Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Bachillera de comezos de século XX. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Bachillera de comezos de século XX. Mostrar todas las entradas

12 enero 2026

CELSA AMELIA ARIAS GARCÍA

Reeditamos esta entrada debido á circunstancia afortunada de que, en decembro de 2025, Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Amelia, contactou comigo tras comprobar que neste blog se facía referencia á súa nai.

En efecto, Pilar Valverde Arias e máis eu mantivemos unha conversa telefónica nese mesmo mes, na que me relatou a traxectoria vital e profesional dos seus pais, ambos docentes de sólida formación intelectual, que estiveron baixo a vixilancia da Comisión de Depuración do Maxisterio. Froito deste intercambio, Pilar e máis eu elaboramos conxuntamente esta entrada a modo de homenaxe a Celsa Amelia. Quero deixar aquí constancia do meu máis sincero agradecemento a Pilar pola súa inestimable axuda, xenerosidade e disposición.

Celsa Amelia naceu o 3 de setembro de 1910 en Rodeiro (Pontevedra). Procedía dunha familia numerosa: tiña tres irmáns maiores —un licenciado en Dereito, outro en Medicina e Marina, que tamén exerceu como mestra— e dous irmáns menores, dos cales un faleceu na fronte de Asturias e o máis novo cursou estudos de Medicina. O pai, propietario do pazo de Trasulfe, era un home disciplinado e recto, que inculcou nos seus fillos o valor do estudo como medio de promoción persoal e social. Por este motivo, a familia trasladouse a residir a Ourense co obxectivo de que os fillos puidesen matricularse no Instituto da cidade, onde Celsa e os seus irmáns obtiveron o título de bacharelato.[1]

En 1920, con apenas dez anos, Celsa Amelia inscribiuse no Instituto ourensán. Cursou dous anos pola modalidade libre e os catro restantes como alumna oficial, acadando cualificacións excelentes ao longo de toda a súa etapa formativa. En 1926 obtivo o título de bacharelato. Nun primeiro momento, un dos seus irmáns, que xa estudaba en Santiago de Compostela, comezou a preparala para o ingreso na Facultade de Farmacia. Porén, o pai considerou máis axeitado que realizase estudos de Maxisterio, polo que solicitou o seu traslado á Escola Normal de Pontevedra, onde obtería finalmente o título de mestra.

En 1933 presentouse aos Cursiños de selección profesional do Maxisterio e exerceu como mestra interina en Vilagarcía de Arousa. Posteriormente foi destinada a Novás, no concello do Rosal [2], localidade á que chegou acompañada dun dos seus irmáns

(Fonte: «Instrucción Pública. Nombramientos interinos», El pais diario republicano, 15 de maio de 1933, p. 2).

(Fonte: «Sociedad», Nuevo heraldo , 15 de setembro de 1934, p. 2).

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde).

Na escola exerceu a docencia con auténtica vocación pedagóxica. Soubo aproveitar a contorna natural para organizar saídas e excursións educativas co alumnado, integrando o coñecemento do medio no proceso de aprendizaxe.

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde)

(Fotografía cedida por Pilar Valverde Arias, filla de Celsa Arias e José Valverde)

Foi en Novás onde coñeceu a quen sería o seu futuro esposo, José Valverde, tamén mestre destinado na zona. José Valverde, nado o 19 de xuño de 1909 [3] era un home de ampla cultura e profunda formación intelectual. Realizou os estudos de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, onde obtivo o título en 1930 con brillantes cualificacións. En 1934 foi destinado á escola de Novás[4] onde coñeceu a Celsa Amelia, coa que contraeu matrimonio. 

José aspiraba a acceder ás cátedras das Escolas Normais, polo que deixou temporalmente o seu destino en Novás en mans dun substituto e trasladouse a Madrid para matricularse na Facultade de Pedagoxía. Cursou varios anos destes estudos ata que, no verán de 1936, se produciu o levantamento militar. Foi mobilizado e permaneceu como soldado ata o remate da Guerra Civil. Paralelamente, incoóuselle o correspondente expediente de depuración, que supuxo a súa suspensión de emprego e soldo durante un ano e o traslado forzoso á escola de Maceira, na parroquia de Covelo,[5] debido á súa simpatía por ideas progresistas, malia non estar afiliado a ningún partido político. Tras estes feitos, José abandonou definitivamente o seu proxecto de formación pedagóxica e optou por orientar a súa carreira cara a outros estudos.

O inicio da ditadura supuxo un período especialmente duro e represivo para o núcleo familiar. Cómpre salientar que o cuñado de Celsa, tamén mestre e casado coa súa irmá Marina Arias, foi “paseado” na Coruña, en Riazor, e a día de hoxe aínda non se localizaron os seus restos.

En 1938, José Valverde foi reposto no Maxisterio,[6], aínda que continuou baixo a vixilancia da Comisión Depuradora. Finalmente, en maio de 1940, dita Comisión acordou o seu desprazamento forzoso dentro da provincia á praza de Covelo, sen posibilidade de concursar a traslados nin a vacantes durante un período de tres anos.[7]

Posteriormente realizou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, nos que obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura[8] especializándose en Xeografía, disciplina na que deixou unha fonda pegada intelectual. Paralelamente, impartiu clases de Latín e Grego en diversos centros educativos e academias da cidade de Vigo, entre elas a Academia Mezquita. Mentres tanto, Celsa exercía como mestra en Domaio, na outra beira da ría de Vigo, onde a familia residiu durante algúns anos.
(Fonte: «De Santiago», El Correo gallego, 15 de novembro de 1944, p. 2).

A Comisión Depuradora tamén solicitou informes sobre Celsa Amelia. O seu expediente resolveuse en xaneiro de 1939 sen sanción. Segundo lembra Pilar, a súa nai contoulle que se librou da depuración grazas á intervención do pintor Luís Pintos Fonseca, membro do Sindicato Católico de Mestres, quen a adscribiu a dita organización. Non obstante, sufriu tamén o acoso dun falanxista que a sometía a continuas coaccións.

