Etiquetas

25 enero 2026

CARMEN EIRÓ BOUZA

Os camiños e avances das mulleres non foron nin están sendo fáciles. O logrado ata o momento foi froito da constancia e a perseverancia de todas, a pesar dos numerosos atrancos. Houbo que agardar ata 2025 para que Galicia tivese, por primeira vez, unha Fiscala Superior.

Son tempos nos que hai que corrixir voces e buscarlles o seu feminino; non se trata de reverter roles, senón de coñecer e recoñecer a igualdade. A igualdade, en si mesma, non ten xénero: é simplemente igualdade.

Non podía deixar de mencionar neste blog este feito histórico, e sentir a ledicia de que este tributo, inédito e primeiro, recaia en mans dunha muller ourensá. Un alto cargo de tal relevancia na xudicatura está cuberto hoxe por Carmen Eiró Bouzas.

Nacida en Ourense en 1969, ingresou na fiscalía en 1998. Dende 2005 era a Fiscala da Audiencia Provincial de Ourense, e en 2020 foi designada fiscala delegada autonómica na especialidade de Medio Ambiente, Patrimonio e Urbanismo. En novembro de 2025 foi nomeada Fiscala Superior de Galicia.

A partir de agora, asumirá a representación institucional no ámbito da Comunidade e farase cargo da dirección efectiva do Ministerio Fiscal neste territorio. Un posto de alta responsabilidade que deberá exercer con nobreza, máxima ecuanimidade e honradez. No seu discurso de toma de posesión pronunciou estas palabras:

“Síntome profundamente honrada e, ao mesmo tempo, son consciente da enorme responsabilidade que implica asumir o cargo de máxima autoridade do Ministerio Fiscal en Galicia. É moito máis ca un posto institucional: é un compromiso de vida coa xustiza, coa legalidade e coa cidadanía en xeral”.

Xurou o cargo cunha serie de compromisos acuciantes para Galicia: o medio ambiente, a xustiza, a legalidade e os dereitos, a violencia de xénero, o acoso escolar... En definitiva, estamos ante unha muller que comparte a realidade da cidadanía e se sente próxima á xente.

                                       

18 enero 2026

ROSA GÁNDARA RÚA

Rosa naceu en 1908 en Corga, pobo do concello de Xinzo da Limia. Era filla de Cándido e Carmen e estaba casada con Cesáreo Gamucio e tiñan dous fillos.

Cando tiña 41, o 7 de abril de 1949, de foi detida pola Garda Civil abríndoselle a causa númeo 185. O motivo da detención foi por acoller na súa casa a guerrilleiros de Toxediño e Parada de Outeiro e tamén a Carmen Fernández Seguín. O 17 de xuño dese mesmo ano o Comandante Xuíz Instrutor ditou auto de procesamento por auxilio a bandoleiros.

O trece de decembro de 1949 foi sometida a Consello de Guerra e Rosa foi condenada a prisión menor por un tempo de un ano e seis meses. Súa filla, Carmen, que tamén colaborara foi sometida a palizas e estivo no cárcere de Ourense durante sete meses.

Rosa envía unha instancia ao Comandante Xuíz Instrutor solicitando a liberdade condicional e o 28 de marzo de 1950 consegue saír de prisión:

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Rosa Gándara Rúa.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24069/015; Caixa 24069/015 (09)).

Cándido Gándara, pai de Rosa, fora membro vogal da Comisión Xestora Municipal de Sandiás e logo tamén da Sociedade Agraria de Sandiás co cargo de vicesecretario no ano 1934. Foi detido e asasinado en agosto de 1936. 

Vid: https://xinzodelimia.com/blogs/memoria-historica-doutras-mulleres-represaliadas-da-limia-1936-1950/; https://historiadexinzo.wordpress.com/2019/02/01/enfrontamentos-da-garda-civil-coa-guerrilla-en-toxedino-e-parada-de-outeiro/#_ftn1; La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano XXII Número 6232 - 1931 abril 24, p. 8; La Zarpa : diario de los agrarios gallegos: Ano XV Núm. 4025 - 7 febreiro 1934, p. 1; Expediente referenciado na entrada

12 enero 2026

CELSA AMELIA ARIAS GARCÍA

Reeditamos esta entrada debido á circunstancia afortunada de que, en decembro de 2025, Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Amelia, contactou comigo tras comprobar que neste blog se facía referencia á súa nai.

