Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta ruralita. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ruralita. Mostrar todas las entradas

15 febrero 2025

AS MULLERES DO CAMPO, AS MULLERES RURAIS, E A SÚA CONTRIBUCIÓN NA HISTORIA


Esta entrada está destinada a reflexionar acerca das mulleres do campo e a súa contribución na historia. É ben certo que no relato histórico hai unha tendencia a focalizar a atención nas elites, persoas e grupos sociais que detentaron o poder, a influencia, os saberes...maiormente de procedencia social relevante. Aquí incluiríamos a aquelas mulleres que ao longo da historia foron destacando e que pola súa condición puideron ser significativas.

Pero (conxunción máxica pois relativa as afirmacións) agora que a historia trata de ser inclusiva e xustificar o rol das mulleres na mesma, imos vendo que houbo feitos promovidos por mulleres anónimas que actuaron de forma grupal e eran de procedencia máis humilde. Foron mulleres que non se amedrentaron á hora de protestar, reivindicar, solicitar...

Mesmamente neste blog falamos das mulleres que de xeito grupal foron capaces de promover actuacións que consideraban xustas. Tamén é verdade que moitas mulleres que aquí se presentan tiñan unha procedencia rural, co cal teñen máis valor, se cabe, que aquelas cuxas familias máis burguesas que facilitaban ou non impedían que as súas fillas progresaran.

Dito o cal, agora quero dedicarme a falar desas mulleres rurais, que permaneceron no campo, que apenas asistiron ás escolas pero que tiveron a escola da vida, a escola do esforzo, a escola do traballo, a escola de levar as rendas dunha casa e unha facenda, a escola de sacar adiante aos fillos e fillas. Para min, ningún demérito, en absoluto. Para min, uhhas verdadeiras heroínas.

Vexo na miña propia familia a estas mulleres. Mulleres que traballaban no campo tal que un home. Lembro a un tío dicir sobre a miña tía: "é miña muller pero no traballo é como un igual a min". Si, porque a muller rural contribúe igual que o home polo seu tesón e forza física. Implicaba para elas xornadas laboriosas de traballos moi arduos que esixían un grande esforzo pero nos que demostraban estar á mesma altura de capacitación que os homes. Son fabricadoras do alimento, do sustento familiar. 

As mulleres do campo sufriron a emigración dos seus homes e estas acabarían exercendo como verdadeiras “cabezas de familia” ao ter que rexentar e administrar as propiedades, coidar da casa, dos fillos, etc. En certa medida, este novo cometido conferíalles un estatus de valía e autosuficiencia o que deu lugar a que se argumentase que non estaba de máis conferirlle os mesmos dereitos que os homes. Así dicía un artigo publicado en La Región:

La mujer gallega cuando su marido parte y la deja en medio de la soledad y en la esfumada lejanía, sobre ella pesan los deberes de ciudadanía que antes exigían al marido, más ella no tiene un código de leyes que le dé los derechos que exoneran y defienden a aquel…(1)

E non esquezamos tampouco ás mulleres que emigraron tamén. Eu teño en mente ás mulleres da miña familia que marcharon. Unha delas marchou soa a Barcelona e alí traballou de asistenta e a familia adorábaa pois as galegas levan o traballo no sangue. Outra marchou nuns anos moi difíciles a Suiza e alí traballou arreo pois a muller galega non lle ten medo ao traballo. Si, foron mulleres valentes e atrevidas que aprenderon da universidade da vida.

Mulleres do campo, rurais das que apenas se fala na historia pero fixeron historia. 

Deteñámonos no rol das mulleres do campo na ditadura. Precisamente, esas mulleres do campo foron obxecto de interese por parte das forzas vivas e por parte do novo réxime de querer atraelas pensando aproveitar o que pensaban que eran "iñorantes". Pero non, a muller galega do campo é moi lista e sabe actuar con disimulo.

