Etiquetas

"La voz dormida" o libro de Dulce Chacón que esperta as conciencias.

O título é comprensible. A voz dormida, a voz apagada, a voz silenciada. Aqueles que padeceron a cruenta guerra e a postguerra e a ditadura vivirán toda a vida coa voz seca na gorxa. Non queren expresarse, non contan nada, non din nada...aínda lles pesa o medo, o temor pola crueldade dos vencedores.

Este libro, malia ser voz dormida, esperta as conciencias, esperta a memoria, esperta a nosa mirada cara un pasado atroz. Non hai peor vivencia que un país cunha guerra fraticida. Non hai peor experiencia que  vivir a desconfianza nos veciños e incluso nos familiares...E iso non chega a curar de todo. É unha ferida que cicatriza pero doe sempre. Doe sempre.

A novela é de mulleres, ou mellor dito "das" mulleres: Hortensia, Tomasa, Reme, Pepita, Elvirita, Celia, Amparo...son as sufrintes, as que viviron a guerra doutro xeito. Non tanto na fronte da guerra senón na retagarda de seren mulleres dos que loitaron polo goberno lexítimo contra o invasor e o golpista. Son as mulleres, as irmás, as noivas...dos que quixeron preservar a democracia, esa democracia aínda apenas consolidada. Por iso vivirán o cárcere, a tortura, os pesadumes polos seus homes e por elas mesmas. Cada día as carcereiras nomean, nomean, nomean... e saben que un día poden nomealas a elas e serán fusiladas sen escrúpulos. Pero non decaen na solidariedade de unhas coas outras. Hai relatos que conmoven (como cando Reme lle dá de comer a Tomasa por un tubo, a través da pechadura, para que poida comer) e fan chorar. Celia non está no cárcere, pero o seu home si, e ten na súa casa a Elvirita e entre as dúas farán un tandem de compañeirismo e axuda mutua.

Mentres descurre a lectura, a emoción vai medrando. Fai unha composición narrativa picassiana por canto imos coñecendo a vida de todas elas desde diferentes ángulos. Saen as lembranzas, o pasado, os sentimentos...Está dividida en tres partes. Na primeira céntrase nas mulleres no cárcere da que non saben se sairán algún día. As seus familiares van visitalas e son momentos narrativos onde a pena se redobra. Nesta primeira parte imos coñecendo cada personaxe e ás súas carcereiras, mulleres de réxime, mulleres represoras... Na segunda parte imos coñecendo aos seus homes, Elvirita namorada do Chaqueta Negra, Elvirita despedida da casa onde servía, aínda que Don Fernando, o médico que non quería exercer e a quen a súa muller lle retirara a palabra, sentiu enormemente pois el era camarada do Chaqueta Negra e do home de Hortensia...Ao final, Hortensia, embarazada, ten unha filla fermosa, Tensi, pero ela é fusilada (lembranza das trece rosas). Na terceira parte, Pepita vai ao monte a loitar xunto ao seu irmán, é guerrilleira, leva armas, será valente, farase chamar Celia, namórase...nunha emboscada dan por morte ao seu namorado e ela escapa a Praga. Alí reencóntranse. Elvirita agarda ao Chaqueta Negra...vinte e cinco anos no cárcere e cinco de anmistía e sae en liberdade condicional. Casan e vanse a Córdoba. 

O legado de Hortensia, a súa morte non caería en van, a súa filla Tensi seguirá os seus pasos e afiliarase para lograr un país en Liberdade.

Unha novela que conmove. Unha novela apaixoante. Unha novela de mulleres onde os homes son actores secundarios. 

Unha marabilla. Pero unha marabilla triste. Pero foi o que foi. A Memoria Histórica debe facer homenaxe a todas as mulleres, nais, fillas, avoas...que sufriron dobre tortura, a tortura de padecer polos seus homes e a tortura dos que as torturaban a elas.

27 de xullo de 2023.