En 1943, Celsa solicitou o traslado por consorte á escola de Covelo. Deste xeito, José exerceu na escola de nenos e Celsa na de nenas. José nunca abandonou o seu afán de estudo e, ademais do dominio do alemán e do francés, aprendeu tamén inglés.
(Fonte: «Nombramientos», El Noticiero gallego, 4 de marzo de 1943, p. 2).

Segundo testemuña Pilar, Celsa Amelia era unha muller decidida e firme, que non se deixaba amedrentar. Relata que, naqueles anos, as mestras estaban obrigadas a dirixir talleres de costura para a confección de uniformes destinados aos soldados nacionais, unha tarefa que a súa nai vivía con notable incomodidade.

En 1952 constituíuse un tribunal de revisión de penas que levantou a sanción imposta a José Valverde, permitíndolle participar de novo en concursos de traslados e oposicións. Como consecuencia, decidiu solicitar destino en Sanlúcar de Barrameda.

En 1955 a familia xa estaba plenamente instalada na súa nova residencia; Pilar contaba entón con quince anos. José continuou exercendo a docencia e superou as oposicións á dirección escolar, chegando a dirixir o Grupo Escolar Xeneralísimo Franco ata a súa xubilación. Como sinala Pilar, “paradoxas do destino, aínda que en Sanlúcar ese colexio sempre foi coñecido como «El Pino», polo barrio no que estaba situado”. Pola súa banda, Celsa reincorporouse tamén á docencia no mesmo centro, onde exerceu ata a súa xubilación.

José Valverde faleceu en Sanlúcar de Barrameda, cidade na que é aínda lembrado e na que unha rúa leva o seu nome en recoñecemento á súa brillante traxectoria profesional. Foi un docente de ideas pedagóxicas progresistas e mostrou sempre un profundo interese pola relación entre o ensino e o coñecemento do medio. O seu labor investigador e o seu entusiasmo docente foron obxecto dunha publicación monográfica titulada"José Valverde, geógrafo gallego. Un exilio fecundo" da Universidade de Santiago. Neste volume recóllense diversos traballos que analizan a súa figura como intelectual humanista e docente. A obra inclúe unha achega da súa filla, Pilar Valverde Arias, titulada «El exilio fecundo», na que recompila testemuños do alumnado do seu pai, salientando a súa vocación docente, a súa xenerosidade persoal e a fonda influencia que exerceu nas súas traxectorias vitais, así como referencias aos mestres que marcaron a formación de José Valverde.

Celsa Amelia faleceu o 22 de agosto de 2012 en Sanlúcar de Barrameda, a terra que acolleu á familia con grande agarimo, aínda que lonxe do lugar que a viu nacer. Contaba 102 anos e unha vida chea de lembranzas marcadas por tempos especialmente difíciles. Foi unha muller fondamente comprometida co Maxisterio, compañeira inseparable do seu home tanto na vida como na vocación docente.

Grazas, Pilar Valverde Arias, por compartires a túa historia.

[1] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1920, ES.GA.36038.ACD.OP/1.2.2.2.3.6.79., 18/2.20.
[2] «Nombramientos», Magisterio español, 22 de maio de 1934, p. 14.
[3] El Magisterio español, nº 9204, 19 de outubro de 1933, p. 29.
[4] «Nombramientos provisionales», El Noticiero gallego, 25 de maio de 1934, p.2.
[5] «Maestros suspendidos de empleo y sueldo», El Diario de Pontevedra, 31 de agosto de 1936, p. 2.
[6] «Reposición de maestros que estaban suspendidos de empleo y sueldo», El Diario de Pontevedra, 8 de outubro de 1938, p.4; «Maestros repuestos», El Noticiero gallego, 11 de outubro de 1938, p. 2.
[7] «La Depuración del magisterio en Pontevedra», El Noticiero gallego, 11 de maio de 1940, p. 2.
[8] «De Santiago», El Correo gallego, 15 de novembro de 1944, p. 2.

                                         

09 marzo 2025

CANTAS OURENSÁS SE MATRICULARON NO INSTITUTO DE 1900 A 1930? COMO ORGANIZABA O CENTRO ÁS QUE SE MATRICULABAN POR OFICIAL? CANTAS MATERIAS TIÑAN QUE ESTUDAR?

(Fonte: Arquivo Galiciana)

Se difícil foi admitir o dereito da muller a incorporarse ao sistema educativo nacional deseñado polo liberalismo moderado, de ningún modo podía pensarse que esta quixese ir máis alá da aprendizaxe alcanzada no ensino primario, pois a educación secundaria pensábase para unha minoría de privilexiados chamada a formar parte das clases dirixentes, prototipo onde non tiña cabida a muller[1]

Por tal motivo, existía un baleiro legal ao respecto, aínda que como ben di Consuelo Flecha, lexislar non significa resolver o problema [2]. Na consideración que se tiña da muller e no papel asignado a ela por parte dunha sociedade de réxime patriarcal non se contemplaba que esta aspirara a unha maior formación educativa que a adquirida no ensino primario pois non ía exercer nin unha profesión liberal nin dedicarse a actividades industriais, mercantís, profesionais, etc., para as que habilitaba unha maior instrución —na ensinanza media e superior. A lexislación escolar decimonónica nin sequera regulaba o acceso das alumnas ao ensino secundario nin universitario, pero tampouco o inhibía, de aí a incerteza que se viviu nos centros ante as primeiras solicitudes de ingreso[3].

Antes de 1910 as estuantes que querían acceder ao Bacharelato debían facer unha instancia dirixida á Superioridade para que esta autorizase a súa matrícula. 

