Seus pais eran Luís e Encarnación e seu home era Honorino Campos e residía en Pazos onde tiñan unha taberna. O matrimonio tiña dous fillos e unha filla, chamada Encarnación Campos Sorga, que tamén foi reclamada para ser interrogada.
Antonia tivera un fillo de solteira que era Juan. Foi un guerrilleiro antifranquista dun grande activismo. Co estoupido da guerra civil foi reclutado polo exército republicano e de seguida ascendeu. Cando finou a guerra e a República foi vencida marcha a Francia e estivo no campo de concentración de Argelès-Sur-Mer pero veu deportado a España. Incorporouse á guerrilla de Galicia. Estivo nun grupo no que estaban, entre outros, Camilo de Dios. A segunda muller de Juan foi Ángela Sampedro que foi detida por agochar ao grupo liderado polo seu home.
O motivo do encerro de Antonia e Encarna foi porque Honorino, o home e pai respectivamente, estaba en búsqueda e captura e tamén porque Juan, que fora detido o 13 de xullo de 1948 pola Garda Civil e conducido a Pazos pero conseguiu escapar xa que Honorino, seu padrastro, dera aviso aos guerrilleiros da zona e estes asaltaron á Garda Civil.
O interrogatorio ás dúas mulleres foi levado a cabo o día 22 de xullo de 1948, tras o cal, as detidas foron conducidas, de novo, ao cárcere de Ourense:
Con el fin de ser sometidas a interrogatorio ante la Guardia Civil de la 239 Comandante de esta plaza, sírvase V.S. hacer entrega de las reclusas del establecimiento de su digna dirección Antonia Sorga Rodríguez y Encarnación Campos Sorga, al Agente portador del presente escrito, debiendo ser restituidas nuevamente a esa Prisión una vez sometidas al interrogatorio citado y caso de no efectuarse me dará cuentas oportunamente. (1).
Sometida ao Consello de Guerra ordinario foi condenada a 8 meses de prisión menor por agochar na súa casa guerrilleiros (2). Rematada a condena foi posta en liberdade o día 14 de marzo de 1949.
Non obstante, o control sobre Antonia non deixou de exercerse e sería detida, de novo, en setembro de 1949 e conducida á Prisión de Ourense por unha causa vinculada a Dolores Lamela Lozano. Antonia conseguiría a liberdade o 11 de febreiro de 1950.
(1)ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25151/042. Caixa 25151/042 (4)(2)https://historiadexinzo.wordpress.com/2021/07/05/memoria-historica-doutras-mulleres-represaliadas-da-limia-1936-1950/. Vid Juan Sorga. Wikipedia.