Etiquetas

As malas mulleres. Libro de Marilar Alexandre

Como me gusta ler a Marilar Alexandre, polo seu compromiso coa palabra, polo seu compromiso coas mulleres galegas, polo seu ben escribir.

O libro As Malas mulleres ben merece ser lido pois é unha historia entrenzanda obrigando aos lectores a seren activos por ter que ir ganduxando a trama. Este tipo de novelas así estruturadas son, ao meu entender, moi atractivas. Por iso, con ser unha novela curta ten a complexidade dunha narrativa caleicoscópica con xiros constantes de flash-back. Estruturada en tres partes: A Galera, Bágoas de Sangue e as Purgas do Toxo percórrense tres anos, desde 1863 ao 1865 durante os cales as nosas protagonistas viven e resisten.

A novela traza varias historias que se entrecruzan pola relación que acaban tendo as respectivas protagonistas. Temos por unha banda a Sisca, Francisca, unha moza que está presa no cárcere A Galera de A Coruña. Alí chega con de dezaseis anos, saberemos por que ben entrado o libro. O cárcere non só é un lugar de encerro, tamén é un lugar onde o pasado acode ao presente mesturándose e Sisca vai percorrendo anacos da súa vida desde ese cárcere inhumano, insalubre, fétido. Lembra a fame que pasaba coa súa familia. Lembra como o pai e a súa nai procuraban restos de comida para dárllela aos fillos, lembra a morte do seu irmán polas lombrigas...viven a época do cólera. Lembrará a violación, a marxinación, o asasinato.

Mentres tanto, a Visitadora, Concepción Arenal, a inmesa, a voluminosa e tremenda muller que  vai ser quen de querer cambiar a vida das presas. Pero ela tamén sofre, sofre o desengando do seu tío Manuel con quen tiña unha relación intelectual, de igual a igual, pero que ao fin acabou casando coa súa irmá Tonina. Manuel que "El pousaba a man nos seus cabelos, moi suavemente, collíalle a cara entre as súas mans. Logo...Nin soñando esperta se atrevía a imaxinar a continuación. Que caricias seguían, que apertas..." ( p. 30). É o retrato dunha Concepción Arenal tamén namoradiza e cun grao de paixonamento, compatible entón coa súa intelectualidade. Logo atoparía o seu alter ego, Fernando, un home que a amou o indicible pois "Un home que atendía ao que ela dicía. Primeiro as conversas, un contacto entre as mentes que era como se el achegase a man e tocase o seu pensamento. Antes de a tocar fisicamente. Despois o intre de se tocar. A nena agromando das noites de amor" ( p. 31). Sería un matrimonio leal e tranquilo do que nacerían tres fillos pero que tería que vivir a morte da súa querida filliña Conchiña, moi chorada por Concepción. Porque si, Concepción era sensible baixo a súa imaxe grande e forte. Concepción era esa muller clara como os seus ollos de auga. Concpeción será A Visitadora, que ten penas da cor do vaso negro: "Morreu Manuel, amor antigo, vaso no que vertía os pensamentos cando rebordaban...Reverdece a ferida da desaparición de Fernando, amor que, confiou, duraría sempre....Anunciada, a de Fernando...repentina, a de Manuel...A vida, entón, cae a chumbo, sen ilusión...(p. 67). 

Outra imponderable na novela é Juana de Vega, amiga de Concepción, pero ademais foi a que acolleu  na súa casa a Sisca. Aquí é onde Sisca aprendeu a escribir e ler grazas a Francisca, a criada fiel de Juana. Pero Juana tamén sofre a pena e non pode calmar a pena de Concepción pois Juana María, vaso cristalino, transparente, non pode termar dela nestes días, foille negado ese recurso. Abatida pola morte de Paquita, por moito que á Visitadora non lle resulte doado comprender a dor pola perda dunha serventa, mal pode axudar os demais" (p. 67). Son as dúas grandes con penas grandes.

Inmenso é o capítulo "O mudo coro das malas mulleres. Antre os pinos". É magnífico, precioso...é novela e é poesía, é narración e é Pondal. É unha versión de Carapuchiña Vermella. Unha nena atende á avoa que vive soa nunha casa e lévalle comida e asistencia. Mentres camiña pensa en marchar para a Habana, mentres camiña os piñeiros marmuran, mentres camiña alguén a colle e a viola. Quen era? Un Señorito. Muller violada e humillada. Muller embarazada botada da súa casa: "Non me fagades preguntas. A dor, o sangue escoando polas pernas. O riso triunfante do señorito...Meu pai, ao encontrarme co fillo, botoume da casa. O meninño ao hospicio, eu muller da rúa, que outra cousa? Despois en prisións...(p. 39).