En Ourense temos constancia de dúas mulleres que en 1893 cumpriron co requisito da consulta e foilles admitida a súa matrícula no Instituto Provincial de Ourense, non obstante, finalmente realizaron a inscrición noutros centros como o de Coruña. O Reitor de Santiago Don Romero Blanco manifestou nun escrito o seguinte:

El Ilmo. Director General de Instrucción Pública con fecha 27 del actual me dice lo siguiente: En 20 de Septiembre último se comunicó a ese Rectorado la orden siguiente. Vistas las instancias elevadas por Doña Inés Hernández San Martín y Doña María de la Luz Rodríguez Salgado en solicitud de matrícula en Segunda Enseñanza esta Dirección General se ha servido declarar que autorizada la mayor por las disposiciones vigentes para hacer los estudios del Bachillerato no necesitan autorización para efectuar las matrículas a que se refieren en las que pueden ser inscritas desde luego. Lo que traslado a V.I. para su conocimiento y demás efectos”.[4]

A normativa de 1910, que autorizou a matrícula de mulleres no ensino secundario, non indicaba como debía facerse a organización espacial, isto é: Onde situar ás alumnas que se incorporaban ao Instituto de forma oficial?. Pode dicirse que cada centro adoptou as medidas que consideraba máis oportunas, que eran similares en case todos[5]

Estas estratexias tiñan como finalidade evitar a xuntanza de alumnos e alumnas; por iso, nas aulas as mulleres adoitaban a permanecer xunto ao profesor se eran poucas, se o seu número aumentaba estarían apartadas nunha fila ou ao final da clase. No resto do edificio, durante os tempos de lecer era habitual dispensarlles diferentes espazos[6]

(Imaxe elaborada por AI segundo directrices indicadas por min e que recrea unha escena de alumnas que acuden ao Instituto ourensán)

Evitar a coeducación, impedir o achegamento dos compañeiros e compañeiras, procurar que non se interferiran, etc. era cuestión de moralidade, aínda que en moitos foros —como por exemplo no Congreso de Luxemburgo de 1922— se manifestou que a coeducación, que existía nalgúns centros escolares españois, non estaba sendo en absoluto prexudicial para ningún dos dous sexos nin para o discorrer da vida do centro. 

Non obstante, a Reforma do Bacharelato de 1926 preocupouse de levar adiante as denominadas permanencias nos institutos, de forma que non coincidiran alumnos e alumnas nelas[7].

A medida que medraba o interese das mozas por incorporarse aos estudos secundarios volveu pensarse na necesidade de concibir centros específicos de ensino secundario, tal como se debatera no congreso Pedagóxico-Hispano-Portugués-Americano de 1892. En Galicia un dos defensores desta idea foi Johan Vicente Viqueira López-Cortón, quen, nunha conferencia pronunciada en 1918, reclamaba a creación de institutos para a muller, pois indicaba que neles se lle ofrecería á muller a mellor educación xeral posible e unha preparación para cantas profesións puidera desempeñar[8]

Sen dúbida, significaría un importante incentivo para que houbese unha maior achega feminina nestes estudos, pero dita empresa requiría contar cunha demanda avultada de mulleres que fixera posible o seu sostemento, algo que non se conquistaría ata avanzado o primeiro terzo de século, que, tras a experiencia da creación dunha sección feminina nun instituto de bacharelato en 1911, será en 1929 cando se instauran os primeiros institutos femininos en Madrid e Barcelona, inicialmente cun carácter local e posteriormente elevados á categoría de nacionais, onde se impartirían todas as ensinanzas de bacharelato vixente[9]

No mesmo ano, no Congreso que se celebrou en Bucarest metéronse na cuestión da Segunda Ensinanza da Muller en aspectos diversos como espazos, profesorado, currículo, obxectivos e finalidade para as mozas, etc. e nas conclusións recolleuse que a ensinanza secundaria debería comprender a mesma formación para os dous sexos, nas mesmas condicións e co mesmo profesorado, asuntos que aínda suscitaban intensos debates en España[10]. Debates que se deixaban translucir a través da prensa ourensá, como o seguinte artigo asinado por Salvador Padilla quen se mostra favorable á coeducación como un medio beneficioso para ambos os dous sexos:

“Las Normales, los Institutos, las Escuelas de Comercio, las Universidades han de estar a la Orden del día para hombres y mujeres, abandonando los soñados peligros de la coeducación de los dos sexos...Lo que yo he visto es que esta coeducación ha sido beneficiosa para ambos sexos. El varón por instinto mide más sus palabras, se estimula por una noble emulación, establece una fraternidad casta con las compañeras; estas aconsejan como futuras madrecitas, evitan por pudor que los malos lo sean delante de ellas, interceden por ellos cuando se hacen acreedores a castigo, sacan dulcemente los colores a la cara a los desaplicados...”[11]

(Fonte: Arquivo Galiciana)
No caso do Instituto de Ourense, consultei este tema a Don Juan Saco e comentoume que dado o baixo número de mulleres no Instituto non foi preciso determinar ningunha actuación. Homes e mulleres estaban mesturados nas aulas. Comentoume que as poucas mulleres que remataban o bacharelato para seguir estudos superiores procedían dos colexios privados porque para estudar maxisterio, que non era universitario, non se precisaba o bacharelato enteiro. A partir de 1938 si que se contemplaron normas de convivencia.

Moitas mulleres matriculáronse primeiramente pola opción libre, estudando e preparándose en academias privadas e acudindo aos exames do instituto cando estes se convocaban. Paulatinamente foron realizando as matrículas por oficial. Pero Cantas ourensás se matricularon entre 1900 e 1930 no Instituto Ourensán? É moi complicado dicir unha cifra concreta pois unha cousa son os rexistros de matrícula por curso atopados no Instituto o que dá lugar a que contabilicemos a mesma persoa varias veces, e outra distinta é contar nominalmente. Polo tanto, acudir ás estatísticas oficiais, aínda que ás veces tampouco son moi exactas, dános uns datos que podemos considerar bastante fiables.

