Etiquetas

O 8 de marzo de 2023, un día para lembrar coas mulleres empresarias de Ourense.


A CEO conmemorou o Día da Muller coas mulleres empresarias ourensás e aproveitou a ocasión para entregarlles o meu último libro: "Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente. Mestras e comprometidas co galeguismo", editado pola Deputación de Ourense. Detalle que me honrou. 

Fun convidada ao acto que se organizou o propio día 8 de marzo para que falase das mulleres de Ourense. Acudiu un gran número de representantes. Dirixinlles unhas breves palabras sobre a importancia de seguir investigando na historia para rescatar os nomes das nosas mulleres pois, deste xeito, se afirma que tamén fixeran historia e contribuíran á súa evolución. 

Todas as presentes son emprendedoras e innovadoras, que están seguindo a senda do legado das  nosas históricas, como mulleres independentes e plenamente emancipadas. Así pois seguen a construír a andamiaxe que fai que sexamos recoñecidas e nos vexan capaces de acadar os retos.

Moitas delas faláronme da súa actividade, das súas ocupacións, dos seus logros, do moito que tiveron que traballar, dos sacrificios que soportaron e dos obstáculos que atoparon... Foron camiños tortuosos, difíciles...pero quixeron seguir adiante e seguiron adiante e agora ninguén lles fai fronte. Non se trata dunha competencia con ninguén, trátase do recoñecemento como persoas, mulleres, que achegan o indecible á humanidade.

Mentres falabamos fixéronme sentir orgullosa de todas elas pois levaran a cabo os seus propósitos sen amilanarse. Pensei nese momento que mentres eu estou no mundo das "ideas", no mundo da investigación, no mundo da reconstrución de historias...todas estas mulleres que hoxe me rodearon están na realidade, están no día a día, están no labor construtivo das nosas historias, do noso tecido ourensán, da nosa riqueza. 

Xa sabemos que queda moito por percorrer pero  non dubido que estas emprendedoras xa non porán freo ao camiño iniciado e que todo isto llo transmitirán ás súas fillas como o legado máis xusto e honroso que se poida deixar. 

A todas elas, Ánimo e Adiante!

Moitísimas grazas a Mari Sol Nóvoa Rodríguez, Presidenta da Confederación Empresarial de Ourense por convidarme a este marabilloso evento.

8 de marzo de 2023.