Na guerra civil xogaron un papel primordial pois adoptaron o rol de protectoras e encumbridoras dos seus xa que, como eu digo, "non hai muller cobarde na defensa dos seus". Elas serviron de escudo protector dos seus homes, pais, fillos...Moitos salváronse grazas a elas que os agocharon, levábanlles comida, enganaban aos perseguidores....Arriscaban a súa vida pois eran moeda de cambio, de chantaxe e sentían o alendo na caluga. Si, moitas mulleres rurais, esas mulleres das que pouco se fala, foron tan protagonistas como os homes.

No libro de Xosé Neira Vilas, "Guerrilleiros", dise:

A muller galega tivo unha presencia moi activa na nosa loita; e en boa medida a ela debémoslle a sobrevivencia da guerrilla. Nos abastecementos, na propaganda, nas tarefas de intelixencia, na desinformación ó enemigo, no aseguramento de puntos de apoio, na función de enlaces...En todo" (2).

Non hai dúbida, eran mulleres do campo, eran mulleres anónimas. Moitas sufriron o cárcere, dalgunhas delas fálase neste blog.  Elas non foron principais no interese na historia...pero elas silenciaron moitas historias que ao saír á luz reflicten o valiosas que foron.

Así que, para concluír, un recoñecemento ás mulleres campesiñas que tamén deixaron a pegada na historia. Reivindico unha historia común, non xerárquica baseada nos feitos e acontecementos nos que os  únicos protagonistas sempre foron os homes.

(Elaboración propia. Reflexións propias). (1) Yebra Rodríguez, G., “La emigración y el feminismo”, La Región, 6, xaneiro de 1918, p. 1. (2) NEIRA VILAS, X. (1991). Guerrilleiros. A Coruña. Edicións do Castro, p. 41.

30 octubre 2022

EVA GONZÁLEZ PÉREZ

Eva González é unha das persoas que levan a cabo o proxecto Carabuñas que naceu en 2012. Ela é a responsable do 50% da posta en marcha da idea e iniciativa. Ela reivindica vivir no rural e aposta por darlle valor e aceptación. O proxecto consiste en valorar o sabugueiro para levalo á industria alimentaria polas súas propiedades mediciñais e culinarias. Aposta pola redución e prohibición do cultivo do eucalipto para pasar a outro modelo de sostenibilidade do monte: "O sabugueiro, tamén coñecido como uvas da bruxa, ten unha relación social coa nosa cultura. Queremos recuperar o coñecemento tradicional e medicinal que teñen gardado as persoas, sobre todo as mulleres" .

Vid: Varias autoras, Árbores que non arden, Catroventos, Pontevedra, 2019, p. 194-196)

23 septiembre 2022

MARTA DELGADO GONZÁLEZ

Naceu en Grou (Lobios) o 13 de agosto de 1962. Marta vivíu no pobo de Grou ata os doce anos. Veu estudar a Ourense pero  como di en referencia ao pobo: "sempre o considerei o meu sitio". Para ela estar no pobo é estar en contacto coa terra, en contacto cos animais.

Vivíu moitos anos en Ourense e rexentou unha tenda de arte na rúa Ervedelo durante vinte e cinco anos. Hoxe en día a tenda está ao cargo da filla. Dedicouse á arte e realizou varias exposicións. Ao casar marchou co seu home a Venezuela pero voltaron en 1981. 

Como muller ligada e moi vinculada coa arte dá valor ao patrimonio monumental, cultural e inmaterial de Grou.

Instalada en Grou crea a empresa "Mira Xurés" e fai un labor de guía para que se coñeza a zona, as súas xentes, os costumes...organiza roteiros histórico-culturais e tamén leva a cabo labores de recuperación etnográfica, artística e patrimonial. Ten propostas variadas. Leva aos turistas polos camiños do megalitismo e a Vía Nova romana na que aparecen miliarios que se atopan en perfecto estado. Recobrou a ruta do contrabando para recuperar a memoria da xente; tamén a ruta que une Grou con Queguas e Entrimo, un camiño que bordea altas cotas de montañas e de grande valor paisaxístico; e amais diso organiza no pobo un programa das faenas agrícolas como o cultivo do centeo e a muiñeira nos muíños da zona.