Segundo os anuarios estatísticos en 1930 a matrícula de mulleres chegou a ser de 237 (non obstante, eu consultei persoalmente os libros de rexistros do Instituto desde 1900 a 1930 e contabilicei 545 mulleres inscritas nos sucesivos cursos, polo que estaría contando a mesma muller en varios anos; e logo consultei un total de  841 expedientes académicos, claro está que neste gran conxunto de expedientes estudados había mulleres matriculadas nos estudos de bacharelato e de maxisterio.
No tocante ao plan de estudos, este era moi esixente e non se establecía unha distinción entre sexos, isto é, todos e todas estudaban as mesmas materias. O programa foi evolucionando ante a disxuntiva de ofrecer un bacharelato máis humanístico que técnico ou viceversa, chegando a configurarse un plan equilibrado das dúas materias. En definitiva, e para non entrar a detallar sobre a evolución do plan de estudos, simplemente dicir que en liñas xerais, as materias que tiñan que estudar os e as bachilleres era entorno a 30 materias nos seis anos que duraba o bacharelato. No 1926 divídese en bacharelato elemental e bacharelato universitario de tres anos cada un e tal división servía para establecer unha dirección de saída ao alumnado. Pero, en liñas xerais: Que materias tiñan que cursar as alumnas do Instituto? Pois, como dicía, era un currículo moi esixente pois comprendía case 30 materias

En 1901, Plan de Romanones estudaríase: No primeiro e segundo curso impartiríanse sete disciplinas de tipo básico como Lingua, Xeografía, Aritmética, Relixión, Debuxo, Ximnasia e Caligrafía. No terceiro e cuarto ano abordábanse materias de carácter humanístico como Latín, Historia de España e universal, Xeometría, Lingua Francesa, Xeografía, Relixión, Debuxo e Ximnasia. No quinto e sexto curso incorpóranse materias de ciencias compaxinadas con disciplinas de letras, como Psicoloxía, Historia da Literatura, Física e Química, Lingua inglesa ou alemá, Debuxo, Ximnasia, Ética e Rudimentos de dereito, Historia natural, Fisioloxía e Hixiene, Agricultura e Técnica industrial.

En 1903 formulouse outro planteamento que consistiu en alixeirar o plan de estudos de Romanones. A redución de dito plan respondía a unha cuestión máis de interese social que instrutiva, xa que se levou a efecto pola queixa dos alumnos e pais que consideraban sobrecargado o programa. Así pois, o Plan de Gabino Bugallal quedaba aprobado cunha distribución do bacharelato en seis cursos, suprimindo neles algunha materia e redistribuíndoas con outro criterio.

En 1926, Plan Callejo, diviuse en Elemental e Universitario e as nosas alumnas terían que estudar:
BACHARELATO ELEMENTAL:
Primeiro ano:
Nocións xerais de Xeografía e Historia universal; Elementos de Aritmética; Terminoloxía científica, industrial e artística; Relixión; Francés.
Segundo ano:
Nocións de Xeografía e Historia de América; Historia da Literatura Española; Elementos de Xeometría; Nocións de Física e Química; Relixión; Francés
Terceiro ano:
Xeografía e Historia de España; Historia natural; Fisioloxía e Hixiene; Deberes Éticos e Cívicos e Rudimentos do Dereito; Francés.
BACHARELATO UNIVERSITARIO
Ano común:
Lingua latina; Nocións de Álxebra e Trigonometría; Xeografía política económica; Historia da civilización española nas súas relacións coa universal; Agricultura.
SECCIÓN DE LETRAS:
Primeiro ano:
Lingua latina; Literatura española comparada coa estranxeira; Psicoloxía e Lóxica; Idiomas (inglés e alemán)
Segundo ano:
Literatura latina; Ética; Idiomas (inglés ou alemán).
SECCIÓN CIENCIAS:
Primeiro ano:
Aritmética e Álxebra; Física, Xeoloxía, Idiomas (inglés ou alemán)
Segundo ano:
Xeometría e Trigonometría; Química; Bioloxía; Idiomas (inglés ou alemán)

[1] Vid.: GIL ZÁRATE, Antonio, De la Instrucción Pública en España, Imprenta del Colegio de Sordo-mudos y de Ciegos, 1855, Tomo II, p. 1, citado por FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La incorporación de las mujeres a los Institutos de Segunda Enseñanza en España”... Op.cit., p. 160; “Profesoras y alumnas en los Institutos de Segunda Enseñanza (1910-1940)”, Revista de Educación, número extraordinario, 2000, pp. 276-283; LERENA ALESÓN, Carlos, Escuela, Ideología y clases sociales en España, Círculo Universidad, Madrid, Círculo de Lectores, 1989, p. 213. [2] FLECHA GARCÍA, Consuelo, “Profesoras y alumnas en los Institutos de Segunda Enseñanza (1910-1940)”... Op.cit., p. 270.. [3] VIÑAO FRAGO, Antonio, “Espacios masculinos, espacios femeninos. El acceso de la mujer en el bachillerato”, Mujer y educación en España 1868-1975, VI Coloquio de la Historia de la Educación, Santiago de Compostela, Departamento de Teoría e Historia de la Educación, 1990, pp. 570-574. [4]AIOP, Libro de Rexistro de Entrada. Caixa 137.1. [5] No Instituto Provincial de Lugo ao rexistrarse en 1909 unha muller no centro, o claustro tivo que tratar este punto. Considerábase que esta non debía estar no claustro da planta baixa entre os seus compañeiros e tampouco na sala de profesores; pensouse na biblioteca, pero creuse que se trataba dunha condena á quietude e ao silencio. Finalmente chegouse á conclusión de que había que deixala en liberdade para que ela mesma escollese o lugar que máis lle agradase. Vid.: FERNÁNDEZ PENADO, Luciano, Historia viva del Instituto de Lugo... Op. cit., pp. 120-121.[6] VIÑAO FRAGO, Antonio, “Espacios masculinos, espacios femeninos.... Op.cit.p. 570-574. [7]Vid.: FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La coeducación un quehacer ético: memoria y presente”, Cuestiones Pedagógicas, nº. 10-11, 1993-74, pp. 233; “la Educación de las mujeres después del 98” en RUIZ BERRIO, J. et al. (ed), La educación en España a examen (1898-1998), Jornadas Nacionales en conmemoración del centenario del Noventayocho, Volume II, Zaragoza, Excma. Diputación de Zaragoza, 1999, p. 335; VIÑAO FRAGO, Antonio,“·Espacios masculinos, espacios femeninos. El acceso de la mujer al bachillerato...”Op. cit.; “La crisis del bachillerato tradicional y la génesis de la educación secundaria... Op.cit., p. 140; DELGADO GRANADOS, Patricia, “La formación profesional en la mujer: 1900-1928” en FLECHA, Consuelo e NÚÑEZ, Marina (eds), La educación de las mujeres: nuevas perspectivas, Sevilla, Universidad de Sevilla, 2001, pp. 70-71. [8] Vid.: VIQUEIRA, Johan, “Conferencia” en A Nosa Terra, A Coruña, nº. 115, 20 de marzo de 1920, p. 6 en RODRÍGUEZ GALDO, Mª Xosé (coord.) Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1999, pp. 535-536. [9] Vid.: Diccionario de Pedagogía Labor. Voz “Institutos femeninos de segunda enseñanza”, tomo segundo, Barcelona-Madrid-Buenos Aires-Río de Janeiro, Editorial Labor, 1936; LÓPEZ MARTÍN, Ramón, Ideología y educación en la dictadura de Primo de Rivera. Institutos y Universidades, II, Valencia, Universidad de Valencia, 1994, pp. 145-147; FLECHA GARCÍA, Consuelo, “La educación de las mujeres después del  98...”, Op. cit.pp. 336-337. [10] FLECHA GARCÍA,  Consuelo, “La educación de las mujeres después del  98...”, Op.cit.p. 335. [11]PADILLA, Salvador, “La mujer debe estudiar”, La Región13-6-1930, p. 1 

