Etiquetas

09 marzo 2025

CANTAS OURENSÁS SE MATRICULARON NO INSTITUTO DE 1900 A 1930? COMO ORGANIZABA O CENTRO ÁS QUE SE MATRICULABAN POR OFICIAL? CANTAS MATERIAS TIÑAN QUE ESTUDAR?

(Fonte: Arquivo Galiciana)

Se difícil foi admitir o dereito da muller a incorporarse ao sistema educativo nacional deseñado polo liberalismo moderado, de ningún modo podía pensarse que esta quixese ir máis alá da aprendizaxe alcanzada no ensino primario, pois a educación secundaria pensábase para unha minoría de privilexiados chamada a formar parte das clases dirixentes, prototipo onde non tiña cabida a muller[1]

Por tal motivo, existía un baleiro legal ao respecto, aínda que como ben di Consuelo Flecha, lexislar non significa resolver o problema [2]. Na consideración que se tiña da muller e no papel asignado a ela por parte dunha sociedade de réxime patriarcal non se contemplaba que esta aspirara a unha maior formación educativa que a adquirida no ensino primario pois non ía exercer nin unha profesión liberal nin dedicarse a actividades industriais, mercantís, profesionais, etc., para as que habilitaba unha maior instrución —na ensinanza media e superior. A lexislación escolar decimonónica nin sequera regulaba o acceso das alumnas ao ensino secundario nin universitario, pero tampouco o inhibía, de aí a incerteza que se viviu nos centros ante as primeiras solicitudes de ingreso[3].

Antes de 1910 as esutantes que querían acceder ao Bacharelato debían facer unha instancia dirixida á Superioridade para que esta autorizase a súa matrícula. 

En Ourense temos constancia de dúas mulleres que en 1893 cumpriron co requisito da consulta e foilles admitida a súa matrícula no Instituto Provincial de Ourense. O Reitor de Santiago Don Romero Blanco manifestou nun escrito o seguinte:

El Ilmo. Director General de Instrucción Pública con fecha 27 del actual me dice lo siguiente: En 20 de Septiembre último se comunicó a ese Rectorado la orden siguiente. Vistas las instancias elevadas por Doña Inés Hernández San Martín y Doña María de la Luz Rodríguez Salgado en solicitud de matrícula en Segunda Enseñanza esta Dirección General se ha servido declarar que autorizada la mayor por las disposiciones vigentes para hacer los estudios del Bachillerato no necesitan autorización para efectuar las matrículas a que se refieren en las que pueden ser inscritas desde luego. Lo que traslado a V.I. para su conocimiento y demás efectos”.[4]

A normativa de 1910, que autorizou a matrícula de mulleres no ensino secundario, non indicaba como debía facerse a organización espacial, isto é: Onde situar ás alumnas que se incorporaban ao Instituto de forma oficial?. Pode dicirse que cada centro adoptou as medidas que consideraba máis oportunas, que eran similares en case todos[5]

Estas estratexias tiñan como finalidade evitar a xuntanza de alumnos e alumnas; por iso, nas aulas as mulleres adoitaban a permanecer xunto ao profesor se eran poucas, se o seu número aumentaba estarían apartadas nunha fila ou ao final da clase. No resto do edificio, durante os tempos de lecer era habitual dispensarlles diferentes espazos[6]

Evitar a coeducación, impedir o achegamento dos compañeiros e compañeiras, procurar que non se interferiran, etc. era cuestión de moralidade, aínda que en moitos foros —como por exemplo no Congreso de Luxemburgo de 1922— se manifestou que a coeducación, que existía nalgúns centros escolares españois, non estaba sendo en absoluto prexudicial para ningún dos dous sexos nin para o discorrer da vida do centro. 

Non obstante, a Reforma do Bacharelato de 1926 preocupouse de levar adiante as denominadas permanencias nos institutos, de forma que non coincidiran alumnos e alumnas nelas[7].

