Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta Química. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Química. Mostrar todas las entradas

19 junio 2024

MARÍA DEL PATROCINIO ARMESTO ALONSO

(ENTRADA PUBLICADA EN 2009 PERO ACTUALIZOUSE CON NOVOS DATOS. DESDE AQUÍ QUERO AGRADECER ENCARECIDAMENTE A TODAS AS PERSOAS QUE ME INFORMARON E QUE FIXERON POSIBLE CONCRETAR UN POUCO MÁIS SOBRE A VIDA DE PATROCINIO ARMESTO.)

Outra distinguida universitaria que acadou a licenciatura en Ciencias e foi resaltada pola prensa local de Ourense, será María Patrocinio Armesto Alonso, que aínda que era natural de Alcañices, Zamora, estivo ligada á cidade Ourensá. 

Naceu o 14 de xullo de 1906 e era filla de Odilo Armesto Salgado, Comandante de Carabineros (falecido en Ourense o día 1 de setembro de 1948) e de Elvira Alonso Castrillón (falecida o 21 de outubro de 1971), de Ourense, e sobriña do insigne Alfonso Alonso Castrillón quen residiu durante moitos anos en Bos Aires e faleceu en maio de 1938. Tiña unha irmá que se chamaba Pilar.

Cursou parte dos estudos de bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Ourense tras realizar o exame de ingreso o 11 de xuño de 1917. Estivo matriculada ata 1920 e cursou tres cursos pola opción oficial. Obtendo en todas as materias sobresaliente e nalgunhas matrícula de honra.

O 4 de setembro de 1920 solicitou traslado para o Instituto de Pontevedra.

Ingresou na facultade de Ciencias no ano 1923 aos dezasete anos, matricularase durante catro cursos e saca unhas cualificacións brillantes, licenciándose en 1927. A prensa ourensá non desdeña os eloxios para esta destacada muller, como así o amosa a noticia recollida no xornal da época:

(Fonte: Heraldo Gallego, 12 de decembro de 1926, p. 1. Galiciana)

“La señorita María del Patrocinio Armesto Alonso que terminó en la Universidad Compostelana los estudios de la Carrera de Ciencias Químicas con brillantísimas calificaciones....Y el triunfo es tanto mayor, porque supone un noble esfuerzo el llevado a cabo por la Señorita Armesto Alonso, en esta edad en que la mayoría de las mujeres sueñan únicamente con estas fiestas sociales, o dedican las horas a un “flirteo” discreto...” en “Orensanas que triunfan” .(La Región, 22 de junio de 1927.)

(Fonte: El Correo de Galicia , 31 de xullo de 1927. Galiciana)

Toda a prensa galega recollía o encomiable expediente de Patrocionio Armesto:

(Fonte: El Pueblo gallego 28 de xuño de 1927. Galiciana.)

Así pois, acada o título de licenciada en Ciencias na sección de Química. Realizou os exercicios de grao de licenciatura o 29 de setembro de 1930. Cursou as materias correspondentes ao grao de doutoramento no curso 1928-29. En 1930 fixo o curso de Electroanálise de Combustibles na Universidade Central. Tamén realizou os estudos correspondentes ao Título de Maxisterio Nacional.

Desempeñou os seguintes cargos: agregada interina de sección de Ciencias do Instituto Cisneros no curso 1928-29. Logo no 1932-33 e 1933-34 desempeñou o mesmo cargo no Instituto de Pontevedra. En Soria, no curso 1937-38 encargouse do curso de Agricultura. Pasou ao Instituto de Ourense no curso 1938-39 e nese ano foi ao Insituto de Lugo a ocupar a Cátedra. Foi encargada de Agricultura no Instituto de Tui nos cursos 1940-42.

Voltou a Ourense e foi encargada de Ciencias Naturais no Instituto de Ensino Medio  no curso 1942-43.  Foi catedrática do Instituto de Ensino Medio de Ourense desde 1949 ata 1975.