En efecto, Pilar Valverde Arias e máis eu mantivemos unha conversa telefónica nese mesmo mes, na que me relatou a traxectoria vital e profesional dos seus pais, ambos docentes de sólida formación intelectual, que estiveron baixo a vixilancia da Comisión de Depuración do Maxisterio. Froito deste intercambio, Pilar e máis eu elaboramos conxuntamente esta entrada a modo de homenaxe a Celsa Amelia. Quero deixar aquí constancia do meu máis sincero agradecemento a Pilar pola súa inestimable axuda, xenerosidade e disposición.

Celsa Amelia naceu o 3 de setembro de 1910 en Rodeiro (Pontevedra). Procedía dunha familia numerosa: tiña tres irmáns maiores —un licenciado en Dereito, outro en Medicina e Marina, que tamén exerceu como mestra— e dous irmáns menores, dos cales un faleceu na fronte de Asturias e o máis novo cursou estudos de Medicina. O pai, propietario do pazo de Trasulfe, era un home disciplinado e recto, que inculcou nos seus fillos o valor do estudo como medio de promoción persoal e social. Por este motivo, a familia trasladouse a residir a Ourense co obxectivo de que os fillos puidesen matricularse no Instituto da cidade, onde Celsa e os seus irmáns obtiveron o título de bacharelato.[1]

En 1920, con apenas dez anos, Celsa Amelia inscribiuse no Instituto ourensán. Cursou dous anos pola modalidade libre e os catro restantes como alumna oficial, acadando cualificacións excelentes ao longo de toda a súa etapa formativa. En 1926 obtivo o título de bacharelato. Nun primeiro momento, un dos seus irmáns, que xa estudaba en Santiago de Compostela, comezou a preparala para o ingreso na Facultade de Farmacia. Porén, o pai considerou máis axeitado que realizase estudos de Maxisterio, polo que solicitou o seu traslado á Escola Normal de Pontevedra, onde obtería finalmente o título de mestra.

En 1933 presentouse aos Cursiños de selección profesional do Maxisterio e exerceu como mestra interina en Vilagarcía de Arousa. Posteriormente foi destinada a Novás, no concello do Rosal [2], localidade á que chegou acompañada dun dos seus irmáns

(Fonte: «Instrucción Pública. Nombramientos interinos», El pais diario republicano, 15 de maio de 1933, p. 2).

(Fonte: «Sociedad», Nuevo heraldo , 15 de setembro de 1934, p. 2).

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde).

Na escola exerceu a docencia con auténtica vocación pedagóxica. Soubo aproveitar a contorna natural para organizar saídas e excursións educativas co alumnado, integrando o coñecemento do medio no proceso de aprendizaxe.

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde)

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde)

Foi en Novás onde coñeceu a quen sería o seu futuro esposo, José Valverde, tamén mestre destinado na zona. José Valverde, nado o 19 de xuño de 1909 [3] era un home de ampla cultura e profunda formación intelectual. Realizou os estudos de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, onde obtivo o título en 1930 con brillantes cualificacións. En 1934 foi destinado á escola de Novás[4] onde coñeceu a Celsa Amelia, coa que contraeu matrimonio. 

José aspiraba a acceder ás cátedras das Escolas Normais, polo que deixou temporalmente o seu destino en Novás en mans dun substituto e trasladouse a Madrid para matricularse na Facultade de Pedagoxía. Cursou varios anos destes estudos ata que, no verán de 1936, se produciu o levantamento militar. Foi mobilizado e permaneceu como soldado ata o remate da Guerra Civil. Paralelamente, incoóuselle o correspondente expediente de depuración, que supuxo a súa suspensión de emprego e soldo durante un ano e o traslado forzoso á escola de Maceira, na parroquia de Covelo,[5] debido á súa simpatía por ideas progresistas, malia non estar afiliado a ningún partido político. Tras estes feitos, José abandonou definitivamente o seu proxecto de formación pedagóxica e optou por orientar a súa carreira cara a outros estudos.

