Etiquetas

O sacrificio da beleza

Non refuso da beleza pois teño claro que naceu coa aparición do ser humano, pois... quen pode negar a beleza das manifestacións artísticas prehistóricas? O concepto da beleza,desde logo, é filla do diacronismo histórico. Cada momento, cada etapa histórica foi sobreescribindo a cualidade de beleza. Pero quero comentar este concepto en relación á muller. 

Considero que a beleza foi algo atávico para a muller. Se por beleza consideramos que esta radica na alma pura e espiritual, na coherencia e ponderación e "ethos", todos e todas estamos impregnados de beleza pois é algo intrínseco, traballado e coidado. É esa beleza platónica e  socrática, pois  é unha perfección interior. É esa beleza aristotélica que non é para agradar aos sentidos.

Mais lamentablemente, a beleza sempre se xulgou desde o punto de vista externo, e máis hoxe en día. A beleza vese como un adorno, unha sorte natural de nacer cunha fisonomía considerada harmónica, cunha beleza que coida a estética superficial aínda que se desperdicie a  do interior. Esa é a beleza que se lle esixiu ás mulleres ao longo da historia.

A arte, o cine, a moda... subxugaron á muller á esa busca desesperada por gozar da beleza superficial e física. Hoxe en día o "halo" de beleza predispón a valorar a unha persoa, élle máis fácil conseguir as cousas  e o éxito estará  asegurado.

Non desestimo a beleza pero aludo a unha beleza holística, unha beleza non física senón  de resplandor, unha beleza delicada e sutil como os pístilos do azafrán. É esa a beleza da que non carece ninguén. 

24 de outubro de 2021.