O día de xaxún na prisión Sisca lembra cando entrou a traballar na casa de Juana. Unha casa limpa, grande...unha casa onde saboreou o chocolate por primeira vez. Lembra Sisca desde o cárcere.

Pan de vermes. Concha sábeo pois Juana contoullo e xa lle escribira ao mesmo rei, sabendo da vantaxa de ter sido a aia das fillas do rei, queixándose da comida que lle daban ás presas.  Juana a atrevida, a liberal, a que "respirou desde nena a Constitución de 1812". E Concepción tamén liberal que tivera a fortuna de ter un pai que a respectaba e lle ensinaba. Un pai que ela veneraba fronte á relación díscola coa súa nai. Concha, visitadora, que sufriu o desterro e morte do seu pai: "A súa desaparición privou a Concha dun guieiro no difícil camiño da aprendizaxe intelectual, debeuse converter en mestra de si mesma..."(p. 57).

Concha, a Visitadora, que se pregunta por que están todas esas mulleres presas. Sabe que son vítimas de inxustizas. As mulleres sempre vítimas. Sisca lava a roupa no cárcere e pensa en Francisca que lle contou como entrara a traballar na casa de Juana e como foi alí onde aprendeu as vogais, as letras e aprendeu a ler. Mentres lembra din que veu ao cárcere un Visitador "será para vixiarnos a nosoutras, as malas mulleres?" ( p. 63)...mais é unha muller.

Impresionante é o capítulo titulado: "O mudo coro das malas mulleres. A fouciña". Un alegato, un canto, unha afouteza de voces de mulleres acompañadas dos versos de Rosalía.  A moza, a criada, unha de tantas, violadas polos señoritos (eses que din "de boa familia" e son a personificacion da vileza). Muller acosada ata que queda preñada. Fora da casa...deshonra desa falsa boa familia. Ela, a criada, toma a xustiza pola man e comete o crime. Un berro á mala xustiza, a xustiza mal levada, a xustiza inxusta coas mulleres, sobretodo coas humildes. As mulleres arrecenden neste capítulo, non hai nada que perder: "A xustiza pola man. Terma da fouciña". Que bonito fai aquí Marilar que tras lelo dan ganas de prenderse de coraxe. Como me gustou este capítulo que é un verso "prosificado", unha narración "versificada"....

Entramos na Galera, as súas normas, o regulamento...unha prisión máis dos espíritos. Un cárcere da liberdade por fóra, de corpo, pero tamén un cárcere de dentro, dos pensamentos, vontades...aguantar o que esixen pois son "mulleres de mal vivir" e alí terán que corrixirse como un Patronato das malas mulleres. 

Pero sempre hai tempo para a amizade no ambiente inhóspito aínda que as amizades son desconfiadas. Sisca está doída, é o mes que unhas veces ven dun xeito e outras veces ven doutro. A veciña de Sisca verte na súa boca un grolo de láudano para calmala e dorme. Dorme e soña con Paquita que contaba como chegou a servir á casa de Juana e que a súa familia tamén era moi humilde.

Juana namorada. Francisco Espoz y Mina regresa do exilio en Francia tras o golpe de Riego. Escena tenra da primeira noite. Mais a felicidade foi curta. Juana vive a lembranza. Concepción segue a estar preocupada. A Visitadora non para de pensar na mellora da situación das presas e nada mellora que ensinalas a ler e escribir pois deste xeito libraríanse de todos os abusos aos que adoitan ser sometidas: " Como van saber ler...se ninguén lles ensina? E temos en contra a opinión pública. Os que escriben nos xornais están convencidos de que ensinar a ler e a escribir ás mulleres pode levar á súa perdición..." ( p. 99).

E vai comezar a escola. Sisca axudará nela. Nun primeiro momento matina que ela non quixera axudar a ninguén, que ela pasaría os anos de cárcere pero sen chamar a atención, mais agora ten que acodir á escola que a Visitadora organizou. Escoita uns versos, son de Rosalía, Campana de Bastavales. Sisca emociónase pero non sabe quen puido escribir unhas palabras que definen perfectamente o seu estado anímico.

