Coñecín a Isa nas Xornadas organizadas pola Fundación Vicente Risco sobre a Música e Risco. Eu nada sabía dela, nin ela de min. Eu compartía mesa con grandes músicos, intérpretes e compositores que poñen música e historias a unha linguaxe musical de notas e pentagramas. Sen dúbida, o idioma máis universal pois non hai acentos, non hai localismos... Unha fala musical, o que o desexaría conseguir o propio Esperanto.
Eu ía en calidade de profesora investigadora pero sentíame agradeblemente ben. Sentamos na mesa de ponencias e comezou a falar Isa. Descubrín nese intre, coa súa fala, que era unha experta na historia da guitarra da que afirmou que en Galiza chega a ser tan antiga como a gaita pois había numerosos tocadores guitarristas....Descubrín que investigou moito sobre ese tema e que frutificou na súa tese. Pero tamén me decatei de que é unha defensora de Galiza...a súa fala así mo demostrou, porén eu empaticei con ela dende o meu recanto da mesa. Escoiteina con moita atención e adeprendín.
Tomamos os contactos ao finalizar as ponencias e despedímonos dándonos a palabra de que o que puideramos compartir das nosas investigacións así fariamos.
Pero a miña grande sorpresa foi cando atopo no faceboock que Isa ía publicar unha novela. Eu non sabía desta faceta e entroume unha grande curiosidade. Primeiro quixen felicitala e logo quixen ter o libro. O título motivábame moito "Galiza Nation" e arrinquei a lelo.
Si, tal como adiantara Isa, é unha distopía, pero, en efecto, é positiva e moitos son os temas que aborda. A novela lese con moito agrado pois Isa fai unha narracion profunda pero fluída. Unha historia apta para todos os públicos e incluso unha lectura para ser traballada nas aulas.
Si, unha distopía bonita que transcorre no 2148 no contexto dunha Galiza liberada, dona de sí, gozando da súa autodeterminación. Isa lévanos a ese ideal galego demostrando que ten sobrada querenza pola terra. Galiza ten todos os atributos ansiados dos galeguistas históricos da xeración Nós e que seguen a ser un soño e, por que non, un futuro que queremos próximo para moitos galegos e galegas.
A trama da novela condúcenos a uns feitos que fan perigar a harmonía dos tempos da República de Galiza, orgullosa de si, saneada e libre. Son acontecementos perigosos na vila de Esmelhe, na bela fraga de Emelhe, na zona de Ferrol-Valdoviño a Cedeira, que creban o benestar e queren voltar ao pasado.
O mundo na Galiza, en Esmelhe, que se construiu sen as ataduras dun sistema económico opresor e inxusto e desigual, ese lugar onde todo era decidido por todos e todas, onde as relacións eran de puro respecto e civismo e non había opresión...vaise ver ameazado, está sendo ameazado. En efecto e insisto, nesa Galiza Nation na que xa non había combustibles fósiles e había un control na xeración de enerxía limpa sendo a nosa terra na maior produtora deste tipo de fontes......hai quen quere voltar á especulación e á escravitude pecuniaria cun negocio lucrativo "querian fazer negócios e virar ricos à antiga moda neoliberal. Mas, no fundo, o que mais desejavam, inda mais do que dinheiro ou poder, era humilhar o Governo da República (p. 41). E é así como Isa fai crítica do capitalismo, neoliberalismo, o culto ao diñeiro, ás multinacionais, á agresión ao medio ambiente... Ofrécenos, polo tanto, unha historia de compromiso, unha lección de ética e valores.
No asunto está a protagonista, unha Muller, competente, decidida e resolutiva, galega e defensora de todas estas causas, así como da lingua, Ada Estrada, "filla do rexxurgimento e já nada podia parar a sua ascensão em educação emocional, habilidades físicas e capacidade intelectual" (p. 39). Tentará de velar e reconducir e revertir a situación xunto co seu compañeiro Virxilio e a súa amiga Sofía.
No trasunto tamén está a lingua galega. A lingua reverdeceu grazas á RDG pois está en todos os aspectos da vida, da administración, do traballo, do ensino, artes, ciencias. Unha lingua irmanada coa portuguesa pois Galiza e Portugal son irmáns e resistentes. De aí vén que a autora do libro estableza ese desexo de xunguir e "fortalecer os laços sociais, culturais económicos, dos quais ambas as partes se verían beneficiadas..." (p. 75). E por que non? A lingua é común e Isa escribe a novela no reintegracionismo o que nos fai facer un exercicio de lectura intensa pero marabillosa. Soa a harmonía, soa doce...é moi bonito ler así...Ela cre e pensa na fusión cultural Galiza-Portugal. E por que non?
Na historia tamén está Sofía, amiga de Ada, licenciada en Ligüística, é a que ofrece a perspectiva histórica do proceso de transformación de Galiza e da lingua...Pero a lingua, esa lingua da que sentírmonos orgullosas todas as persoas, tamén está a sofrir a descualificación. E a xustiza non fai ren pois é parcial e prevaricadora e non garante os logros conseguidos na Carta da Terra (p. 102) e que está a abolir as leis aprobadas.
En paralelo a RDA está Corea, un lugar que é admirado pola protagonista da novela, Ada, que personifica nese seu namorado, Kang Tae Oh, de voz "grave e bronzeada". Isa lévanos a ese mundo oriental, exótico e tan mítico. Antípodas de Galiza, extremos que se tocan, di a autora...pois Galiza non é allea a un mundo de ideas e mitos. Ada, no seu secostro e encerro, pensa nel, nese home,...en "Coreia" e dálle forzas.
A historia vai a máis da historia...hai emoción, hai tensión, hai lección e vai in crescendo....e logo a dozura da calma, do traballo conseguido e a volta á normalidade.
Como se dunha música se tratase, pois Isa é compositora de música, a novela leva esa música interior. Comeza cunha introdución melodiosa, bonita, logo vén o momento enérxico, tráxico e tensivo. (Imaxino a Isa tocado na guitarra con intensidade narrativa), e logo o final contido, e ordenado, claro...e Ada "você, senhora. É a nossa guerreira preferida". (p. 206).
Ogallá haxa moitas Adas na Galiza que conduzan e constrúan o noso país das marabillas.
Grazas, Isa, por esta ilusión.
Rosa María Cid Galante.
16 de decembro de 2024.