Hai tempo que recibín unha chamada desde Xinzo da Limia por parte dunha profesora, Lucía Laroá, que me informou do traballo que estaban a facer co alumnado do seu centro CEIP Rosalía de Castro. Contoume que estaban a recoller a traxectoria vital de moitas mulleres limiás coa finalidade de publicar un libro. Sentín unha grande emoción por esta marabillosa iniciativa xa que ía sacar á luz a mulleres da comarca que foron e son moi meritorias e porque considerei que se trataba dun gran labor didáctico e pedagóxico xa que implicaba aos cativos e cativas na aprendizaxe de seren recompiladores de historias ademais de seren capaces de valorar o rol das mulleres na historia.
Lucía Laroá invitome a prologar o libro e, sinceiramente, sentinme moi alagada. Nese prólogo expresei o grande valor que ten este traballo e desde aquí quero amosar o meu agradecemento a Lucía e a toda a ANPA do centro por contar comigo e agardo que continúen adiante.
Moitas grazas por todo e moitos parabéns. Recomendo que lean o libro pois as historias son moi interesantes e os debuxos dos nenos e nenas son verdadeiramente dunha grande beleza. (clican na imaxe e poden ler o prólogo que lles adiquei).