Quero expresar o meu agradecemento a Luísa Saco que fixo de intermediaria na consulta que realicei a don Juan Saco en relación á como se dispuñan as alumnas nas aulas do instituto. Por suposto, o meu agradecemento a Don Juan Saco por atenderme e aclarar as miñas dúbidas.

26 febrero 2025

LIBIA RODRÍGUEZ PÉREZ

O que van ler sobre Libia Rodríguez foi escrito pola súa neta, Libia Magán Rivera. Así o dispuxemos porque, quen mellor que ela para falarnos desta muller ilustrada. Así mesmo, proporcionou as fotografías da familia. Considero que quedou unha moi bonita entrada. Agrádezolle encarecidamente a súa colaboración.
(Fotografía da entrada. Libia Rodríguez aos 18 anos. Cedida por Libia Magán.)

Naceu en Arbo, Pontevedra, o 15 de xuño de 1905 e, aínda que o 1 de xuño de 1918 realizou o exame de ingreso no Instituto de Pontevedra (onde estuda os dous primeiros anos),trasladouse a Ourense onde estudiou no Instituto Xeral e Técnico os catro seguintes, un ano por libre e os restantes xa na modalidade presencial. Libia obtivo destacadas cualificacións: trece sobresalientes e dous con premio extraordinario en Psicoloxía e Lóxica e en Ética e Rudimentos de Dereito, oito notables e o resto, aprobados.

Seus pais foron Bautista Rodríguez Vilas e Felismina Pérez Martínez, que casaron no 1904 ao pouco de retornaren de Cuba e Brasil, respectivamente. Bautista foi un home moi comprometido coa vila de Arbo, o seu nome aparece frecuentemente nos xornais da época vinculado ao nacemento da Sociedade Hijos del distrito de Arbo, dende onde promoveu a construcción da Escola modelo de Arbo. Ademais foi comerciante e corresponsal en Arbo de varias entidades bancarias. No ano 1934 ocupou o cargo de Alcalde do que cesou no mes de xaneiro do 36, meses antes do estalido da guerra civil. Faleceu en 1940.

(Fonte: Fotografía de Bautista Rodríguez Vila, pai de Libia. Fotografía facilitada por Libia Magán.)

(Foto cedida por Ourense no tempo. Desde aquí quero agradecer a axuda que sempre me dispensa Rafael Salgado que me permitiu facer uso desta fotografía. Libia é a que está na segunda fila comezando por arriba e está situada no posto nove comezando pola esquerda)

(Libia aos 23 anos. Fotografía de Pacheco. Cedida por Libia Magán).

Sendo así como foi Bautista, é fácil imaxinar o importante impulso que lle daría á educación da súa filla Libia quen, logo de rematado o bacharelato, o 3 de setembro de 1923 solicita o Certificado para a Universidade Central de Madrid, onde iniciou os estudos en Ciencias Exactas e era a única muller no seu curso, ....sempre llelo comentaba aos netos!

Pero tres meses despois abandona os estudos, deixa a súa vida universitaria de Madrid e regresa a Arbo porque o 8 de decembro a súa nai, Felismina, con apenas 38 anos, morre durante un parto xemelgar deixando orfos de nai a trece criaturas, das que Libia era a irmá maior.

(Fotografía de Libia, seu pai e os seus irmáns. Cedida por Libia Magán.)

Non podemos chegar a imaxinar con que sacrificio renunciou aos seus estudios universitarios nin tampouco como tería sido a súa vida profesional de continuar estudando pero si que sabemos que, logo de deixar encamiñados aos seus irmás, Libia casou o 1 de xuño de 1929 co xoven recén licendiado en Medicina, o médico Cesáreo Rivera quen ademáis era veciño seu, porta con porta, e con quen mantiña unha bonita relación de noivado.

É así como Libia inicia unha nova vida, quizáis diferente á que tiña imaxinado, primeiro en Madrid e pouco tempo despois xa en Goián (Tomiño) onde Cesáreo gaña unha praza de médico de Asistencia Pública Domiciliaria no ano 1932. E parte importante desa nova vida foi o nacemento dos seus oito fillos (tres deles morrerían aos poucos meses de nacer).

E alí, en Goián, transcorreron os seus mellores anos, ao servicio das xentes da contorna, máis de trinta anos visitando as casas dos enfermos, saíndo primeiro a cabalo polos camiños enlamados dos invernos, logo en bicicleta; máis de trinta anos de historias de vida e morte, de anécdotas vividas e mil veces revividas pola familia, anos de traballo durante a guerra e posguerra, anos de fame, de miseria, de moitos sacrificios e tamén de moitas inquedanzas.

Logo dos últimos anos no dispensario de Seixo, en Marín, e trala xubilación de Cesáreo en 1970, viviron os últimos anos en Vigo.

Cesáreo Rivera morreu en novembro de 1988 e Libia Rodríguez, en xaneiro de 1995. Os dous están soterrados no panteón familiar de Goián.
(Fotografía de Libia e seu home. Cedida por Libia Magán.)

De novo, reitero o meu agradecemento a Libia Magán pola súa inestimable colaboración e coa que xa me une unha grande amizade. 