O inicio da ditadura supuxo un período especialmente duro e represivo para o núcleo familiar. Cómpre salientar que o cuñado de Celsa, tamén mestre e casado coa súa irmá Marina Arias, foi “paseado” na Coruña, en Riazor, e a día de hoxe aínda non se localizaron os seus restos.

En 1938, José Valverde foi reposto no Maxisterio,[6], aínda que continuou baixo a vixilancia da Comisión Depuradora. Finalmente, en maio de 1940, dita Comisión acordou o seu desprazamento forzoso dentro da provincia á praza de Covelo, sen posibilidade de concursar a traslados nin a vacantes durante un período de tres anos.[7]

Posteriormente realizou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, nos que obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura[8] especializándose en Xeografía, disciplina na que deixou unha fonda pegada intelectual. Paralelamente, impartiu clases de Latín e Grego en diversos centros educativos e academias da cidade de Vigo, entre elas a Academia Mezquita. Mentres tanto, Celsa exercía como mestra en Domaio, na outra beira da ría de Vigo, onde a familia residiu durante algúns anos.
(Fonte: «De Santiago», El Correo gallego, 15 de novembro de 1944, p. 2).

A Comisión Depuradora tamén solicitou informes sobre Celsa Amelia. O seu expediente resolveuse en xaneiro de 1939 sen sanción. Segundo lembra Pilar, a súa nai contoulle que se librou da depuración grazas á intervención do pintor Luís Pintos Fonseca, membro do Sindicato Católico de Mestres, quen a adscribiu a dita organización. Non obstante, sufriu tamén o acoso dun falanxista que a sometía a continuas coaccións.

En 1943, Celsa solicitou o traslado por consorte á escola de Covelo. Deste xeito, José exerceu na escola de nenos e Celsa na de nenas. José nunca abandonou o seu afán de estudo e, ademais do dominio do alemán e do francés, aprendeu tamén inglés.
(Fonte: «Nombramientos», El Noticiero gallego, 4 de marzo de 1943, p. 2).

Segundo testemuña Pilar, Celsa Amelia era unha muller decidida e firme, que non se deixaba amedrentar. Relata que, naqueles anos, as mestras estaban obrigadas a dirixir talleres de costura para a confección de uniformes destinados aos soldados nacionais, unha tarefa que a súa nai vivía con notable incomodidade.

En 1952 constituíuse un tribunal de revisión de penas que levantou a sanción imposta a José Valverde, permitíndolle participar de novo en concursos de traslados e oposicións. Como consecuencia, decidiu solicitar destino en Sanlúcar de Barrameda.

En 1955 a familia xa estaba plenamente instalada na súa nova residencia; Pilar contaba entón con quince anos. José continuou exercendo a docencia e superou as oposicións á dirección escolar, chegando a dirixir o Grupo Escolar Xeneralísimo Franco ata a súa xubilación. Como sinala Pilar, “paradoxas do destino, aínda que en Sanlúcar ese colexio sempre foi coñecido como «El Pino», polo barrio no que estaba situado”. Pola súa banda, Celsa reincorporouse tamén á docencia no mesmo centro, onde exerceu ata a súa xubilación.

José Valverde faleceu en Sanlúcar de Barrameda, cidade na que é aínda lembrado e na que unha rúa leva o seu nome en recoñecemento á súa brillante traxectoria profesional. Foi un docente de ideas pedagóxicas progresistas e mostrou sempre un profundo interese pola relación entre o ensino e o coñecemento do medio. O seu labor investigador e o seu entusiasmo docente foron obxecto dunha publicación monográfica titulada"José Valverde, geógrafo gallego. Un exilio fecundo" da Universidade de Santiago. Neste volume recóllense diversos traballos que analizan a súa figura como intelectual humanista e docente. A obra inclúe unha achega da súa filla, Pilar Valverde Arias, titulada «El exilio fecundo», na que recompila testemuños do alumnado do seu pai, salientando a súa vocación docente, a súa xenerosidade persoal e a fonda influencia que exerceu nas súas traxectorias vitais, así como referencias aos mestres que marcaron a formación de José Valverde.

Celsa Amelia faleceu o 22 de agosto de 2012 en Sanlúcar de Barrameda, a terra que acolleu á familia con grande agarimo, aínda que lonxe do lugar que a viu nacer. Contaba 102 anos e unha vida chea de lembranzas marcadas por tempos especialmente difíciles. Foi unha muller fondamente comprometida co Maxisterio, compañeira inseparable do seu home tanto na vida como na vocación docente.