(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Banquete de bachareles da promoción do ano 1936 no Instituto de Ourense. ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/023)

(Fonte: Arquivo Galiciana. Fundación Penzol. Foto grupal de bachchareles de 1936 do Instituto de Ourense, ES.GA.36057. AFP/2.1.2.10.7.2.1.1//FOT-0005/024.)

Os seus logros foron recollidos pola prensa orensá e galega destacándoa en inteleixencia "igual ao home". Ademais de impartir clases no Instituto tamén fundou en Ourense unha Academia, xunto con Elena Cortés Santiago, onde preparaban para as oposicións de Maxisterio por correspondencia sendo unha novidade para o momento xa que, segundo indicaban no anuncio, evitábase o desprazamento á capital:
(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1954, p. 2. Galiciana)
Tiven ocasión de falar con antigas alumnas de Patrocinio Armesto, entre elas Adelaida Carballal Barreiro,  e comentáronme que era unha muller moi seria e moi rigorosa á hora de dar as clases. Era moi avanzada na súa época pois non explicaba de xeito descritivo as flora e fauna senón que facía unha explicación científica das especies clasificándoas por categorías. A súa docencia era moi profunda e o nivel de esixencia era moi alto sendo os seus exames moi estritos. 
(Fonte: La Región, 2 de setembro de 1948, p. 3)
Patrocinio debeu xubilarse entorno de 1970 ou 1971 pero seguiu sendo unha muller moi dedicida. Gustáballe moito viaxar polo estranxeiro para enriquecer os seus coñecementos. Visitou varios países ao longo da súa vida chegando a ir incluso a Turquía. E estando de turismo polo país turco foi cando  faleceu repentinamente o 10 de outubro de 1989. Cando a súa familia foi buscala para trasladala a Ourense, o cónsul español ofreceulles todas as facilidades e acompañou á familia ata o aeroporto por deferencia. Patrocionio Armesto repousa no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

(Fonte: La Región, 10 de outubro de 1989, p. 42.)

Vid:Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, pp. 239-240.
Vida gallega, 1927 xullo 10.

05 diciembre 2021

ELENA FALQUÉ LÓPEZ

 
Traio ao blog a unha muller que merecía reseñar polo seu grande currículo e profesionalidade tanto na investigación como na docencia universitaria. Trátase de Elena Falqué López, profesora titular na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo na Área de Química Analítica. É unha experta no mundo da enoloxía, do aroma de cepas autóctonas de Galicia e a composición volátil dos viños.

Naceu en xuño de 1966 en Ourense, aínda que a familia materna é de Madrid e a paterna de Vigo. Dende moi pequena comezou a manifestar grandes dotes para aprendizaxe o que deu lugar a que fora ao colexio cando aínda tiña dous anos e medio porque, como ela di: “ quería ser como os maiores”. Por aquel entón foi acollida no Colexio de parvulario que había na Avenida de Zamora sendo a súa primeira mestra, Doña Esther, de aí que se viñera chamando á escola “Colegio de Doña Esther”. De aí pasou ao Colexio Sueiro, na rúa Parada Justel, para estudar a EXB. A directora do centro, Dona Paz Sueiro, decatouse de que estaba ante unha nena de altas capacidades e decidiu adiantala un curso deste xeito “non molestaba” aos outros nenos pois Elena aburríase xa que sabía ler, escribir e facer as operación matemáticas básicas. Tamén comezaron a darlle clases de francés e chegou a participar nun periódico que se facía no colexio. Malia adiantala un curso, xustamente neses anos publicaron unha lei que non permitía adiantar ao alumnado de curso polo que, ao fin, tivo que repetir e rematar o ensino básico á idade regulamentada, que eran os catorce anos.

