Etiquetas

As rebeldes


Está sendo difícil o avance da igualdade entre homes e mulleres. Déronse avances, si, foron logros "suados" polas mulleres, foron liberacións que supuxeron moitos sufrimentos para convencer.

Reivindicar a rebeldía non é malo. Sitúome na rebeldía dialéctica e non violenta. As mulleres non temos na violencia o método. 

Hai unha fábula oriental que nos pode facer reflexionar sobre como enfrontarse á vida. Titúlase a Fábula das mans atadas. Supoño que é coñecida por moita xente e non é preciso resumila. Quen quere unha vida de sometemento? Que persoa pode ousar ser posuída? Neste caso, é xustificable a rebelión. 

Non foron moitas as rebelións das mulleres pero tampouco poucas. En Exipto pódese dicir que o rango das mulleres non era inferior á do home e non se destacan protestas. Gozaban de independencia e podían exercer oficios e ter o seu propio negocio. Podían casar e divorciarse e, como se sabe, moitas chegaron a ocupar o máis alto rango político e incluso participar en batallas e guerras. 

Estupenda é a rebelión de Lisístrata en Grecia que, farta de que os homes estivesen sempre loitando, algo que aínda agora segue a acontecer, algo do que non nos libraremos nunca, tivo o atrevemento de convencer ás súas compañeiras para facer unha folga sexual, isto é, non manter ningunha relación cos homes mentres estes continuasen guerreando. Tamén é certo que foi atrevida aínda que a condición das gregas sabemos cal era, manterse no xineceo e non ter vida pública ningunha. A reclusión na casa era o que lles quedaba, non deixa de ser unha escravitude.

En Roma a situación das mulleres non cambiou pois tamén estaban recluída na domus. Nunha ocasión si fixeron unha interesante protesta contra a Lei que Catón o Vello quixo reimpulsar que foi a Lei Oppia na que se prohibía que as mulleres saísen á rúa vestidas con luxos e xoias. Ante esta imposición as romanas, supostamente aquelas que tiñan un rango superior, se rebelaron. Se ben é certo o motivo da revolta non é das que máis me interesen pois a considero frívola, doulle o valor de que estas donnas tiveron a fortaleza de xuntarse e reivindicar e de opoñerse a unha lei, coma sempre, imposta por un home. O caso é que conseguiron que se abolise a lei que restrinxía a súa liberdade no vestir mais non transcendeu a outros asuntos polo que as romanas seguían a ser condeadas a vivir no encerro. E, segundo o marabilloso libro "El infinito en un junco" houbo mulleres romanas (das clases máis elevadas) que chegaron a escribir, poesía, ensaios, narracións...tiñan unha biblioteca na súa domus e organizaban tertulas. Non foron moitas pois a sociedade patriarcal de entón non lles daba categoría de pensadoras e intelectuais.

Na Idade Media, o exacerbado teocentrismo marcou unha formas de vida rexidas pola moral eclesiástica que concibía á muller como pecadora e conducente do mal. Malia todo podía escoller libremente ao marido, cousa que as romanas e gregas non podían. Nesta época histórica a muller no rural era un braceiro máis o que lle outorgaba certa igualdade co home. Logo tamén participaron nas revoltas, xunto cos homes, en moitos acontecementos como as revoltas irmandiñas, as dos comuneiros, as xermanías, as jaqueries...pois a muller rural sempre gozou de poderío. En canto ás damas e demais mulleres de maior rango podían gozar de certa liberdade e en ausencia do home rexían elas o señorío, mais non por iso eran consideradas en igualdade.  Non esquezamos neste contexto a Cristina de Pizán que xa reivindicou a liberdade das mulleres.

Logo xa na idade moderna e contemporánea hai casos de mulleres rebeldes que participan das revoltas. E sería no século XX,  aínda que xa a finais do XIX comezaron os primeiros síntomas, cando se inician as verdadeiras reivindicacións das mulleres. Algunhas foron intensas considerándose auténticas revoltas como a das sufraxistas con Emmeline Pankhurst á cabeza e moitas máis que a secundaron.

E na actualidade está sendo un revulsivo rebelde, si, porque é preciso e porque non se deberá acabar ata convencer a todo o mundo. Miles de agrupacións de mulleres de diversa índole xemolaron para defender e acusar todos os abusos que se cometen contra nós. Son precisas e necesarias e convértense en heroínas: a Federación de Mulleres Progresistas que visibilizan a discriminación das mulleres; a ONU mulleres; Mulleres en Igualdade; Plataforma Feminista Galega; Donicela; Andaina; Feministas independentes Galegas, Mulheres Nacionalistas Galegas, Asociación Dorna; Mulheres Livres; Mulleres cristiás galegas....poño enlace para coñecer a grande cantidade de agrupacións que, desde diferentes puntos de vista e frontes, contribúen a dar pasos para a igualdade. 

Si, reivindico a rebeldía pois, malia o que se pensa, aínda non se nos considera iguais. Teño vivido personalmente o "ninguneo" incluso no ámbito intelectual. De pena. 

Dende a antigüidade a escravitude serviu de base para sustentar unha sociedade radicalmente xerarquizada, pero malia que foi abolida na Convención de 1926 esta persiste de moi diversas formas. A muller aínda vive situación de escravitude latente, en moitas e diversas formas e formatos e en todos os países do mundo, en todas as xeografías e relixións.

O exacerbado capitalismo, ese que nos branquean dicindo que é o paradigma da liberdade e democracia, no meu concepto adulteradas tanto unha como a outra, conduciu a formas de escravitude e somentemento de sumo grao. Esa liberade que tanto se proclama é "aparente" e subrecticiamente mantén a dominación, a xerarquización, a opresión...onde van perder as mulleres.

Continuemos coa rebeldía.

12 de xullo de 2022.