Grazas, Pilar Valverde Arias, por compartires a túa historia.

[1] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1920, ES.GA.36038.ACD.OP/1.2.2.2.3.6.79., 18/2.20.
[2] «Nombramientos», Magisterio español, 22 de maio de 1934, p. 14.
[3] El Magisterio español, nº 9204, 19 de outubro de 1933, p. 29.
[4] «Nombramientos provisionales», El Noticiero gallego, 25 de maio de 1934, p.2.
[5] «Maestros suspendidos de empleo y sueldo», El Diario de Pontevedra, 31 de agosto de 1936, p. 2.
[6] «Reposición de maestros que estaban suspendidos de empleo y sueldo», El Diario de Pontevedra, 8 de outubro de 1938, p.4; «Maestros repuestos», El Noticiero gallego, 11 de outubro de 1938, p. 2.
[7] «La Depuración del magisterio en Pontevedra», El Noticiero gallego, 11 de maio de 1940, p. 2.
[8] «De Santiago», El Correo gallego, 15 de novembro de 1944, p. 2.

                                         

11 enero 2026

SONINA REAL BLANCO

Naceu en Casaio en 1908. Seus pais eran Evaristo e Ángela. Vivía en Casaio e dedicábase aos labores domésticos e do campo.  
Detivérona e estivo na prisión de O Barco e  púxose á disposición do Xulgado Militar de Fuxidos. 
O día 24 de marzo de 1941 trasladárona ao cárcere de Ourense coa pena de prisión incondicional por auxilio á rebelión. Tiña 33 anos e estaba solteira.

Mais en abril de 1942 conseguiu ser absolta polo Xuíz Instrutor de Fuxidos e Sonina recobrou a liberdade o día 9 de abril de 1942. 

As súas irmás, Josefa e Angustias tamén foron detidas e encarceradas pola mesma causa.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 (4)
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 (6).
(Elaboración propia a partir Expediente persoal da reclusa Sonina Real Blanco.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25117/027..Caixa 25117/027 )

04 enero 2026

ANO 2026 DE CONMEMORACIÓN DE RAMÓN OTERO PEDRAYO "ANO OTERIANO"

Ben é sabido da amiración que lle profeso a don Ramón Otero Pedrayo. Xa lle dediquei a el e a Vicente Risco unha das miñas páxinas resaltando deles a súa contribución á formación do maxisterio ourensán. Poden ler a entrada dedicada a Otero Pedrayo e tamén a Vicente Risco no seguinte enlace.

AS MESTRAS OURENSÁS, AQUELAS QUE RECIBIRON LECCIÓNS DE VICENTE RISCO E OTERO PEDRAYO.

Don Ramón Otero Pedrayo foi un eminente docente, intelectual, galeguista e incluiría, pedagogo, pois as súas leccións nas aulas resultaban enchidas de coñecementos nas diferentes áreas do saber. Un grande orador, un home achegado ao seu alumnado, un mestre da oratoria e da escrita.

No Instituto que hoxe leva o seu nome, formou a numerosas xeracións de bachilleres e bachilleras, e moitas delas, en concreto, dedicáronse ao maxisterio. 

Estimado don Ramón Otero Pedrayo, a miña humilde pero sinceira admiración.

31 diciembre 2025

AS NOSAS MESTRAS

Un tributo ás mestras que levaron o saber aos recantos máis afastados da xeografía ourensá. Numerosas promocións tiveron como profesor a Vicente Risco quen lles pedía traballos sobre etnografía, cultura, historia, xeografía dos seus respectivos pobos. Eran traballos de investigación e recompilación de interesantes datos. 

Estaban ao tanto dos métodos activos das pedagoxías máis modernas da época.



Un numeroso conxunto delas formaron parte das Asociacións de Mestres coa intención de mellorar a calidade da ensinanza e da situación económica dos docentes que era bastante mísero.


14 diciembre 2025

BALBINA DOMÍNGUEZ BASALO

Naceu en 1926 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Severina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa.

