estar encabezado por Celia Bouzas Barreiro, e a súa filla Esther, e tamén Marina, entraría a formar parte do grupo e asinaría o manifesto "Chamamento ás mulleres" que foi lido na homenaxe que o grupo lle fixo a Filomena Dato o 25 de xullo de 1933, o día de Galicia.



A fotografía amosa a comida dos membros do partido celebrada en 1933 á que asistíu Esther que está sentada no quinto lugar comezando pola esquerda e no sétimo lugar está seu pai, don Manuel Peña Rey.

Esther casou o 19 de agosto de 1939 na capela de Ervedelo con Eduardo Rodríguez Cantero que veu a Ourense en 1934 como empregado do Banco Simeón e tiveron dous fillos. Esther faleceu dunha longa doenza o 28 de agosto de 1964 cando tiña 50 anos e está enterrada no Cemiterio de San Francisco de Ourense no panteón familiar.

Foi na súa xuventude unha muller máis no compromiso por Galicia.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento; Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; La Región, 28 de setembro de 1929; 1 de outubro de 1929; 6 de xaneiro de 1932; 20 de agosto de 1939; El Pueblo Gallego, 19 de agosto de 1948.