Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Odontóloga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Odontóloga. Mostrar todas las entradas

01 marzo 2026

NIEVES NOGUEIRA SANTANA

(Imaxe simulada feita con IA das irmás Nogueira na súa Clínica).
Nieves Nogueira Santana naceu o 12 de marzo de 1919 no concello de Sandiás, Ourense, no seo dunha familia comprometida coa educación e o progreso profesional. Filla de Delfín Nogueira Pérez e Isabel Santana González, compartiu coa súa irmá Obdulia Nogueira unha vocación pola medicina, que ambas desenvolveron con determinación nun contexto histórico marcado por profundas transformacións sociais e políticas.

Tras completar os estudos primarios, Nieves matriculouse no Instituto Ourensán para cursar o bacharelato. Solicitou o título correspondente o 8 de setembro de 1939, sendo expedido polo Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela o 30 de setembro do mesmo ano.

No curso académico 1939-1940, Nieves iniciou os seus estudos na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde permaneceu ata o curso 1942-1943, obtendo cualificacións destacadas. O 25 de novembro de 1945, seguindo os pasos da súa irmá Obdulia, solicitou o traslado á Universidade de Madrid para especializarse en Odontoloxía, disciplina na que se convertería nunha das primeiras mulleres tituladas da provincia de Ourense.

Xa como odontóloga titulada, Nieves regresou a Ourense, onde, xunto coa súa irmá Obdulia, fundou unha clínica dental fronte á estación, na Ponte. Este establecemento converteuse nun referente na cidade, destacando pola súa calidade asistencial e pola incorporación de técnicas innovadoras para a época. A súa traxectoria profesional non só contribuíu á mellora da saúde bucodental da poboación ourensá, senón que tamén abriu camiño para a incorporación doutras mulleres ao ámbito da odontoloxía.

A pesar das limitacións documentais existentes, a figura de Nieves Nogueira Santana representa un exemplo de superación e compromiso coa saúde pública, sendo merecedora de recoñecemento no ámbito da historia da medicina galega.

(Elaboración propia. Vid: A.H.U.S., Expediente de Nogueiras Santana, Nieves, alumna de Medicina (1939 / 1943); Leg. 932, Exp. 20).

08 febrero 2026

OBDULIA NOGUEIRA SANTANA

Obdulia Nogueira Santana naceu o 25 de novembro de 1917 en Fontela, Piñeira de Arcos, Sandiás. Era filla de Delfín Nogueiras Pérez que era comerciante industrial e de Isabel Santana González. O matrimonio, xunto con Obdulia, tiña tres fillas máis que eran Agustina, Nieves e Julita.

Foi unha médica especializada en odontoloxía que desenvolveu a súa carreira profesional principalmente nas provincias de Ourense e Lugo, en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento da práctica odontolóxica na posguerra e nas décadas seguintes do século XX.

Tras os estudos de primaria cursou o bacharelato no Instituto de Ourense, e o 8 de setembro de 1939 certifica o pagamento dos dereitos para a expedición do Título de Bacharel.

Após realiza o exame de ingreso á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, por conseguinte, solicitou o pase do seu expediente á Facultade de Medicina, confirmando, deste xeito, que o seu acceso foi completamente regulamentado e oficial.

Obdulia vai estudar os tres primeiros cursos de Medicina entre 1939 e 1942 de forma oficial con resultados moi bos en Complementos de Física, Bioloxía e Química; Anatomía (1º e 2º curso); Técnica anatómica; Histoloxía; Fisioloxía xeral e especial; Anatomía patolóxica; Microbioloxía médica; Farmacoloxía experimental.[1]

As cualificacións que aparecen son maioritariamente notables o que indica un rendemento académico sólido, especialmente destacable nun contexto no que as mulleres eran aínda minoría na universidade.

Tras completar estes estudos solicitou o trasladado a la Universidade de Madrid el 28 de outubro de 1942. Isto encaixa perfectamente coa traxectoria de moitas persoas que iniciaban Medicina e logo se especializaban noutros centros que dependían academicamente da Facultade de Medicina. Estudou na Escola de Estomatoloxía da Facultade de Medicina, a única institución en España que ofertaba formación en odontoloxía naquela época. Alí atopouse con outras seis mulleres sendo maiormente homes os que conformaban o alumnado. Nela Obdulia acadou o título de odontóloga en 1945.