Foi detida o 8 de decembro de 1949 pola Garda Civil en Vila Vella e posta á disposición do Xuíz Instrutor Militar. O motivo da detención foi estar vinculada a Antonio Manuel Domínguez, quen estaba casado con Honorinda Basalo e residía en Vila Vella e co oficio de peón. Antonio foi sentenciado polo Consello de Guerra por auxilio aos fuxidos e condenado a tres anos de prisión. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Balbina foi detida, xunto cun numeroso grupo de homes e mulleres entre os que se atopaban as súas irmás e Antonio Manuel Domínguez, membro da súa familia, por dar auxilio a Antonio López Núñez, alcumado El Objetivo, que marchara no 1946 a formar parte das partidas armadas y se puxera en contacto coas partidas de El Guillermo, el Mario Morán e o Langullo, permanecendo con eles ata 1949. Durante este tempo levou a cabo diferentes incursións e atentados como o atraco ao pobo de Raxoa; atraco a man armada no pobo de Cueto no que resultou ferido unha persoa polo "bandoleiro" Blas; atraco a un automóbil nas minas do Sil no que se fixeron con 95.000 pesetas; no pobo de Carracedo deron morte a un Garda Civil e a un falanxista, entre outros delitos. (1). Antonio López foi capturado e conducido ao cárcere en decembro de 1949 e foi condenado a 30 anos de prisión maior e conducido á Colonia Penitenciaria del Dueso en Santander.

Balbina entrou no cárcere o 8 de decembro de 1949 e puido recobrar a liberdade o 29 de marzo de 1950.

(1) Esta información aparece recollida no Expediente de Antonio Manuel Domínguez.  ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/039 Signatura:Caixa 24045/039.

Elaboración propia a partir de: Expediente persoal da reclusa Balbina Domínguez BasaloES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/073. Signatura:Caixa 24045/073.

07 diciembre 2025

REMEDIOS ÁLVAREZ

Remedios Álvarez naceu en 1920 e era veciña do pobo de Ricosende, Carballeda de Valdeorras. Súa nai chamábase Emilia e consta que seu pai era descoñecido. Estaba solteira, tiña un filla e dedicábase aos labores do fogar. 

A primeira detención foi o 13 de decembro de 1947. Remedios, xunto con Eudosia e Pura, foi conducida ao Departamento de Celanova pero de aí a dez días puxérona en liberdade.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1947 a 1949.
ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2244. Libro 2244, p. 79)

Pero chegado agosto de 1950 volveron detela xa que se dixo que  estando Remedios no monte no verán de 1949 atopouse cunha "cuadrilla"de bandoleros que pediron comida e ela coceulles unhas patacas e ofrecéullelas. 

O día 10 de agosto de 1949 dise no expediente que ofreceu ovos ao bandoleiro chamado "Antolín" ao que vira noutra ocasión. Tamén chegou a falar cos bandoleros Saúl e Girón: "facilitó huevos al bandolero llamado Antolí, al que había visto e notra ocasión habiendo conversado en distintos momentos con los bandoderos Saul y Girón" (1)
(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 369).

(Recreación. Imaxe creada por IA)

Por todos estes motivos Remedios foi declarada culpable e impúxoselle unha pena de un ano de prisión menor. Foi así como o día 16 de agosto de 1950 ingresa na prisión de Ourense permanecendo nela ata o 15 de agosto de 1951.

(1)Expediente persoal da reclusa Eudosia Álvarez Seoane. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//23962/007. Caixa 23962/007. 16-17.

30 noviembre 2025

JOSEFINA MARTÍNEZ BIEL

Seguindo a recomendación que me fixo David Simón, a quen respecto moito polo seu estupendo traballo, vou dar entrada a Josefa Martínez Biel, muller da que non tiña eu referencia pero que David deuma a coñecer, algo que debo agradecer enormemente.

Naceu en Madrid no ano 1901 e residía en Xinzo da Limia no número 37 da rúa Progreso. Era filla de Andrés Martínez Veiga (Diario de un médico de guardia), ciruxián e dentista, do que temos interesante información grazas a David Simón. Josefina tiña catro irmáns: Lohengrin, mestre e galeguista, nome peculiar que nos leva a lendas artúricas, pois Lohengrim era fillo de Parzival; Parsifal, dentista, de nome tamén certamente mítico pois remite a Persibal, cabaleiro da Táboa Redonda; Roberto vinculado tamén ao oficio como mecánico dentista e Fausto, dentista e colaborador nos xornais locais. Polo tanto era unha familia de rango intelectual sobradamente recoñecido. 

