O libro de Ángeles Caso "Las Olvidadas" aínda que pareza paradigmático, é para non esquecer. E digo ben, pois é desas narracións que se len con fluidez a través da cal aprendemos historias esquecidas que poñen de relevo o grande papel exercido por moitas mulleres históricas que non eran suficientemente coñecidas.
Un libro que divulga coñecementos dun xeito ameno, sen caer en estridencias nin esaxeracións, pero tamén un libro que nos sitúa ante un espello e fai que a realidade da muller actual se vexa reflectida nel para recoñecer o percorrido feito.
Sorprende a cantidade de información que ofrece, pero esta non chega a ser tediosa ou aburrida, máis ben ao contrario, é unha narracción, como digo fluída, e moi sutil que aborda numerosas temáticas nas que as protagonistas son as mulleres.
Fai un relatorio de historias de mulleres escritoras, humanistas, artistas, conventuais...das que resalta a súa transgresión e rebeldía contra o mundo e a etapa que lles tocou vivir. Moitas tiveron apoios das súas familias, outras víronse desprezadas pero continuaron a súa andaina malia que a sociedade tamén as marxinaba.
Fala de Hildegarda de Bingen e a través dela conta a súa intelectualidade e a chegada das mulleres á vida conventual. Unha muller que se achegou á música pero tamén a escribir textos sorprendentes sobre a ciencia, algo vetado ás mulleres da época.fala de Cristina de Pisan, unha muller intelectual e promotora da Querella das damas; fala das mulleres humanistas, das poetas, das escritoras. Moitas delas, di a autora, pagaron un elevado prezo, o da soedade e o illamento como Elena Cornaro, que foi a primeira muller que recibiu o título de doutora en Filosofía mais acabou recluída nun convento para poder seguir o seu estudo...Olimpia Morata que se amosou temerosa de amosarse en público e dixo "Yo, una mujer, he abandonado los símbolos de mi sexo, lana, lanzadera, canasta e hilo. Amo tan solo el florido Parnaso con sus coros alegres" (p. 80). Fala de Aphra Behn que actuou como verdadeira política na corte de Carlos II, incluso levando a cabo servizos de espionaxe e secretas misións e tamén foi escritora de obras de teatro polas que, por certo, foi duramente criticada e ninguneada por se muller.
En paralelo vai tecendo outras realidades das mulleres da época e sinala as que tiñan que traballar no campo, as serventas, as escravas, as prostitutas, a vestimenta....aspectos todos eles de escravitude feminina.
Pero un dos aspectos que máis me gustou foi a introdución de textos literais escritos por estas mulleres que están á altura da realidade actual. Mulleres que defenden e reivindican a liberdade, a educación, a formación intelectual, que critican con rotundidade as opinións que teñen os homes sobre as mulleres...Son de tal actualidade que se escribimos estes textos nun artigo de prensa actual, non dubido que habería algún que os consideraría un exceso.
Non, non nos excedemos. Toda esta literatura é necesaria pois trátase de ir igualando os roles. Se durante séculos a historia das mulleres quedou agochada, é preciso rescatala para dicir ao mundo: Ei! tamén estivemos aquí! Tamén fixemos cousas! Tamén escribimos, pintamos, tiñamos as nosas tertulias...! Tamén somos intelectuais igual que vós!
Cando xa todo estea escrito, cando se vexa que toda a historia é dos dous xéneros e sexa aceptado polo todo o mundo, entón falaremos de verdadeira igualdade. Mentres tanto, a seguir investigando, a seguir sacando á luz as historias das mulleres. Facer historia de mulleres non é confrontación, é unha revelación nesesaria. Pois tal como dixo Clemence de Bourges, citada no libro na páx. 86:
Ha llegado el momento de que las severas leyes de los hombres dejen de impedirles a las mujeres el estudio de las ciencias y otras disciplinas. Me parece que aquellas de nosotras que puedan valerse de esta liberdad, codiciada durante tanto tiempo, deben estudiar para demostrar a los hombres lo equivocados que estaban al privarnos de este honor y beneficio. Y si alguna mujer aprende tanto como para escribir sus pensamientos, que lo haga y que no desprecie el honor, sino que lo exhiba, en vez de exhibir ropas finas, collares o anillos.
O libro trasnpórtanos nunha viaxe longa a través da historia máis afastada para resaltar que xa desde moi atrás houbo mulleres relevantes pero das que nunca soubemos. Agora é a ocasión de coñecelas.
É pois unha literatura interesante polas ensinanzas que nos deixa.
Sabemos que Ángeles Caso está a facer un grande labor escribindo a historia das mulleres, publicando numerosos libros ao respecto. Colabora coa radio Cadena Ser falando de mulleres emblemáticas. Ten, como digo, unha grande capacidade narrativa facendo que nos acheguemos sen medo aos seus libros. Seguro que aínda ten moito que contarnos.
Rosa María Cid Galante.
28 de decembro de 2024.