A medida que medraba o interese das mozas por incorporarse aos estudos secundarios volveu pensarse na necesidade de concibir centros específicos de ensino secundario, tal como se debatera no congreso Pedagóxico-Hispano-Portugués-Americano de 1892. En Galicia un dos defensores desta idea foi Johan Vicente Viqueira López-Cortón, quen, nunha conferencia pronunciada en 1918, reclamaba a creación de institutos para a muller, pois indicaba que neles se lle ofrecería á muller a mellor educación xeral posible e unha preparación para cantas profesións puidera desempeñar[8]

Sen dúbida, significaría un importante incentivo para que houbese unha maior achega feminina nestes estudos, pero dita empresa requiría contar cunha demanda avultada de mulleres que fixera posible o seu sostemento, algo que non se conquistaría ata avanzado o primeiro terzo de século, que, tras a experiencia da creación dunha sección feminina nun instituto de bacharelato en 1911, será en 1929 cando se instauran os primeiros institutos femininos en Madrid e Barcelona, inicialmente cun carácter local e posteriormente elevados á categoría de nacionais, onde se impartirían todas as ensinanzas de bacharelato vixente[9]

No mesmo ano, no Congreso que se celebrou en Bucarest metéronse na cuestión da Segunda Ensinanza da Muller en aspectos diversos como espazos, profesorado, currículo, obxectivos e finalidade para as mozas, etc. e nas conclusións recolleuse que a ensinanza secundaria debería comprender a mesma formación para os dous sexos, nas mesmas condicións e co mesmo profesorado, asuntos que aínda suscitaban intensos debates en España[10]. Debates que se deixaban translucir a través da prensa ourensá, como o seguinte artigo asinado por Salvador Padilla quen se mostra favorable á coeducación como un medio beneficioso para ambos os dous sexos:

“Las Normales, los Institutos, las Escuelas de Comercio, las Universidades han de estar a la Orden del día para hombres y mujeres, abandonando los soñados peligros de la coeducación de los dos sexos...Lo que yo he visto es que esta coeducación ha sido beneficiosa para ambos sexos. El varón por instinto mide más sus palabras, se estimula por una noble emulación, establece una fraternidad casta con las compañeras; estas aconsejan como futuras madrecitas, evitan por pudor que los malos lo sean delante de ellas, interceden por ellos cuando se hacen acreedores a castigo, sacan dulcemente los colores a la cara a los desaplicados...”[11]

(Fonte: Arquivo Galiciana)
No caso do Instituto de Ourense, consultei este tema a Don Juan Saco e comentoume que dado o baixo número de mulleres no Instituto non foi preciso determinar ningunha actuación. Homes e mulleres estaban mesturados nas aulas. Comentoume que as poucas mulleres que remataban o bacharelato para seguir estudos superiores procedían dos colexios privados porque para estudar maxisterio, que non era universitario, non se precisaba o bacharelato enteiro. A partir de 1938 si que se contemplaron normas de convivencia.

Moitas mulleres matriculáronse primeiramente pola opción libre, estudando e preparándose en academias privadas e acudindo aos exames do instituto cando estes se convocaban. Paulatinamente foron realizando as matrículas por oficial. Pero Cantas ourensás se matricularon entre 1900 e 1930 no Instituto Ourensán? É moi complicado dicir unha cifra concreta pois unha cousa son os rexistros de matrícula por curso atopados no Instituto o que dá lugar a que contabilicemos a mesma persoa varias veces, e outra distinta é contar nominalmente. Polo tanto, acudir ás estatísticas oficiais, aínda que ás veces tampouco son moi exactas, dános uns datos que podemos considerar bastante fiables.

