Etiquetas

Discurso no Premio Clara Campoamor

Quixera dar as grazas de corazón á Concellería de Igualdade polo premio Clara Campoamor e que comparto con ilusión co IES Portovello. Por suposto o meu agradecemento ao Foro Feminista Falando Nós que me propuxeron para el. Para min é un halago pero tamén unha grande responsabilidade. Responsabilidade para continuar na miña paixón que é o estudo da historia das mulleres de Ourense á que me levo dedicando desde hai vintecinco anos, desde que comecei a Tese de Doutoramento dirixida por Carmen Benso, á quen teño tanto que agradecer. Os premios recíbense con ledicia pero deben ser a forza que nos empurre a seguir facendo mellor as cousas.

É un feito incuestionable que na historiografía contemporánea se suscitou un interese crecente polos estudos sobre a muller dende diferentes puntos de vista, o que permitiu reconstruír unha parte importante, ata agora silenciada, da nosa historia.Todo isto fíxose necesario pois se revisamos manuais de historia xeral, apenas aparecen mecionadas as mulleres, por non consideralas relevantes, como algún historiador chegou a indicar. A perda do seu estatus polo relegamento social deu lugar ao que Friedrich Engels describiu comoo “a derrota do sexo feminino na historia universal” .

Non podemos defender nin pensar  que existe unha historia útil, a desempeñada polos homes, e unha historia de “anécdota” a historia das mulleres. Pero, por que pervivíu a idea de que a historia das mulleres non é relevante? Mary Nash di que non houbo intencionalidade malévola, senón que a historia se ocupou de asuntos onde a muller non tiña cabida. Segundo a historiadora Peña García  a resposta tería que ver coa definición mesma que se deu á ciencia histórica, centrada en valores masculinos que tomaron só certos acontecementos, procesos e movementos como dignos da súa análise histórica de xeito exclusivo, volvendo case “invisibles” ou non relevantes ás mulleres.

Pero, por fortuna, isto vai cambiando.  Efectivamente, cómpre incluír ás mulleres como seres activos da historia, non como grupo pasivo. É un risco facer historia das mulleres como categoría aparte como algo ao marxe ou paralelo aos feitos, ou como algo anecdótico. Débese defender integrar á muller nos estudos de historia dándolle protagonismo e vendo a súa capacidade transformadora. Con isto falamos de restituír a historia das mulleres e as mulleres restituílas na historia.

Acaso Olimpia de Gougues, Simone de Beauvoir; Mari Curie; Rosa Park; Amelia Earhart; Benazir Butho; Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, a propia Clara Campoamor…etc, etc.. non foron transformadoras da historia? O desinterese por falar da muller na historia descubre a marxinación á que foi sometida ao longo dos tempos. Agora é preciso reivindicarse.

É preciso, pois, un revisionismo histórico onde se lle conceda á muller o seu merecido espazo, servirá tamén para facer xustiza.

Así, pois, fagamos noso o que a historiadora Joan Scott manifestaba. É preciso unha historia de mulleres xa que estivo oculta por un patriarcado exacerbado que as relegou. Non se pode segregar nin se pode deixar fóra do estudo histórico aspectos nos que as mulleres tiveron participación directa ou supuxeron un activo importante nos feitos históricos. E eu completaría esta afirmación indicando que deste xeito somos quen de demostrar que a muller ten tanta vontade, capacidade, e forza como calquera outro.

Para rematar quixera dicir que a min preocupoume moito coñecer a historia das mulleres de Ourense: como comezaron a incorporarse aos estudos superiores, como se adentraron no mundo laboral, como actuaron nas reivindicacións, como responderon aos cambios políticos…e a través do blog de mulleres que levo quixen facer mención de moitas ourensás que transcederon na historia. Foron e son pioneiras destacadas en diferentes campos. Por tal motivo, é preciso recoñecelas xa que constitúen unha base importante na nosa historia local. Deste xeito, Ourense contribúe a ampliar a nómina das mulleres que ao longo da historia e en moitos lugares foron invisibles e esquecidas. Pero non me quero esquecer de todas as mulleres anónimas que día a día se erguen e fan historia pois como indica Chris Harman é todo o pobo, todas as clases populares, mulleres e homes, o que carga co peso da historia.

Moitas grazas aos que hoxe nos acompañades neste premio, familia, amigas e amigos, e, e en especial á miña querida Coral de Ruada que tanto me emocionou.

8 de marzo de 2019