Xa titulada, Obdulia Nogueira Santana regresou a Galicia, onde comezou a exercer a odontoloxía en Ourense xunto coa súa irmá Nieves, coa quen abriu unha clínica no barrio da Ponte. Ademais de atender consultas na clínica, tamén desprazábanse a localidades próximas, como A Trives, os días de feira para prestar servizos sanitarios odontolóxicos.

(Fonte: «Anuncio», La Región, 8 de xuño de 1950, p. 4)

Casou o 23 de outubro de 1952 con César Díaz López[2], médico e odontólogo tamén, e o matrimonio trasladouse a Lugo, onde exerceu a profesión conxuntamente nunha clínica situada na rúa do Progreso.

Logo de décadas de práctica privada, Obdulia traballou como odontóloga para a Seguridade Social entre 1984 e 1987, ano en que se xubilou.

Ademais do seu labor sanitario, Obdulia estivo involucrada en diversas actividades comunitarias e empresariais. Ademais, mantivo interese pola actualización profesional asistindo con frecuencia a congresos relacionados coa súa especialidade.

A traxectoria de Obdulia Nogueira Santana representa un exemplo destacable de perseveranza e superación nun contexto histórico no que a presenza das mulleres nos ámbitos universitarios e profesionais —especialmente nas ciencias médicas— era aínda minoritaria.

Obdulia faleceu o 12 de febreiro de 2012 en Lugo.

[1] A.H.U.S., Expediente persoal de Nogueira Santana, Obdulia, Cartapacio 932, Exp. 21 (001).
[2] «Enlace Díaz López Nogueira Santana», El Progreso, 24 de outubro de 1952, p. 2. 

Elaboración propia a partir de, Vid: A.H.U.S, Expediente persoal de Nogueira Santana, Obdulia, Cartapacio 932, Exp. 21; Pioneiras – Pioneiras de Ciencias de Lugo. (2024). Pioneirasdecienciasdelugo.gal website: https://pioneirasdecienciasdelugo.gal/pioneiras/ (Consultado o 1 de febreiro de 2026). (Fotografía foi extraída de Pioneiras de ciencias de Lugo e modificada a debuxo a lapis.)

30 noviembre 2025

JOSEFINA MARTÍNEZ BIEL

Seguindo a recomendación que me fixo David Simón, a quen respecto moito polo seu estupendo traballo, vou dar entrada a Josefa Martínez Biel, muller da que non tiña eu referencia pero que David deuma a coñecer, algo que debo agradecer enormemente.

Naceu en Madrid no ano 1901 e residía en Xinzo da Limia no número 37 da rúa Progreso. Era filla de Andrés Martínez Veiga (Diario de un médico de guardia), ciruxián e dentista, do que temos interesante información grazas a David Simón. Josefina tiña catro irmáns: Lohengrin, mestre e galeguista, nome peculiar que nos leva a lendas artúricas, pois Lohengrim era fillo de Parzival; Parsifal, dentista, de nome tamén certamente mítico pois remite a Persibal, cabaleiro da Táboa Redonda; Roberto vinculado tamén ao oficio como mecánico dentista e Fausto, dentista e colaborador nos xornais locais. Polo tanto era unha familia de rango intelectual sobradamente recoñecido. 

Josefa, ou Pepita, segundo nos indica David Simón, parecía exercer como auxiliar de odontólogo, de feito, cando a Garda Civil  a detivo en maio de 1937 alcumábana "A dentista":

(Fonte: «Una detención», La Región, 26 de maio de 1927, p. 2)

O 14 de setembro de 1949 a Garda Civil detívoa en Lugo e conducírona ao cárcere da cidade luguesa pois foi acusada de manter relacións con «elementos perturbadores del orden». Así que, Josefina, tamén sufrirá o cárcere como os seus irmáns.