Segundo os anuarios estatísticos en 1930 a matrícula de mulleres chegou a ser de 237 (non obstante, eu consultei persoalmente os libros de rexistros do Instituto desde 1900 a 1930 e contabilicei 545 mulleres inscritas nos sucesivos cursos, polo que estaría contando a mesma muller en varios anos; e logo consultei un total de  841 expedientes académicos, claro está que neste gran conxunto de expedientes estudados había mulleres matriculadas nos estudos de bacharelato e de maxisterio.
No tocante ao plan de estudos, este era moi esixente e non se establecía unha distinción entre sexos, isto é, todos e todas estudaban as mesmas materias. O programa foi evolucionando ante a disxuntiva de ofrecer un bacharelato máis humanístico que técnico ou viceversa, chegando a configurarse un plan equilibrado das dúas materias. En definitiva, e para non entrar a detallar sobre a evolución do plan de estudos, simplemente dicir que en liñas xerais, as materias que tiñan que estudar os e as bachilleres era entorno a 30 materias nos seis anos que duraba o bacharelato. No 1926 divídese en bacharelato elemental e bacharelato universitario de tres anos cada un e tal división servía para establecer unha dirección de saída ao alumnado. Pero, en liñas xerais: Que materias tiñan que cursar as alumnas do Instituto? Pois, como dicía, era un currículo moi esixente pois comprendía case 30 materias

En 1901, Plan de Romanones estudaríase: No primeiro e segundo curso impartiríanse sete disciplinas de tipo básico como Lingua, Xeografía, Aritmética, Relixión, Debuxo, Ximnasia e Caligrafía. No terceiro e cuarto ano abordábanse materias de carácter humanístico como Latín, Historia de España e universal, Xeometría, Lingua Francesa, Xeografía, Relixión, Debuxo e Ximnasia. No quinto e sexto curso incorpóranse materias de ciencias compaxinadas con disciplinas de letras, como Psicoloxía, Historia da Literatura, Física e Química, Lingua inglesa ou alemá, Debuxo, Ximnasia, Ética e Rudimentos de dereito, Historia natural, Fisioloxía e Hixiene, Agricultura e Técnica industrial.

En 1903 formulouse outro planteamento que consistiu en alixeirar o plan de estudos de Romanones. A redución de dito plan respondía a unha cuestión máis de interese social que instrutiva, xa que se levou a efecto pola queixa dos alumnos e pais que consideraban sobrecargado o programa. Así pois, o Plan de Gabino Bugallal quedaba aprobado cunha distribución do bacharelato en seis cursos, suprimindo neles algunha materia e redistribuíndoas con outro criterio.

En 1926, Plan Callejo, diviuse en Elemental e Universitario e as nosas alumnas terían que estudar:
BACHARELATO ELEMENTAL:
Primeiro ano:
Nocións xerais de Xeografía e Historia universal; Elementos de Aritmética; Terminoloxía científica, industrial e artística; Relixión; Francés.
Segundo ano:
Nocións de Xeografía e Historia de América; Historia da Literatura Española; Elementos de Xeometría; Nocións de Física e Química; Relixión; Francés
Terceiro ano:
Xeografía e Historia de España; Historia natural; Fisioloxía e Hixiene; Deberes Éticos e Cívicos e Rudimentos do Dereito; Francés.
BACHARELATO UNIVERSITARIO
Ano común:
Lingua latina; Nocións de Álxebra e Trigonometría; Xeografía política económica; Historia da civilización española nas súas relacións coa universal; Agricultura.
SECCIÓN DE LETRAS:
Primeiro ano:
Lingua latina; Literatura española comparada coa estranxeira; Psicoloxía e Lóxica; Idiomas (inglés e alemán)
Segundo ano:
Literatura latina; Ética; Idiomas (inglés ou alemán).
SECCIÓN CIENCIAS:
Primeiro ano:
Aritmética e Álxebra; Física, Xeoloxía, Idiomas (inglés ou alemán)
Segundo ano:
Xeometría e Trigonometría; Química; Bioloxía; Idiomas (inglés ou alemán)