A Visitadora reflexiona sobre a xustiza. Sobre a condena ás mulleres, sobre o por que están na Galera. Seran prostitutas? Tiveron que vender o seu corpo? Por que son elas castigadas mentres os homes que as mercan dormen tranquilos? Outras por roubar, outras por abortar...e as menos por asasinar como a Loba e a Ciruxiá de Celanova. A Loba...triste historia, condena inxusta, que marabillosamente narra a escritora.

As grandes mulleres, as mulleres grandes, A Visitadora e a Condesa de Mina, van os domingos a lerlles ás reclusas. Hai un texto no que arremete contra aquelas que abortaron. Sisca non o soporta máis e rebélase. Tamén lembra á súa nai que embarazada puxo medios para non ter o fillo e lembra a escena da carnizaría, moi dura pois é a escena do "malparir". Por tantas veces que a nai foi a "malparir" nunha delas finou. Veu a Garda Civil e levou presa á familia por cometer aborto.

O empeño da Visitadora de que comece a funcionar a escola para as reclusas non vai todo o rápido que ela desexa pois hai moitos impedimentos. Trabas de cargos institucionais que non favorecen que as reclusas teñan a oportunidade de aprender. A Sociedade da Madalena ofrécese pero non dá resolvido.

Sisca lembra cando cumpríu quince anos e Xacobe agasallouna cun pano. El parece estar prendado dela. Tamén lembra que Paquita, a que lle ensinou a ler, está doente e dille que lle quedan pouco tempo de vida. Sisca non soporta escoitar iso pero recibe un consello: "Segue o teu propio camiño. O teu, aínda que sexa diferente do camiño dos demais. Aínda sendo distinto do doutras mulleres" (p. 143). Lembranzas, todo son pensamentos. Pensa na súa nai, nos abortos na carnizaría. Na denuncia, seguro da súa tía que se leva aos seus irmáns pequenos.

A Visitadora tamén ten problemas. Os seus fillos son un pero tamén o asunto da escola da Galera. Tamén se sente indignada Juana María pola escola e polo traballo que realizan as presas e que non ten futuro nin lles serve para moito (facer sombreiros de palma) e se estivesen formadas poderían facer mellores traballos cando saian do cárcere.

Concha escribe as cartas aos delincuentes e ten dous obxectivos, por unha banda aliviar as condicións de vida nos cárceres e axudar (as mulleres) a coñecer as leis e coñecerse a si mesmas (p. 176). É o momento no que a Visitadora fala con Francisca polo descougo que sentíu Concha pola reacción de Francisca cando lía a Carta redactada por Concha sobre as mulleres que abortan. Ela que é unha muller relixiosa non puxo a ben ás mulleres que evitan que nazan o seus fillos. Fala con Francisca para facerlle ver que non quería ofendela. Francisca agradeceu que viñera falar con ela e a tratase como unha persoa.

As nosas grandes, Juana e Concha, son humanas, non cabe dúbida que as move o sentimento de axudar ás súas conxéneres. Pero tamén teñen penas e dores dun pasado que as fixo sufrir e dun presente que para elas queda atrás das dúas ideas.

A sombra de Paquita permitirá que Xisca saia do cárcere e sexa acollida por Juana. Comprométese a aprender, estudar, ser mestra. Xisca sente como a vida cambia para ela.

Finalmente, Concha, no remate do libro. Como me encanta esta muller! Como comparto ideas con ela! pois, coma min, a Concha "desacóugaa que tanto Eliot como Sand, mulleres de grande proxección pública, correspondan, en certa medida, ao significado de muller pública do que ela tanto abomina. Desgústaa tamén que escriban baixo un nome de varón...."(p. 231).

Eu, como ela, "Tampouco é quen de xulgar outras mulleres. Ela, á fin, ten que empuñar tanto a pluma como a agulla. Desenvolver as súas ideas nos libros e facer de nai..." (p. 231).

Canta razón é que Concha pense: "Mudar as leis debe ser posible. Porén, talvez máis difícil, é mudar a forma en que a sociedade contempla hábitos sancionados pola tradición, atribuíndo carácter natural, e mesmo sagrado, a todo o establecido...Hai homes, e sen dúbida son maioría, que ven ameazados os seus privilexios...."(p. 231-232)

Todos os libros requiren esforzo de atenta lectura e este é un deles. É preciso ir lendo, relendo, pero niso vai unha boa obra. Só deste xeito a novela permanece na memoria para sempre. A historia das tres mulleres que comparten dores inmensos, viven, padecen, aman...son mulleres humanas pois a dor, como a morte, é para todas e todos, e malia ser quen somos todas e todos caemos nos foxos.

Encantoume o libro.

30 de xaneiro de 2023.