19 enero 2025

MULLERES OURENSÁS QUE ESTUDARON NO INSTITUTO CARDENAL CISNEROS DE MADRID

(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)

Hai que valorar o interese por parte das ourensás de comezos do século XX de proseguir os estudos de primaria e cursar o bacharelato. Iso leva a pensar a que terían en mente acceder á Universidade. Cando eu fixen o estudo das mulleres ourensás que realizaron estudos de secundaria observei que,en efecto, unha grande porcentaxe encamiñábanse a facer estudos de maxisterio e  universitarios pero tamén había quen titulaba no bacharelato pero, logo, non continuaban estudando. Isto inducía a pensar que habería mulleres ourensás que cursaban estudos secundarios sen máis ambición que complementar e ampliar as aprendizaxes da primaria e adquirir uns coñecementos que consideraríamos de "adorno".

Dito o cal, sabemos que no primeiro terzo do século XX houbo numerosas inscricións de ourensás no Instituto de Ourense. Algunhas delas non remataron aquí os estudos de bacharelato pois solicitaron traslado ao prestixioso e notable Instituto Cardenal Cisneros de Madrid. 

O Instituto Cardenal Cisneros de Madrid fundouse no ano 1845, en tempos de Isabel II. Foi chamado así na honra do fundador da Universidade de Alcalá. O edificio é de grandes dimensións, de espazos amplos aptos para o estudo e o acollemento de grande número de estudantes. Destaca nel a grande escaleira de mármore como un eixe central do edificio.

(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)

O centro acolleu desde os seus inicios a un grande número de alumnado. Primeiro chegaron os mozos e pouco a pouco comezaron as primeiras matrículas femininas que foron incremetándose ata 1930. Pero coa chegada da Guerra Civil o centro pasou a ser masculino. Coñecidas e recoñecidas mulleres estudaron neste lugar, estamos a referirnos a Clara Campoamor, Victoria Kent, Hildegart Rodríguez Carballeira. Nesas aulas tan enormes, coas bancadas en pendente, escoitarían as leccións dun claustro selecto. Hoxe en día, aínda mantén o encanto de antaño.
(Fotografía extraída de internet pero envellecida por min cun programa on line para darlle un aire retro.)
Pois ben, este instituto tan prestixioso, tamén contou coa presenza de mulleres ourensás que percorrerían os seus espazos e quen sabe, talvez, chegaron a coñecer ás prestixiosas alumnas que se mencionaron anterior. Ditas ourensás foron:

Alvida González González. Natural de Vilardevós. Estudou desde 1920 a 1922.

Teresa Vaamonde Valencia. Natural de Toén, Ourense. Estudou de 1919 a 1921. Posteriormente fixo estudos de Filosofía e Letras, especializándose en Historia e opositou a prazas de Biblitecaria e Arquivística.  (Falarei da súa traxectoria nunha próxima entrada do blog.)

María de los Ángeles Fernández Núñez. Natural de O Barco de Valdeorras. Estudou desde 1915 a 1919.

Eudosia Montes Villamarín. Natural de Puga, Toén. Estivo cursando dous anos, 1920 a 1922.

María Gracia López Placer. Natural de Coles. Realizou o ingreso no Instituto Cardenal Cisneros en 1922 e estivo dous cursos académicos, de 1922 a 1924.

María Purificación Pardo de Castro. Natural de Ourense. Naceu o 7 de setembro de 1905. Realizou o ingreso no Instituto ourensán en 1915 cando tiña 10 anos e estudou ata 1918 obtendo unhas notables cualificacións. A continuación solicitou traslado ao Instituto Cardenal Cisneros. Rexistrouse no Instituto de Madrid en 1919 e realizou dous cursos, de 1919 a 1921. Era filla de Isauro Pardo y Pardo e de María de la O Castro y Garcés. En 1961 recibiu o título de Marquesa de Leis tras o falecemento do seu irmán, Ramón Pardo de Castro que faleceu nun accidente de aviación.

Rosa Pardo de Castro. Naceu en 1908 en Ourense e irmá de Purificación. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 10 de xuño de 1918. Cursou por oficial un ano matriculándose en catro materias (das que non constan cualificacións) e, en 1919, solicitou o traslado de matrícula ao Intituto Cardenal Cisneros, xunto coa súa irmá.

Piedad Fernández López. Naceu en Castro Caldelas o 19 de xaneiro de 1899. Fixo o exame de ingreso no Instituto Ourensán pero, a continuación, foi á Escola Normal de León. Logo foi a Madrid e cursou un ano no Instituto Cardenal Cisneros, de 1920-21. Sería inspectora de ensinanza primaria e exerceu en Ourense. (Poden ver a súa traxectoria na entrada no blog que fala sobre ela.)

Alicia González González. Naceu o 28 de xuño de 1904 en Vilardecervos e era filla dun mineiro. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 20 de setembro de 1917. A continuación matriculouse por libre no curso 1917-18 e por oficial no seguinte curso, de 1918 a 1919. O 13 de abril de 1920 solicitou unha certificación académica para o Instituto Cardenal Cisneros de Madrid. 

Aurea González González. Naceu en Vilardecervos o 24 de novembro de 1901. Era irmá da anterior. Realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 20 de setembro de 1917. Matriculouse por libre no curso 1917-1918 e por oficial no curso 1918-19. O 13 de abril de 1920 solicitou o certificado académico para trasladarse ao Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.

03 agosto 2024

VICENTA LAMAS BARREIRO

Renovamos esta entrada, que levaba publicada desde 2010, grazas á achegas de Victorino Poutás Fernández que tivo a amabilidade de poñerse en contacto comigo para ofrecerme algún dato máis sobre a familia. Iso animoume a seguir pescudando sobre Vicenta e familiares e os resultado é a a información que lles transmito a continuación.

Vicenta naceu o 5 de marzo de 1893 en Ourense ás cinco da tarde na rúa de San Pedro número vinte e seis. O seu pai era Francisco José Lamas Salgado natural de Ourense, que era carpinteiro, xornalista e agrarista e de ideoloxía anarquista, e súa nai era Amparo Barreiro que era de San Vicente de Lobeira, casados o día 8 de maio de 1892. Era neta por liña paterna de Antonio Lamas natural de dun pobo de A Coruña e domiciliado en Ourense e de Vicenta Salgado natural de Ceboliño. E por liña materna  de avó descoñecido e de Concepción Barreiro natural de Cea e domicilidada en Ourense. 