[1] Vid.: GIL ZÁRATE, Antonio, De la Instrucción Pública en España, Imprenta del Colegio de Sordo-mudos y de Ciegos, 1855, Tomo II, p. 1, citado por FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La incorporación de las mujeres a los Institutos de Segunda Enseñanza en España”... Op.cit., p. 160; “Profesoras y alumnas en los Institutos de Segunda Enseñanza (1910-1940)”, Revista de Educación, número extraordinario, 2000, pp. 276-283; LERENA ALESÓN, Carlos, Escuela, Ideología y clases sociales en España, Círculo Universidad, Madrid, Círculo de Lectores, 1989, p. 213. [2] FLECHA GARCÍA, Consuelo, “Profesoras y alumnas en los Institutos de Segunda Enseñanza (1910-1940)”... Op.cit., p. 270.. [3] VIÑAO FRAGO, Antonio, “Espacios masculinos, espacios femeninos. El acceso de la mujer en el bachillerato”, Mujer y educación en España 1868-1975, VI Coloquio de la Historia de la Educación, Santiago de Compostela, Departamento de Teoría e Historia de la Educación, 1990, pp. 570-574. [4]AIOP, Libro de Rexistro de Entrada. Caixa 137.1. [5] No Instituto Provincial de Lugo ao rexistrarse en 1909 unha muller no centro, o claustro tivo que tratar este punto. Considerábase que esta non debía estar no claustro da planta baixa entre os seus compañeiros e tampouco na sala de profesores; pensouse na biblioteca, pero creuse que se trataba dunha condena á quietude e ao silencio. Finalmente chegouse á conclusión de que había que deixala en liberdade para que ela mesma escollese o lugar que máis lle agradase. Vid.: FERNÁNDEZ PENADO, Luciano, Historia viva del Instituto de Lugo... Op. cit., pp. 120-121.[6] VIÑAO FRAGO, Antonio, “Espacios masculinos, espacios femeninos.... Op.cit.p. 570-574. [7]Vid.: FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La coeducación un quehacer ético: memoria y presente”, Cuestiones Pedagógicas, nº. 10-11, 1993-74, pp. 233; “la Educación de las mujeres después del 98” en RUIZ BERRIO, J. et al. (ed), La educación en España a examen (1898-1998), Jornadas Nacionales en conmemoración del centenario del Noventayocho, Volume II, Zaragoza, Excma. Diputación de Zaragoza, 1999, p. 335; VIÑAO FRAGO, Antonio,“·Espacios masculinos, espacios femeninos. El acceso de la mujer al bachillerato...”Op. cit.; “La crisis del bachillerato tradicional y la génesis de la educación secundaria... Op.cit., p. 140; DELGADO GRANADOS, Patricia, “La formación profesional en la mujer: 1900-1928” en FLECHA, Consuelo e NÚÑEZ, Marina (eds), La educación de las mujeres: nuevas perspectivas, Sevilla, Universidad de Sevilla, 2001, pp. 70-71. [8] Vid.: VIQUEIRA, Johan, “Conferencia” en A Nosa Terra, A Coruña, nº. 115, 20 de marzo de 1920, p. 6 en RODRÍGUEZ GALDO, Mª Xosé (coord.) Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1999, pp. 535-536. [9] Vid.: Diccionario de Pedagogía Labor. Voz “Institutos femeninos de segunda enseñanza”, tomo segundo, Barcelona-Madrid-Buenos Aires-Río de Janeiro, Editorial Labor, 1936; LÓPEZ MARTÍN, Ramón, Ideología y educación en la dictadura de Primo de Rivera. Institutos y Universidades, II, Valencia, Universidad de Valencia, 1994, pp. 145-147; FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La educación de las mujeres después del  98...”, Op. cit.pp. 336-337. [10] FLECHA GARCÍA,  Consuelo, “La educación de las mujeres después del  98...”, Op.cit.p. 335. [11]PADILLA, Salvador, “La mujer debe estudiar”, La Región13-6-1930, p. 1 

Quero expresar o meu agradecemento a Luísa Saco que fixo de intermediaria na consulta que realicei a don Juan Saco en relación á como se dispuñan as alumnas nas aulas do instituto. Por suposto, o meu agradecemento a Don Juan Saco por atenderme e aclarar as miñas dúbidas.