Unha vez ingresada en prisión, e tras un mes encarcerada, isto é, en outubro de 1949, enviou unha carta ao Capital Xeneral na que dicía que estaba delicada de saúde, que fora sometida a unha operación cirúrxica por parte do Doutor Peña Rey e que debía gardar repouso e ter tranquilidade e aproveitou para alegar que ela non cometera delito algún. Dicía así:

Excmo Señor Capital Gral octava Región: Josefina Martínez Biel, de cuarenta y nueve años de edad, soltera, ayudante y auxiliar de ondontólogo, procesada en causa que se tramita bajo el número 218 en el Juzgado Militar número 1, de la ciudad de la fecha, ante V.E. comparezco y con el máximo respeto expongo: Que como consecuencia del sumario mencionado me encuentro detenida en la prisión provincial de Lugo, con daño manifiesto de mi salud y peligro de sufrir graves accidentes. Es el caso excmo. Señor que, cual resulta acreditado en el certificado médico que se acompaña autorizado por el Sr. Peña Rey de Orense, el veinticinco de marzo del año actual fui sometida a una operación quirúrgica, despues de la cual estuve sujeta a tratamiento variado e intenso, durante semanas quedando resentida de riñones, habiéndome ordenado el médico que durante mucho tiempo hiciese vida tranquila, de reposo y con sujección a un régimen alimenticio especial especial. Bueno no se ocultará a su excelencia, en la cárcel ni puedo  hacer vida tranquila ni guardar reposo, ni procurarme una alimentación especial,  sino que, por el contrario, la intranquilidad es absoluta, los trastornos frecuentes y los peligros manifiestos...»(1)

Na segunda parte da instancia deféndese das acusacións das que foi obxecto e di:

 Por otra parte, se da la circunstancia de que no he realizado voluntariamente ningún acto delictivo, de que jamás he tenido relación con elementos perturbadores del orde, de que siempre, como mis mayores y todos mis familiares, figuré entre los amantes de la paz y defensores de la situación actual, verdadero ejemplo de dicha y bienestar, gracias al talento y ejemplaridad del Excmo. Caudillo.... »(1) .

Pero Josefina non obtivo a resposta desexada e seguiu cumprindo condena acusada de colaboradora dos «bandoleiros». A situación que estaba a vivir Josefina é dunha evidencia de desacougo, por iso, o 3 de xaneiro de 1950 volveu enviar outro manuscrito no que seguía declarándose inocente. Así mesmo, manifestou que súa nai, Mercedes, tiña oitenta anos de idade e dependía do sustento dela polo que suplicaba clemencia:

« ...que de prolongarse la detención de la dicente, su anciana madre, de 80 años de edad, se verá en la obligación de implorar la caridad pública por ser la que suscribe con su honrado trabajo de ayudante de auxiliar odontólogo la que atiende al sustento (...) Tenga a bien decretar la libertad de la suplicante ...(2)

De pouco valeu pois a condena foi de seis meses e tivo que cumprilos na súa totalidade saíndo en liberdade o 20 de abril de 1950. 

Unha vez libre continuou co exercicio de auxiliar de odontóloga pero foi denunciada por intrusismo e, de novo, en xuño de 1950 tivo que comparecer ante a xustiza:

(Fonte: «Gobierno Civil», El Progreso, 13 de xuño de 1950, p. 2)

Moitos detidos, tamén moitas mulleres, sufriron o engano dos infiltrados na guerrilla, e Josefina sería unha das represaliadas enganadas. (3)

(1) (2) Expediente procesual de Josefina Martínez Biel;
ES.GA.27028.AHPLU/1.3.2.7.PPL.02.01.02.92765-102.; caixa 92765-102
(3) Torna, C. « Jesus Costoya., outro infiltrado chave para acabar coa guerrilla nas Terras de Lemos», https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/infiltrados/20250913182032233767.html. Neste artigo faise mención a Josefína que, xunto con outras mulleres, caeu na rede dos infiltrados.