Josefa, ou Pepita, segundo nos indica David Simón, parecía exercer como auxiliar de odontólogo, de feito, cando a Garda Civil  a detivo en maio de 1937 alcumábana "A dentista":

(Fonte: «Una detención», La Región, 26 de maio de 1927, p. 2)

O 14 de setembro de 1949 a Garda Civil detívoa en Lugo e conducírona ao cárcere da cidade luguesa pois foi acusada de manter relacións con «elementos perturbadores del orden». Así que, Josefina, tamén sufrirá o cárcere como os seus irmáns.

Unha vez ingresada en prisión, e tras un mes encarcerada, isto é, en outubro de 1949, enviou unha carta ao Capital Xeneral na que dicía que estaba delicada de saúde, que fora sometida a unha operación cirúrxica por parte do Doutor Peña Rey e que debía gardar repouso e ter tranquilidade e aproveitou para alegar que ela non cometera delito algún. Dicía así:

Excmo Señor Capital Gral octava Región: Josefina Martínez Biel, de cuarenta y nueve años de edad, soltera, ayudante y auxiliar de ondontólogo, procesada en causa que se tramita bajo el número 218 en el Juzgado Militar número 1, de la ciudad de la fecha, ante V.E. comparezco y con el máximo respeto expongo: Que como consecuencia del sumario mencionado me encuentro detenida en la prisión provincial de Lugo, con daño manifiesto de mi salud y peligro de sufrir graves accidentes. Es el caso excmo. Señor que, cual resulta acreditado en el certificado médico que se acompaña autorizado por el Sr. Peña Rey de Orense, el veinticinco de marzo del año actual fui sometida a una operación quirúrgica, despues de la cual estuve sujeta a tratamiento variado e intenso, durante semanas quedando resentida de riñones, habiéndome ordenado el médico que durante mucho tiempo hiciese vida tranquila, de reposo y con sujección a un régimen alimenticio especial especial. Bueno no se ocultará a su excelencia, en la cárcel ni puedo  hacer vida tranquila ni guardar reposo, ni procurarme una alimentación especial,  sino que, por el contrario, la intranquilidad es absoluta, los trastornos frecuentes y los peligros manifiestos...»(1)

Na segunda parte da instancia deféndese das acusacións das que foi obxecto e di:

 Por otra parte, se da la circunstancia de que no he realizado voluntariamente ningún acto delictivo, de que jamás he tenido relación con elementos perturbadores del orde, de que siempre, como mis mayores y todos mis familiares, figuré entre los amantes de la paz y defensores de la situación actual, verdadero ejemplo de dicha y bienestar, gracias al talento y ejemplaridad del Excmo. Caudillo.... »(1) .

Pero Josefina non obtivo a resposta desexada e seguiu cumprindo condena acusada de colaboradora dos «bandoleiros». A situación que estaba a vivir Josefina é dunha evidencia de desacougo, por iso, o 3 de xaneiro de 1950 volveu enviar outro manuscrito no que seguía declarándose inocente. Así mesmo, manifestou que súa nai, Mercedes, tiña oitenta anos de idade e dependía do sustento dela polo que suplicaba clemencia:

« ...que de prolongarse la detención de la dicente, su anciana madre, de 80 años de edad, se verá en la obligación de implorar la caridad pública por ser la que suscribe con su honrado trabajo de ayudante de auxiliar odontólogo la que atiende al sustento (...) Tenga a bien decretar la libertad de la suplicante ...(2)

De pouco valeu pois a condena foi de seis meses e tivo que cumprilos na súa totalidade saíndo en liberdade o 20 de abril de 1950. 

Unha vez libre continuou co exercicio de auxiliar de odontóloga pero foi denunciada por intrusismo e, de novo, en xuño de 1950 tivo que comparecer ante a xustiza:

(Fonte: «Gobierno Civil», El Progreso, 13 de xuño de 1950, p. 2)

Moitos detidos, tamén moitas mulleres, sufriron o engano dos infiltrados na guerrilla, e Josefina sería unha das represaliadas enganadas. (3)

(1) (2) Expediente procesual de Josefina Martínez Biel;
ES.GA.27028.AHPLU/1.3.2.7.PPL.02.01.02.92765-102.; caixa 92765-102
(3) Torna, C. « Jesus Costoya., outro infiltrado chave para acabar coa guerrilla nas Terras de Lemos», https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/infiltrados/20250913182032233767.html. Neste artigo faise mención a Josefína que, xunto con outras mulleres, caeu na rede dos infiltrados.

