Etiquetas

Si, trátase dunha novela ambientada na Residencia de Señoritas de Madrid




(Fonte: Boletín de Educación, 1935 octubre, p. 4)

Lin recentemente un libro titulado "Las Modernas" de Ruth Prada. É un libro sinxelo de ler, apropiado para poder suxerilo a un alumnado de secundaria e bacharelato. Temos que situarnos nos anos vinte de España, no período da ditadura de Primo de Rivera. Trata dunha moza chamada Catalina cuxa familia é de clase media, o seu pai rexenta unha farmacia e a súa nai dedícase aos labores do fogar. O seu pai comparte ideais modernos e liberais pero a súa nai é unha muller da tradición. A familia vive nun pobo do interior de León.

Catalina ten unha irmá xa casada e cunha vida dedicada ao matrimonio. Pero a protagonista da historia non ansía esa vida. Estando na súa habitación le un anuncio de prensa sobre a Residencia de Señoritas de Madrid dirixida por María de Maeztu no que se di que alí poden pensionarse as mozas que queren facer unha carreira universitaria.

Nese intre Catalina pensa na posibilidade de estudar farmacia, xa que habitualmente axuda ao seu pai e xa ten certos coñecementos. Soña que  nun futuro poida rexen tar farmacia do seu pai. Pero para iso ten que  convencer aos seus pais. Vai ser doado convencer ao seu pai pero a nai non ía tolerar que a súa filla fixese estudos superiores pois o futuro que auguraba para ela era o matrimonio, un bo matrimonio.

Finalmente, a nai, con certo disgusto, accede a que Catalina acuda a Madrid. Catalina, chegada á capital, descubre un mundo novo. Coñece na residencia a grandes compañeiras que se convertirán en amigas. Son mulleres con ansias de independencia. Falan de diversos temas, séntense libres para actuar, para ter unha vida propia...

Catalina vivirá ese ambiente da Residencia onde se respiran aires de liberdade. As mozas comparten horas de comida, estudos, asisten a clases de inglés, van ao té da tarde onde departen con María de Maeztu, van a reforzo de materias universitarias e tamén a interesantes conferencias impartidas na mesma Residencia por mulleres ilustres como Clara Campoamor, Vitoria Kent, María Zambrano, Ortega y Gasset, Ramiro de Maeztu...que lles abren a mente.

O reto está no ambiente universitario pois alí vai sentir o rexeitamento de compañeiros e tamén dos profesores pero, malia os impedimentos e burlas, continúa adiante cos estudos. Todas as compañeiras fan esforzos para demostrar que son tan capaces de afrontar as carreiras universtarias como os homes.

Catalina tamén experimentará na grande cidade a desigualdade social e implicarase na loita e  no compromiso de mellorar a situación dos nenos que viven abandonados.

Así mesmo sufrirá as súas propias contradicións ao coñecer a Álvaro, un mozo guapo que quere casar con ela. Un bo partido, como se diría entón. Pero ela sabe que os seus estudos poden correr o risco de seren abandonados se casa de inmediato.

En efecto, tras pensalo moito e malia que as compañeiras da Residencia dubidan de que o futuro marido permita que Catalina continúe os estudos, Catalina toma unha decisión...

Deixémolo aí. A novela remata, propoño que se lea e cada unha que saque as súas propias conclusións.

É interesante para achegar a un público mozo a marabillosa institución creada por María de Maeztu en Madrid entre os anos 1915 e 1939.. 

A Residencia de Señoritas de Madrid foi un fito para a liberación de moitas mulleres que querían facer estudos universitarios. Funcionou desde 1915 ata 1936 e fomentou a formación intelectual de moitas mozas que escapaban dos estereotipos femeninos da época. A Residencia dependía da Xunta para a Ampliación de Estudos e fomentou a cultura no seu maior rango. Cando en 1935 se cumpriron os vinte anos da institución, esta creou o servizo de Cooperativa coa finalidade de ofrecer os mesmos servizos por un prezo menor a aquelas mozas que tiñan menos capacidade económica para ser residentes. 

A Residencia foi un centro no que se inculcaron uns principios que ían máis alá da formación académica.

Houbo 33 mulleres galegas pensionadas na Residencia entre as cales estaban as seguintes ourensás: Isabel Noguerol; Carmen Pardo; Joaquina Rodríguez; Olimpia Valencia, Piedad Fernández López; Mariña Peña e Paz Parada Pumar. 

26 de setembro de 2022.