(Partida de Nacemento. Debo agradecer a colaboración e axuda que me dispensaron desde o Rexistro Civil de Ourense para localizar as partidas de nacemento da familia Lamas Barreiro.)

Os seus irmáns foron Francisco, Pilar e Concepción (Chita) e podemos adiantar que resultou ser unha familia moi interesante por canto se implicaron na cultura. Teremos ocasión de falar das súas traxectorias. Toda a familia trasladouse a Arxentina a comezos do século XX, sobre 1910, e residiron en Bos Aires. O pai foi fundador da Unión Provincial Orensana en 1913, tamén participou na fundación da Asociación Rexionalista A Terra e foi o promotor da Casa de Galicia en Bos Aires.

(Fonte: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Chita_Lamas_y_Francisco_Lamas_Salgado._1929._Granja_Ceres._Ituzaing%C3%B3.jpg#/media/Ficheiro:Chita_Lamas_y_Francisco_Lamas_Salgado._1929._Granja_Ceres._Ituzaing%C3%B3.jpg)

Vicenta foi a primeira muller que se inscribiu a comezos de século de forma oficial no Instituto Provincial onde fixo o exame de ingreso o 21 de setembro de 1904 cando tiña dez anos. A prensa ourensá, neste caso El Miño do 3 de outubro de 1904 (p. 1), recolleu deste xeito a noticia:

En Junio sufrieron examen de ingreso 29 alumnos, que alcanzaron todos la aprobación; en Septiembre solicitaron y realizaron el ingreso, 14 alumnos en la enseñanza no oficial y 78 en la enseñanza oficial, siendo el resultado de estos exámenes 83 aprobados y 9 suspensos. De los aprobados, 14 solicitaron mejora de nota, alcanzando la de sobresaliente la Srta. Vicenta Lamas...

Matriculouse simplemente nun curso e tan só en catro disciplinas: Lingua Castelá, Xeografía Xeral de Europa, Nocións de Aritmética e Xeometría e Caligrafía, e pese aos éxitos académicos conseguidos, non continuou os estudos.

Casou con Francisco Pérez y Pérez, un prestixioso comerciante de Bos Aires. O matrimonio residía en Arxentina pero acudía a Galicia facendo estancia en Vigo e Mondariz. Logo regresaban a Arxentina embarcándose no barco de vapor Zeelandia.

O seu irmán, Francisco Lamas Barreiro (Farruco) naceu en Ourense na rúa San Pedro número vinte e seis ás doce e dez minutos do 2 de xaneiro de 1896 e foi un prestixioso pintor. Recibiu as primeiras leccións artísticas do profesor ourensán Juan Fernández (Xesta). Á idade de nove anos marchou a Bos Aires e alí seguiu coas clases de pintura da man de Juan Ardit. Era un ferventa amante da súa terra. Nunha entrevista que lle fixo Luís de Castro para a Revista Nova Galicia afirmou que añoraba a súa Terra e veu nalgunha ocasión. Foi socio da Institución Cultura Gallega e comprometido co galeguismo. Realizou interesantes exposicións de pintura no Salón da Mocidade Galeguista. Colaborou coa Revista Nós e participaba nas Asembleas Nacionalistas. Casou con Adela Oliveri e tivo unha filla. Faleceu en Bos Aires en 1980.


(Partida de Nacemento. Debo agradecer a colaboración e axuda que me dispensaron desde o Rexistro Civil de Ourense para localizar as partidas de nacemento da familia Lamas Barreiro.)

Gaspar F. Oitabén publicou na Región do 17 de marzo de 1917 un artigo no que recollía un escrito no Diario de Galicia de Bos Aires que dicía o seguinte:

En el rosal de mis amistades cultivo amorosamente la delicada sensibilidad de Paco Lamas, el pintor de los cuerpos rústicos y asoleados; viriles y sangrantes... paco Lamas, es un fuerte de espíritu, pero de un espíritu refinado y sutil. Es uno de estos hombres que han nacido para la lucha con un cerebro visionario ardiendo en luz...Hace pocos días lo he visto por la tarde en la Avenida de Mayo. Como hacía varios meses que no nos veíamos, quedamos en vernos...Este pintor gallego, que tiene la costumbre de hablar muy poco, quiso satisfacerme con una charla amena, íntimamente artística. Habló mucho. Había fiebre en sus palabras....Recorrimos, hablando, medio centro...me habló de su obra y de una futura exposición artística que realizará el mes de Abril próximo, donde expondrá una cantidad de cuadros en los salones del Centro Gallego de Buenos Aires...Quedé en ir a visitarle a su estudio y heme aquí ante sus óleos y sus cuadros al carbón, admirando la labor de un enfebrecido, donde va depositando poco a poco toda la angustia de una inquietud nerviosa en floración. Digamos primeramente...que este pintor reniega de los academicismos ampulosos y todas las técnicas anquilosadas. Su labor es su espíritu. Hay en toda su obra un nerviosismo extraño y fervoroso. Por eso que sus cuadros son rudos y palpitantes con la augusta virilidad de los cuerpos vírgenes. En sus cuadros costumbristas, que son los que más me llamaron la atención, excluyendo un autorretrato originalísimo que me parece el mejor trabajo realizado hasta la fecha por dicho artista, hay una tendencia a los tipos opulentos y complemos, de carnes rojas y de graves y enérgicas facciones. En un cuadro donde representa tres mujeres campesinas hay una fuerza de remozamiento hostil que nos subyuga. Son tres gallegas de una robustez violenta y montaraz; de un agreste impresionismo humano. Son gallegas torturadas por una agitación hombruna, de una emoción pagana. Cuertpos toscos, viriles, burilados en fuego de un raro complejismo montañés; cuerpos bruscos y sin pulir, que sugieren esos tipos bravíos, brutalmente esculpidos y roqueños, que se admiran en los poblados de Galicia...(1)
("Orense", La Integridad, 5 de decembro de 1921, p. 2)