Outras referencias foron
«A familia Martínez Biel. Dentistas en Xinzo», https://historiadexinzo.wordpress.com/2023/07/17/a-familia-martinez-biel-dentistas-en-xinzo/
«Los Martínez Biel, dentistas en Xinzo de Limia» https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2022/07/los-martinez-biel-dentistas-en-xinzo-de.html.
Foto da entrada: Recorte dunha fotografía publicada por David Simón no seu blog e logo mellorada por programa informático.

23 noviembre 2025

SEVERINA DOMÍNGUEZ BASALO

(Imaxe simulada. Non é real). Naceu en 1925 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Balbina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa. Severina, como moitas mulleres ourensás que arriscaron a súa liberdade, tamén colaborou no agochamento de fuxidos ao monte. No seu caso participou, xunto cun grande grupo de xente, a encubrir a Antonio López Núñez. Por tal motivo foi levada ao cárcere de Ourense o 3 de decembro de 1949. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Tras tres meses no cárcerel, no Consello de Guerra que se celebrou o día 29 de marzo de 1950, acordouse a súa posta en liberdade.

(Fonte: Expediente persoal do recluso Antonio López Núñez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25063/021.
Caixa 25063/021.)

En efecto, o día 29 de maio de 1950, Severina recobra a liberdade, pero antes tivo que asinar un papel no que declarou que fixaba a súa residencia en Vilavella, en A Mezquita.

Era un requisito obrigado que as reclusas postas en liberdade deixaran por escrito o lugar onde ían residir. Deste xeito, seguían en permanente vixilancia por parte das autoridades.

(Fonte: Expediente persoal da reclusa Severina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24046/001.
Caixa 24046/001)

(Elaboración propia a partir dos expedientes.  Expediente persoal da reclusa Severina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24046/001. Caixa 24046/001; Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370; Expediente persoal do recluso Antonio López Núñez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25063/021 Caixa 25063/021)

16 noviembre 2025

CONCEPCIÓN ESCUDERO RODRÍGUEZ

(Imaxe simulada, non é un retrato real).
Concepción foi outra represaliada polo franquismo. Como moitas, estivo sometida a un Consello de Guerra que a condenou a estar presa.

Naceu en San Lourenzo, un pobo que pertence á Veiga, do partido xudicial de O Barco de Valdeorras. Alí residía cos seus pais, Pedro Manuel e Dolores, cando foi detida en 1939, tiña 22 anos.

O motivo da súa detención foi por auxiliar aos fuxidos do monte. Foi conducida ao Depósito Municipal de Bande e o 9 de outubro de 1940 trasladárona ao Cárcere de Ourense. Pero saiu en liberdade condicional o 17 de decembro de 1941. O Consello de Guerra celebrado o 11 de decembro de 1943 impúsolle tres anos de prisión menor, facéndose firme a sentencia en decembro dese mesmo ano. Como Consuelo estivo dous anos, cinco meses e vinte e nove días restábanlle cumprir seis meses e un día polo que reingresou en prisión o 28 de xaneiro de 1944 para extinguir a condena que extinguiría o día 28 de xullo de 1944.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1940 a 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2238.Libro 2238, p. 212).

Concepción foi imputada e acusada por “delito de auxilio a elementos responsables de robo a mano armada y auxilio a la rebelión”. Os acontecementos foron os seguintes.

Concepción non tiña unha filiación política pero albergou na súa casa en dúas ocasións a unha cuadrilla de fuxidos do pobo de Curra, concello de A Veiga, en xuño de 1939. Estes fuxidos ían disfrazados co uniforme do exército e realizaran varios atracos a man armada nas casas de varios viciños do pobo e noutros pobos da contorna. Os xefes máis destacados do grupo alcumábanse “El Sargento”, “El bailarín Casaio” (referido ao guerrilleiro antifranquista Manuel Álvarez Arias condenado a pena de morte) e “El Maestro de Casaio”.

