Etiquetas

05 marzo 2025

QUE NON NOS FALTE O ENTROIDO


Se hai unha festa de troula e balbordo, esa é o Entroido e, por suposto, no noso Ourense é espectáculo, pois hai recoñecidas un grande número de máscaras tradicionais.

O entroido é ese tempo que transcorre do inverno á primavera e de aí as cores que enchen cada recanto da provincia. As máscaras tradicionais levan flores, cintas e colares de cores infinitos tal como a primavera enche de cores a nosa contorna.

O entroido é un agromar de imaxinación, distensión, ledicia...todo é diverso e trangresor e todo é aceptado pois o espírito de irmanamento é o principal. A ledicia é a que manda.

E outro ano máis, as nosas mulleres ourensás que figuran na fotografía que encabeza esta entrada,volven a demostrar a gracia e bo facer que as caracteriza. Se o ano pasado sorprendéronnos coas sufraxistas, este ano lévannos aos anos cincuenta, outro alarde de creatividade e imaxinación. Así se amosan representando unha escena de perruquería, cos secadores de casco, coas revistas de moda, coas capas protectoras...

Desde logo, están encantadoras pois non deixan de demostrarnos ese espírito un tanto rebelde e atrevido que marcou unha época, con esas saias voluminosas marcando cintura, os peiteados, as gafas de montura de cores, os zapatos de trabilla e de tacón e os seus pequenos bolsos con asa nos que levaban a polveira e pintabeizos.

Si, en efecto, as mulleres foron dando cor aos tempos e pautando estilos modernos que eran un desafío para os costumes da época.

Parabéns, miñas amigas, outro ano máis me sorprendestes co voso encanto.