Outras referencias foron
«A familia Martínez Biel. Dentistas en Xinzo», https://historiadexinzo.wordpress.com/2023/07/17/a-familia-martinez-biel-dentistas-en-xinzo/
«Los Martínez Biel, dentistas en Xinzo de Limia» https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2022/07/los-martinez-biel-dentistas-en-xinzo-de.html.
Foto da entrada: Recorte dunha fotografía publicada por David Simón no seu blog e logo mellorada por programa informático.

13 marzo 2024

FELISA CONDE GAMBOA

Achegamos ao blog a unha muller que eu tiña recollida na miña base de datos das matriculadas no Instituto ourensán entre os anos 1900 e 1930 pero que ata estes días non me puxen en serio a investigar sobre ela e, como puiden comprobar, estamos ante unha muller moi interesante e unha pioneira en todos os aspectos, no académico pois fixo un brillante bacherelato e sacou a licenciatura na Universidade Central de Madrid; no profesional pois exerceu como odontóloga; e no compromiso social e político.

Felisa naceu en Burgos o 12 de marzo de 1908 e era filla de Benito Conde Enríquez, que era capitán de infantería Reserva de Ourense, número 65, e de Felisa Gamboa Ibáñez. Os pais de Felisa casaran en abril de 1904 e o matrimonio foi residir a Burgos, onde naceu Felisa, e alí seu pai estivo na Academia preparatoria de Sarxentos para o seu ascenso a oficiais. En 1908 foi ascendido segundo tenente da escala de Reserva e a continuación conseguiu a graduación de primeiro tenente e, tras varios destinos, recalou en Zamora e anos máis tarde en Ourense. Estando aquí, Felisa estudou no instituto ourensán onde fixo o ingreso o 14 de setembro de 1921. Inscribiuse por oficial en todos os cursos de bacharelato rematando os estudos en 1927. O seu expediente foi impresionante pois obtivo catorce sobresalientes con premio e o resto das materias sacou sobresaliente. A prensa local ourensá e zamorana fixo mención a este brillante expediente académico.


(Fonte. PHV., Heraldo de Zamora, 12 de xuño de 1926, p. 3)

Rematado o Bacharelato solicitou un Certificado para o traslado á Universidade Central de Madrid e alí estudaría a carreira de Odontoloxía. Foi alumna de Severo Ochoa, Juan Negrín e Rafael Méndez. Rematados os estudos en 1933 comezou a traballar como odontóloga na cidade murciana de Lorca. Sería Felisa a primeira odontóloga que exerceu en Murcia, converténdose nunha pioneira nesta cidade.

Precisamente en Lorca constituiuse o Sindicato Único de profesiones liberais e Felisa formou parte da Xunta administrativa ocupando o posto de vogal primeira. Era unha muller de convicións republicanas e moi ligada aos movementos de esquerda. De feito, a ficha do Centro Documental da Memoria Histórica indica:

(Fonte: PARES: Centro Documental de la Memoria Histórica, DNSD-SECRETARÍA,FICHERO,13,C0167971

Instala a súa consulta na rúa Álamo de Lorca. A súa significación de esquerdas fai que sexa represaliada durante dous anos no seu domicilio. Casou con Ambrosio Mulero e tiveron dous fillos. 

Felisa sempre mantivo as súas convicións e malia estar reprendida na súa casa ela aproveitaba para saír dela e atender aos seus pacientes.

Faleceu aos 98 anos .

Elaboración propia a partir de diversas fonte. Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento e estudo dos Expedientes de secundaria. Heraldo de Zamora, 27 de maio de 1922, p. 2; Diario de Burgos, 4 de xullo de 1908, p. 1;  La Región, 19 de maio de 1925, p. 1;  La Región, 2 de outubro de 1927, p. 8; "Matrimonios", Heraldo de Zamora, 4 de abril de 1904, p. 3; Heraldo de Zamora, 14 de xuño de 1924, p. 2; Heraldo de Zamora, 12 de xuño de 1926, p. 3; El Liberal, 1 de maio de 1937, p. 2; Valero de Torres, Antonio, "Tres lorquinas ilustres", Cosas de Lorca. foto da entrada extraída de Antonio Valero; Botías, Antonio, "Las pioneras que tanta salud dieron como gloria le negaron", La Verdad,;  La Verdad, 9 de xuño de 2006, p. 67;  La Opinión de Murcia, 12 de abril de 2004, p. 12.