(Fonte: Nova Galicia. 24 de abril de 1920, p. 1)

Pilar Lamas Barreiro, a primoxénita, irmá de Vicenta. Naceu en Ourense o 9 de maio de 1891 na rúa Porta da Aira número trinta ás catro da mañá. Era filla de Francisco e Amparo pero estes aínda non estaban casados pois casaron un ano máis tarde, o 8 de maio de 1892. Pilar foi unha das primeiras alumnas do Instituto Ourensán. Recibiu como o seu irmán, Francisco, leccións de nocións artísticas da man do profesor Juan Fernández Pérez, Xesta e expuso en abril de 1910 algúns dos seus debuxos no escaparate do comercio ourensán "Ao bon Marché". As súas dotes pictóricas tamén tiveron moito recoñecemento para ser unha artista tan nova. Marchou para Arxentina coa familia e alí casou co comerciante Sr.Plaza ¿?e tiveron unha filla chamada Arito ¿?. Pilar faleceu o 21 de xullo de 1966 en Montevideo.


(Partida de Nacemento. Debo agradecer a colaboración e axuda que me dispensaron desde o Rexistro Civil de Ourense para localizar as partidas de nacemento da familia Lamas Barreiro.)

Inmaculada Concepción Lamas Barreiro. Outra das irmás de Vicenta á que lle dedicaremos unha entrada propia.


(Fonte: Esquerda a dereita: Francisco Pérez Pérez, Vicenta Lamas, Chita Lamas e Ramiro Illa. Foto do ano 1930. Fondo Ramiro Isla Couto. Fundación Isla Couto).

Vid: Cid Galante, Rosa María., Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese de doutoramento inédita.
Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa María, "A participación das mulleres ourensás no ensino secundario" en Sarmiento, nº 10, 2006, pp. 147-185. Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa María, " Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: Una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo" en Historia de la Educación, Revista Interuniversitaria, 2007, pp. 437-470; "Sociedad", El Pueblo Gallego, 27 de maio de 1926, p. 7; El Pueblo Gallego, 14 de agosto de 1926, p. 2; "Siguen arredándose os socios da Institución Cultural Gallega, A Fouce, agosto de 1935, p. 1; "Orense", Heraldo de Galicia, 22 de xaneiro de 1922, p. 7; "Pintores gallegos", Nova Galicia, 24 de abril de 1920, p. 1-2; Sáncez, Luís, Vida Gallega, 20 de decembro de 1914, p. 6; "Noticias Generales", El Miño, 9 de abril de 1910, p. 2; "La Cátedra de Retórica y Poética", La Región, 26 de agosto de 1972, p. 9-10; "De Arte", La Región, 14 de abril de 1910, p. 1; dos, C. (2021, June 4). agrarista e xornalista galego. Retrieved August 3, 2024, from Wikipedia.org website: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Lamas_Salgado (consultado o 3 de agosto de 2024); FamilySearch.org. (2015). Retrieved August 3, 2024, from Familysearch.org website: https://www.familysearch.org/ark:/61903/1:1:6TRR-DBSY. (1) Gaspar F. Oitabén. "Nuestros pintores". La Región, 27 de marzo de 1917, p. 1.

02 junio 2024

GLORIA SÁNCHEZ BORRAJO

Gloria naceu en Ourense o 25 de marzo de 1913 e foi unha pioneira no campo da Pediatría. Era filla de Genoveva Borrajo Pérez e Patricio Martín Sánchez Dalama da Casa CROS, empresa do sector químico fundada en 1904 e con sede en Barcelona. O pai de Gloria foi un auténtico emprendedor e rexentaba unha Casa de Baños -Termas chamadas "El Outeiro" que estaba situada na rúa do Progreso, número 29, tamén tiña varios centros comerciais e industriais e tamén era propietario do Cine Avenida. Gloria tiña tres irmáns, José, Adela e Waldo, este último tamén estudaría medicina.

Estudou no Instituto ourensán, onde ingresou en 1926. Matriculouse por libre no bacharelato elemental e o bacharelato universitario que nesa época era a estrutura destes estudos tras o Plan Callejo de 1926, compostos por tres cursos en cada un deles. A preparación dos exames realizouna na Academia Sueiro e acabou os estudos en 1931 cuns resultados satisfactorios. Obtivo o Título no Bacharelato elemental e tamén no Universitario na Sección de Ciencias e solicitou o traslado á Universidade de Santiago.

Matriculouse na facultade de Medicina obtendo ao  longo dos cursos  unhas moi boas cualificacións e licenciouse, na especialidade de Pediatría e Puericultura, en 1941. Ese mesmo ano, en setembro, casa na Igrexa de Santa Eufemia do Norte da cidade de Ourense, co tamén médico, Agustín Sobrino Vicente. O matrimonio foi residir a Madrid onde Gloria estivo becada na Institución Municipal de Puericultura e Maternoloxía. Despois voltou para instalarse en Ourense e Gloria abriu a súa consulta na rúa Curros Enríquez, número 21 no segundo piso.

Gloria foi das primeiras en licenciarse na especialidade de pediatría e na época na que comezou a exercer non había seguro de enfermidade pero ela comezou a ter consultas gratuítas para os nenos e nenas da cidade. Non foi a única, outros pediatras sabían da necesidade de atender aos pequenos nenos e nenas e tamén comezaron a ofrecer consulta gratuíta como Blanca Sánchez Martínez.

A continuación un anuncio da Casa Termal do pai de Gloria.

(Fonte. Galiciana. Galicia, 29 de xuño de 1930, p. 3.)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: Cid Galante, Rosa M., A muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento. Galicia, 29 de xuño de 1930, p. 3;  "De exámenes", Galicia, 30 de setembro de 1931, p. 8; Galicia, 15 de decembro de 1931, p. 6; Galicia, 12 de xuño de 1934, p.2; El Ideal Gallego, 28 de setembro de 1941, p. 7; "Anuncio", La Región, 12 de abril de 1945, p. 3. VV.AA, Cuadernos de la Historia de la Pediatría española, nº 13, 2017; p. 24; La Región, 24 de novembro de 1963, p. 9; "Necrológica", La Región, 11 de agosto de 1967, p. 2)