Logo de estudar a EXB realizou os estudos de BUP e COU no Instituto Otero Pedrayo pola rama de Ciencias, onde volveu a ser unha destacadísima alumna, cunha grande capacidade de traballo e de comprensión das operación máis complexas do mundo das Ciencias. Tiña un grande talento para as matemáticas, formulacións, algoritmos, física, química…eran temas que a apaixoaban. Por suposto, rematou o bacharelato cunhas brillantes cualificacións o que lle auguraba un grande futuro.

Comezou a Licenciatura de Ciencias Químicas no antigo Colexio Universitario de Ourense que estaba situado na rúa do Progreso. Alí cursou tres anos e os dous últimos 4º y 5º en Santiago de Compostela, licenciándose en 1990 na especialidade de Química Analítica. Logo graduouse en 1993 na Universidade de Vigo.

Por suposto, Elena quería acadar un maior grao de especialización e de aí que realizase os Cursos de Doutoramento nos anos 1990 a 1992. En novembro de 1992 marchou cunha beca á Faculté d´Oenologie de Burdeos en Francia. Acudiría en tres ocasións máis para realizar a parte experimental da súa Tese de Doutoramento que foi defendida en setembro de 1998 obtendo o Título de Doutora en Química "cum laude" pola Universidade de Vigo.

A capacidade de estudo levouna a licenciarse tamén en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos en setembro de 1996. Así mesmo, realizou varias estancias de investigación postdoutoral, en 1999, 2004 e 2010, na Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa (Oporto-Portugal).

Comezou traballando na empresa privada e estivo uns meses como analista de laboratorio en Tecvin e en Coren. Pero a Elena gustáballe o mundo da docencia, transmitir e compartir os seus coñecementos e en 1995 comezou a carreira como docente universitaria a tempo completo. En 2007, tras superar a probas de Habilitación Nacional, obtivo a Praza de Profesora Titular da Universidade de Química Analítica.

Imparte, desde fai anos, docencia nos Graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais e Enxeñería Agraria, e no Mestrado en “Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental” ofertados na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Tamén é unha profesora preocupada pola docencia de aí que as súas clases teñan un gran compoñente práctico e didáctico conseguindo elevar a motivación do alumnado. Desde 2010, imparte no curso de ‘Pós-Graduação em Enologia’, ofertado pola Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa (Oporto – Portugal). As súas liña de investigación son o Estudo químico e sensorial do aroma dos alimentos e bebidas; a optimización das operación tecnolóxicas na elaboración de alimentos e bebidas e a caracterización do poder antioxidante e aromático de diversas matrices agroalimentarias.

Elena representa a esas mulleres que demostran un nivel de formación e de profesionalidade que as sitúan nun plano de plena igualdade cos seus homólogos. É unha muller con grande capacidade decisoria e resolutiva, de aí que fose Directora das tres edicións do mestrado en Viticultura e Enoloxía que ofertou a Universidade de Vigo durante os anos 2005 a 2010. Ademais foi a Coordinadora do X Congreso Nacional de Enoloxía que tivo lugar do 3 ao 5 de xuño de 2009 en Ourense.

Entre xuño de 2014 e marzo de 2015 formou parte do Grupo de Traballo AEN/CTN/GT 2 da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) para describir a “Terminología asociada a la cata del vino”.

A máis de todo o anterior, que non é nada pouco, tamén ten unha patente sobre o “procedemento para a elaboración de turrón de belota”, e, xunto a Herminia Domínguez (que tamén está recollida neste blog) e outras dúas investigadoras, outra sobre “Extractos acuosos antioxidantes de materias primas, procedemento de obtención y su uso en la composición de un produto cosmético y/o dermatológico” que está en trámite. Mulleres no mundo da ciencia, mulleres da investigación.

Impartiu diversas conferencias e diversos cursos sobre as augas minerais naturais (propiedades físico-químicas e cata) ofertados pola Facultade de Ciencias, o Vicerreitorado do Campus de Ourense, o Concello de Ourense ou na Semana das Ciencias, polo Concello de Pontareas (Pontevedra).