10 junio 2022

DOLORES GALLEGO FERNÁNDEZ

(Entrada suxeita a publicación. Non se permite copia).
Dolores Gallego Fernández naceu en A Gudiña o 21 de marzo de 1902 e era filla de Francisco Gallego Gutiérrez que era sobrestante de obras públicas e Gerarda Fernández. O matrimonio tiña sete fillo que eran José, Darío, Francisco, Julio, Concepción, Dolores e Gerarda.

O 16 de marzo de 1918 Dolores realizou o exame de ingreso no instituto e cursou seis anos de bacharelato por libre.

Unha vez finalizados os estudos solicitou o certificado e o título de Bacharelato e trasladouse a Madrid para matricularse na Facultade de Medicina e na Escola de Odontoloxía. Despois de rematar os estudos cunhas cualificacións sobresalientes permaneceu unha tempada máis en Madrid para realizar as prácticas e ampliar os seus coñecementos no Instituto Odonto-Estomatológico que dirixía o prestixioso Doutor Landette na sección de Puericultura dirixida polo Doutor Mañés.

Cando cumprimentou os estudos, Dolores levou á práctica o seu obxectivo de abrir unha Clínica Dental en Ourense. En efecto, solicitou permiso de apertura que lle foi concedida e en febreiro de 1929 inaugurou o establecemento. A clínica estaba situada na Praza do Obispo Cesáreo, número 8, era ampla, estaba pintada toda de branco, tiña moita luz o que lle daba un aspecto alegre, con vitrinas de cristal e aparatos niquelados. Estaba perfectamente anunciada pois contaba cun rótulo autorizado polo concello na fachada da casa onde estaba situada. Ademais diariamente saía na prensa local a publicidade da clínica:


Lamentablemente, uns meses máis tarde e inaugurar a súa clínica, concretamente o mes de maio de 1929, faleceu seu pai. Pero Dolores unha vez que comezou a traballar Dolores seguiu formándose e perficionándose no seu oficio e por tal motivo trasladábase con frecuencia a Madrid por asuntos profesionais. Tamén acudiu a Coruña para asistir ao XII Congreso Dental y Primero Hispano-Portugués que se celebrou do día 12 ao 19 de agosto de 1933.

Tamén era unha muller sensibilizada pola situación da infancia ourensá de aí que contribuíse achegando aguinaldos para os nenos pobres.

A clínica, tiña numerosa clientela converténdose nun centro de referencia na cidade e aínda seguía aberta en 1955.

(Elaboración propia a partir de fontes diversas)

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930).Tese inédita;  La Región, 16 de febreiro de 1929; La Región, 20 de febreiro de 1929, p. 8; La Región, 1 de xuño de 1929, p. 5; La Zarpa, 13 de agosto 1929; La Región, 7 de novembro de 1930, p.8; La Región 12 de agosto de 1933, p. 1.

01 abril 2011

MARIA TERESA BOUZO SANTIAGO

N
aceu en 1914 en Ourense no seu dunha familia con posibles, era filla do prestixioso médico Don Manuel Bouzo e irmá da Catedrática de Física e Química Maruja Bouzo Santiago. No ano 1924 figura matriculada no Instituto Provincial de Ourense onde cursa o Bacharelato de Ciencias, fará catro cursos pola opción libre e os dous últimos pola opción oficial. Logo de rematar e titularse, solicitou un certificado para a Escola Normal de Mestras aínda que despois decide continuar estudos universitarios en Santiago matriculándose en Mediciña en 1932 obtendo premios en diversas materias. Decántase pola especialidade de odontoloxía examinándose en Madrid na Escola Especial de odontoloxía de Madrid onde saca unhas brillantes cualificacións.  En 1937 coléxiase no Colexio Provincia de Médicos. Exerceu de Catedrática numeraria de Física e Química no Instituto ourensán.

Fonte: El Pueblo Gallego, 5 de xuño de 1935, p. 11.