Outro dos aspectos no que se implicou de pleno foi no xurdimento dos follateiros como o entroido típico de Lobios ao que lle dedica moito tempo e enerxía conseguindo que estea entre os favoritos de todos os festivais e desfiles.

Dar relevancia e revivir o pobo de Grou foi o que motivou a Marta ao cambio de vida. A súa iniciativa e emprendemento é un exemplo para poñer en valor o noso territorio.

La Voz de Galicia e Ruralitas e datos ofrecidos pola súa filla Irma.

11 septiembre 2022

SONIA COUSO FERNÁNDEZ

Outra ourensá que contribúe á recuperación da natureza e hábitat rural a través da iniciativa e o emprendemento. É socia fundadora da cooperativa Amarelante que consiste na recuperación de soutos en estado de abandono para a produción de castaña. Tamén é unha aposta de ecofeminismo nunha zona como o Macizo Central Ourensán.

A asociación naceu en 2013 como resposta aos lumes que sufriu Manzaneda e procura que o espazo natural sexa respectado; vén a dicir que cómpre reivindicar o traballo no medio natural e que se leve co maior coidado para a súa sostenibilidade. Ademais na filosofía da cooperación está  recuperar o mundo rural e evitar a despoboación e manter unha relación interxeneracional para aprender dos maiores e poder trasladar ás futuras xeracións os valores naturais.

Mulleres como Sonia, e outras que citamos xa no blog, Celsa, Marta, Eva...encabezan estas iniciativas que dan mostra de que as mulleres entablan unha relación de protección e afectividade co medio.

Vid: Varias autoras, Árbores que non arden, Catroventos, Pontevedra, 2019, p. 184-186)

20 julio 2022

CELSA PAZ PAZ

Quería destacar, por medio desta entrada no blog, que moitas das iniciativas que se están levando a cabo nos pobos da provincia coa finalidade de que estes teñan futuro son promovidas polas mulleres.

Celsa é unha delas. É unha muller emprendedora que está sendo o espírito de revitalización e recuperación do Pobo de Puxedo, na zona da baixa Limia na Serra do Xurés, un pobo de trinta e catro habitantes. Todas as acometidas que fan no pobo son con vistas a que este non esmoreza e acuda o turismo á zona. Rexenta unha tenda-bar e elabora produtos embutidos. Unha muller traballadora e sensible pola terra. É unha muller moi activa e di "estou moi entretida, non me queda tempo para nada, estou ocupada desde a mañá á noite".

Celsa é filla de emigrantes. Os seus pais marcharon a Alemaña e ela criouse cos seus avós no pobo e de aí non quere marchar.

En Puxedo comezaron facendo unha Asociación de Veciños para pedir subvencións para invertir no pobo. Comezaron coa restauración do retablo da capela e logo continuaron coa reconstrución dos muíños, das airas, camiños, fontes, hórreos...e outra das iniciativas foron os murais pintados polo artista urbano recoñecido Mon Devane cuxa temática é a etnografía vinculada a Puxedo (a malla, a seitura, a fornada, sementeira, rostros de mulleres do pobo curtidas no traballo...)

Paralelo a todo isto celebran festas de traballos rurais como a malla, moída de centeo no río... tamén comidas populares e feiras de artesanía..

Celsa di que é un labor do pobo e estamos seguras pero tamén sabemos que Celsa é a cabeza visible de todo este esforzo. Ten contactos con Marta, outra muller ourensá que está levando a cabo un labor impresionante no pobo de Grou e á que tamén lle adicaremos unha entrada neste blog.

Tanto unha como a outra amósanse preocupadas da perda da poboación nos pobos. Queren vida no pobo e di Celsa que no pobo pode ser unha emprendedora pois hai moitas cousas que explotar.

(Elaboración propia)

Vid: Programa Ruralitas