Di Laurino Farinas, veciño de Corzos, que estaba na súa casa e o 7 de xullo de 1939 e chamou á súa porta unha veciña e con ela presentáronse varios individuos vestidos de soldados armados que lle pedíron aloxamento. Unha vez dentro da casa manifestaron ser “rojos” e colléronlle dúas escopetas. Logo obrigánrono a ensinarlles a casa de veciños e ían entrando nelas para roubar. Logo levárono ás aforas onde estaba outro grupo maior e tras un anaco fixeron que regresase á súa casa.

Cando Laurino declarou dixo que non coñecía a ningún deles pero que un falaba galego e outro dicía que era o home dunha mestra destituída. Os veciños do pobo tamén manifestaron que non os coñecían e que entraban nas casas pedindo armas e diñeiro e roupa de vestir. As forzas de seguridade presentáronse na casa de Concepción para preguntar polo grupo pero ela dixo que cearan e marcharan e non os volverá ver. Malia todo detivérona por refuxialos. Tamén se levaron a Gabino Fernández Garriba por colaboración cos rojos e a Silverio Fernández Prieto por administrarlle vivendas. Gabino acusábano de acubillar a rojos na súa casa. Manifestou que á noite do 10 de xuño de 1939 petaron na porta e atopouse a un grupo de homes que lle dixeron que tiñan fame, entón ofreceulles comida e durmiron esa noite. Viu que traían armas. Un era o coñecido como "Sargento de Casaio", de Casdenodres, ían con el os irmáns Souletín e Alfredo Yáñez de Corzos. Este estivera na súa casa catro meses antes e entrou dicindo a contraseña “clavo” e el contestou “hierro”. Na declaración dixo que escoitara unha conversa entre eles na que dicían que o fillo da “Bruja de Espino” asasinara a Moisés Rodríguez e que dita bruxa e as súas tres fillas estiveron vivindo cos “rojos” e que eran as queridas dos que estaban presentes cando roubaron en Castromao e cando sostiveron un tiroteo coas forzas de A Gudiña. El manifestou que cando chegaron a Curra foi obrigado a axudalos e citou a veciños que os acubillaron. Concepción foi unha deles.

Concepción saíu do cárcere en liberdade condicional coa liberación definitiva do desterro o 23 de abril de 1944, aos 26 anos de idade, e deixou notificado que viviría en Matarrosa del Sil, en León.
(Fonte: Expediente persoal da reclusa Concepción Escuredo Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24049/009; Caixa 24049/009.)

Vid: Expediente de responsabilidades políticas de Concepción Escudero Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.1.5.4.2.1.//7210/47; Caixa 7210/47.
Expediente persoal da reclusa Concepción Escuredo Rodríguez, ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24049/009; Caixa 24049/009.
BOE nº 234 de 21/08/1944, fecha de la orden: 07/07/1944, pagina 6325, columna 1.
https://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_%C3%81lvarez_Arias

09 noviembre 2025

PURIFICACIÓN DIZ PENA

Naceu en Viladerrei, Trasmiras, o 27 de decembro de 1901. Aos quince realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense e matriculouse nel desde 1916 ata 1919 cursando por libre. Obtivo unhas boas cualificacións e o 12 de xullo de 1922 realizou o Depósito do Título de Bacharelato. 

(Fonte: Expediente Académico de Purificación Diz. AHN. Universidades. 5491. Exp.2)

A continuación matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade Central de Madrid e residiu na Rúa de San Vicente, nº 60. Acadaría cualificacións moi destacadas como as matrículas de honra en Bioloxía e e Física Xeral e, en 1924, obtén a titulación.

(Fonte: Expediente Académico de Purificación Diz. AHN. Universidades. 5491. Exp.2)

Regresa a Galicia  e casa con Antonio Fernández LLuvet, propietario da droguería America en Vigo e Purificación abre a súa farmacia nesa cidade na rúa avenida García Barbón.

Tiña un irmán, Manuel Diz, que era mestre no pobo de Illa, Entrimo, que foi depurado e apartado da docencia pero solicitou a revisión do expediente para a súa reposición na escola.

(Elaboración propia a partir do Expediente académico)