Etiquetas

O mundo como un escaparate

Se falamos de revolucións históricas non podemos soslaiar a revolución internauta. Os cambios substanciais nas formas de vida viñeron de transformacións revolucionarias políticas, económicas, sociais, burguesas, obreiras, campesiñas....A que estamos presenciando na actualidade é meramente tecnolóxica pero que adquiriu coma ningunha outra, unha globalidade tremendamente mundial. Pero quen son os que están detrás? Grandes empresas que amasan fortunas, ollo que amasan milleiros de datos polo que se converten en verdadeiros emperadores da información con capacidade de poñer en xaque ao mundo.

Todo o bo e  vantaxoso que ten o internet teno de malo se é aproveitado para facer dano. Si é unha ventá aberta a moitos coñecementos, de feito eu emprégoo moito para documentarme, agora ben, tamén é un escaparate de exposicións de vidas,  todo o mundo é público por medio de instagram, faceboock...hai quen se converte en influencia, e iso que é? Modelo de vida para outros??!!!

Xa saben que eu non son persoa de cara ao público, teño pouca actividade social e reticencia á exposición por iso sinto certo pavor vendo como hai xente que se expón sen remiras. Esa paixón por se dar a coñecer e poñer cada minuto das vidas nas redes non deixa de ser unha escravitude. E se a iso engadimos a obsesión de estar perfectos, ser o summun da beleza, a ecuación resultante é a volta atrás en moitas cousas. As mulleres que queren ser todas modelos das redes con poses fictíceas e forzadas deixan unha imaxe enganosa e chea de superficialidade. Son espello da frivolidade. E como adoita a dicirse...son influencers para milleiros de mozas que tentarán ser como ese modelo.

Nas redes telemáticas quedamos adheridos como os insectos nunha tea de araña e, coma sempre, as mulleres poden ser as que máis periguen pois para moitas a apariencia externa chega en converterse en obsesión. Ese, creo eu, non é o  camiño.

1 de xaneiro 2022