Naceu no exilio en Cuba o ano 1920 e era a filla de Jesusa Prado e de Donato Figueiral. Coa súa nai aprendería o espírito de loita e compromiso comunista. Tamén pasaría coa súa nai experiencias dolorosas xa desde moi nova pois tamén sería vítima da opresión e represión que viviu a súa nai.
En efecto, en 1933 Jesusa sae de Cuba para volver a España e viña con ela Soledad que tiña 13 anos. No mesmo barco viñan uns comunistas e Soledad lembra que as trataban como se fosen da súa propia familia.
Jesusa emprendeu en Ourense o negocio da tintorería e as súas ideas comunistas afianzábanse máis. Os disturbios e folgas de 1934 trouxeron como consecuencia que Jesusa fose detida e levada ao cárcere e con ela foi Solita. Alí permaneceron as dúas un ano enteiro. Cando Jesusa saíu en liberdade volveron ao seu fogar pero, realmente, seguía sendo un cárcere para elas pois a policía non saía da súa porta.
Cando foi o alzamento militar de 1936 Jesusa saíu á rúa á procura de armas para loitar contra os golpistas pero as armas non chegaban e Solita lembra ese día como unha xornada terrible. Jesusa foi detida de novo.
Eran tempos nos que os fusilamentos se sucedían e podía ser que Jesusa sufrise tan cruento final pero, afortunadamente, foi levada a Portugal xunto coa súa filla Solita. En novembro de 1939 desde Lisboa embarcaron a Cuba arribando o 22 de decembro. Jesusa e Solita volvían ao país que as libraba da persecución e da ditadura.
Solita coñeceu alí ao tamén ourensán Santiago Álvarez Gómez, un político que estivera exiliado en Francia pola súa vinculación co Partido Comunista. Este, despois de estar en Santo Domingo, chegara a Cuba. Alí fixo amizade con Jesusa e Donato e comezou a súa relación con Solita. En 1942 casaron na Habana e tiveron un fillo. En 1944 regresou a España e foi detido e condenado a morte, pero Soledad, en colaboración co intelectual cubano Juan Marinello, fixo unha intensa campaña nos EEUU, chegando a entrevistarse incluso con Eleanor Roosevelt, para que lle foxe conmutada a pena de morte ao seu home. En efecto, tivo o seu resultado pois Santiago puido regresar a Cuba dez anos despois.
Soledad deixou contada a súa historia na que dicia que en 1946 fora a Nova York para que lle fora conmutads a pena a Santiago. Dixo que vivíu momentos de grande incertidume. O seu testimonio resúmese a continuación.
Santiago, o seu home, antes da guerra fora o presidente da xuventude comunista de Ourense e representaba aos campesiños. Cando foi a Madrid pillouno a guerra e alistouse nas milicias que o nomearon Comisario Político no Quinto Rexemento do Partido Comunista. Ao rematar a guerra pasou a Francia e estivo nun campo de concentración ata que foi a Cuba.
Di Soledad que ela aínda era moi nova e residía na Habana cos seus pais pois todos estaban exiliados en Cuba. Alí coñeceu a Santiago, namoráronse e casaron o día 21 de marzo de 1942. En 1944 Santiago voltou a España pero apresárono en Madrid, torturárono e condeárono a morte. Como a noticia saíu na prensa cubana o Partido Socialista Popular (Comunista) de Cuba interveu para que llo comunicaran a Soledad. Foi nese momento cando ela se puxo en contacto con Juan Marinello para intentar salvar a vida de Santiago. Incluso Fidel Castro foi visitala en máis dunha ocasión. Conta que as Brigadas Internacionais nos EEUU comezaron a realizar contactos para evitar a morte de Santiago.
Soledad conta que organizou unha viaxe a Nova York grazas ao patrocinio das Brigadas Internacionais e ao Partido Comunista de EEUU. Embarcou en Miami e cando chegou o embaixador de México en EEUU deu unha conferencia de prensa na que solicitou a conmutación da pena de morte de Santiago. Foi recibida por Dean Acheson, Secretario de Estado, e prometeu axudala. Logo puido entrevistarse con Eleanor Roosevelt que a recibiu no seu apartamento en Nova York e tamén lle prometeu interceder. En efecto, deu resultado pois a Santiago lle conmutaron a pena capital por 18 anos de prisión en Logroño pero logo o trasladaron a Burgos. Cando cumpriu dez anos de cárcere deixárono libre e puido regresar a Cuba con Solita.
Os ideais déronlle as forzas suficientes para vivir tempos crueis. Jesusa legoulles a súa enerxía e Solita foi herdeira privilexiada que dignamente seguíu os pasos aprendidos na súa nenez.
(Elaboración propia a partir de diferenes fontes. Vid: Pilar Cagiao Vila. (2009). Itinerarios cubanos del exilio gallego. Arbor. https://www.academia.edu/22255712/Itinerarios_cubanos_del_exilio_gallego; SARABIA, Nydia, "A axuda solidaria durante a guerra civil española", Estudos Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións, Vol. I, nº 1 (2008), pp. 297-303); Administración de Galicia. (2016). Galiciana: Arquivo Dixital de Galicia. Galiciana.gal. https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/)