Tivo a inciativa de abrir unha clínica dental na capital  na rúa Progreso preto da consulta do seu pai. Alí exercería e adquiriría unha gran notoriedade na sociedade ourensá como muller emancipada e propios recursos. Despois trasladou a consulta á avenida de Bos Aires, nº 32 (ao carón do Coliseo Xesteira).

Faleceu en outubro de 1973 na cidade ourensá sendo a súa morte moi lamentada pola cidadanía.

Fonte: La Región, 1 de xaneiro de 1938, p. 5

Vid: El Compostelano, 1 de outubro de 1932, p. 3El Pueblo Gallego, 21 de xuño de 1934, p. 12; Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedranº 148; 1 de xaneiro de 1937, p. 23;El Pueblo Gallego, 3 de maio de 1942, p.7El Pueblo Gallego, 5 de outubro de 1973, p. 17. Bande Rodríguez, Enrique, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, Galaxia, Vigo, 2010, p. 347.

15 marzo 2009

IRENE ÁLVAREZ VERAS

Irene Álvarez Veras naceu o 13 de decembro de 1898 en Ourense. Era filla de José Álvarez Vázquez e de Irene Veras. Ingresou en 1917 no instituto Provincial onde realiza os seis cursos de bacharelato e obtén o título. Obtivo sobresaliente en todas as materias dos cursos.

En 1923, aos 25 anos, aparece rexistrada na facultade de Medicina onde realiza tres cursos con bos resultados para trasladarse a Madrid para especializarse en Odontoloxía. A prensa do momento eloxiaba a esta prezada muller:

“Conocida en Orense como Irenita Álvarez, entrevista a esta odontóloga. Sus estudios predilectos eran las Ciencias, concretamente las Ciencias Naturales y al terminar bachillerato hizo Universidad por esa rama. Hizo los estudios por libre haciendo el curso de preparatorio de Ciencias en una sola convocatoria. Después se matriculó en oficial en la Facultad de Medicina en Santiago pasando luego a Madrid a cursar Odontología. Tenía buena relación con sus compañeros con los que hablaba y charlaba del tema. Pero además de tener la especialidad de Odontología tenía el Título de Maestra Nacional. Ahora ansía trabajar como odontóloga" (La Zarpa, 17 de marzo de 1929).

O 25 de febreiro de 1929, un domingo ás cinco da tarde, inaugura a súa clínica dental na rúa San Miguel, nº 18 á que acudiron numerosos invitados así como a prensa local. Cando se constituíu o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos Pontevedra-Ourense o día 17 de xuño de 1930 dona Irene foi nomeada vogal. Era unha muller que quería estar nas últimas nos avances médicos e por tal motivo contaron coa súa asistencia ás Asembleas de Odontoloxía que se celebraron en 1930 en San Sebastián. Para acudir a estas celebracións facíase acompañar polo seu pai, Don José Álvarez, pois para a época non era conveniente que unha muller viaxara soa. En xuño de 1941 tamén foi a Madrid para asistir ao Congreso Práctico Médico Odontolóxico.

Era moi valorada na cidade pola súa profesionalidade e pola súa faceta filantrópica de axuda aos necesitados de Ourense para os que ofrecía donativos en Nadal. Era frecuente vela en diversos actos sociais como no momemento de fillo predilecto ao doutor García Boente en Ribadavia en 1943.

Irene traballará ata a súa xubilazación no ano 1969. Lamentablemente faleceu dous anos despois, en maio de 1971 e dita perda foi moi sentida pola cidade ourensá.

(Fonte: Anuncio publicado en Corpus 1932 : Programa oficial [76]. Galiciana)

(Fonte: El Pueblo gallego, 22 de maio de 1971)

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156.

Colexio de Ondontólogos Pontevedra-Ourense: ; El Pueblo gallego, 26 de febreiro de 1929; El Pueblo gallego, 18 de setembro de 1930; El Pueblo gallego, 4 de decembro de 1936 decembro 4; El Pueblo gallego, 6 de xuño de 1941; El Pueblo gallego, 14 de setembro de 1943; El Pueblo gallego, 14 de decembro de 1969; El Pueblo gallego, 22 de maio de 1971. Foto: Vida Gallega, n1 129, xullo 1919.