Elena sabe que se move nun terreo onde o acceso das mulleres aínda é menor que noutros estudos e carreiras por iso tamén se compromete coa causa de que as mozas se acheguen ás Ciencias e á investigación e desde o seu inicio, en febreiro de 2018, participou con algunha actividade de divulgación científica na iniciativa “Exxperimenta en feminino” (eXXperimenta en feminino (uvigo.es)) para promover a visibilidade das mulleres científicas e impulsar o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía

A investigación é outra das ocupacións de Elena, a súa curiosidade lévaa a querer comprender e sacar á luz todo un mundo de saberes. A súa grande paixón é o aroma do viño, sobre todo dos elaborados con variedades autóctonas galegas. Foi o tema da súa tese de doutoramento e sen dúbida foi pioneira no seu estudo.

Hoxe en día, continúa con ese tema dirixindo Traballos de Fin de Grao, Traballos de Fin de Mestrados e Teses de Doutoramento… aínda que hoxe o ampliou á caracterización do potencial antioxidante e aromático de diversos alimentos (algas, augas, flores, vexetais, etc…) ou subprodutos (residuos agroalimentarios) e o seu uso no campo alimentario ou cosmético.

Completamos este resumo da traxectoria de Elena Falqué indicando que conta con numerosas publicacións (Elena Falqué López (0000-0003-4944-1264) (orcid.org); Elena Falqué-López | Publons e un centenar de comunicacións (tipo póster u oral) en Congresos Nacionais e Internacionais.

Estamos ante unha muller do presente, que segue a marcha demostrando a valía e a achega das mulleres nos diferentes eidos da vida.

Elena é unha muller de grande personalidade e segura de si mesma, unha muller intelectual que lle dedica horas e horas ao estudo e á investigación. Está labrando un camiño que será exemplo de moitas mulleres, de moitas mozas e seguirá avanzando para trazalo máis grande. A valía desta muller e todos os seus logros falan por si mesmos pois son de recoñecido prestixio, unha referente, unha ourensá.



12 febrero 2011

MARIA JOSÉ ALVES MARTINS FERNÁNDEZ

O outro día tiven ocasión de revisar un libro que me pareceu interesante, tratábase do libro titulado Tiberio Ávila, un ourensán de Viana escrito por Manuel Carrete Rivera e Xulio Cougil. Pois ben, este libro céntrase na figura de Tiberio, artista nacido en 1843 en Viana do Bolo, que estudou na Academia de San Fernando becado pola Deputación e que logo se trasladou a Barcelona para impartir clases de Bellas Artes. Pois ben, el foi un dos creadores do Centro Galego en Barcelona, do que foi logo presidente. Este libro ten un capítulo deicado a "Ourensás en Cataluña" onde se fai mención de María José Alves. A María José coñecíaselle coma Pepita, naceu en Lisboa en 1933. Era filla do músico ourensán José Fernández González que era de Grou e que emigrara cara Lisboa na primeira década do século XX onde ao pouco tempo casaría cunha lisboeta nacendo deste matrimonio María José. A familia de María José viña frecuentemente a Galicia. En 1950 Pepita trasladouse a vivir a Ourense e inscribiuse na Academia de "Estudios Galicia" da que era director D. Albino Núñez Domínguez, onde recibirá clases de D.Alberto Vilanova e será examinada de reválida por Don Manuel Otero Pedrayo.
No 1957 trasládase a vivir a Barcelona e alí atopa traballo como química especializada en análises microbiolóxicos e tamén se fai socia do Centro Galego (socia nº 2 de mulleres). Foi redactora da revista "Alborada". Esta ourensá-lisboeta tiña unha gran biblioteca de máis de dous mil libros, coleccionista de selos e moedas, garda e custodia do material da entidade do Centro Galego. Na actualidade retornou a Ourense.
Vid: CARRETE RIVERA, M. e COUGIL, X., Tiberio Ávila un ourensán de Viana, Deputación Provincial de Ourense, 2010, pp. 177-179. Foto, idem.