Etiquetas

01 mayo 2024

MARCELINA FERNÁNDEZ DOMÍNGUEZ

Marcelina formaba parte dunha familia combatente da guerra civil contra os golpistas. Súa nai e súas irmás foron partícipes no encubrimento de fuxidos. Estas mulleres eran Teresa, María, Generosa e Marcelina e todas elas foron parte activa como opositoras ao réxime sen pensar nas duras consecuencias que podería carrexarlles. Demostraron que a valentía non ten xénero xa que elas corrían tamén un grave risco por axudar aos resistentes. O réxime actuaba con auténtica saña cando as capturaban para que delataran aos fuxidos. Moitas aguantaron torturas pero resistiron.

Marcelina era filla de Manuel e Teresa e naceu en 1924 en Espiño, no concello de A Veiga. Súa familia dedicábase ao campo. 

Cando comezou a guerra ela tiña 14 anos pero xa entón colaboraba coa resistencia. Esta foi a causa de que fose detida en 1938 cando tiña 16 anos e foi procesada no Xulgado Maior Permanete de Fuxidos.  Declarárona culpable e levárona ao cárcere de Bande pero o 9 de outubro de 1940 trasladárona á prisión de Ourense. 

Un ano máis tarde, o 12 de outubro de 1941, fíxoselle un Consello relacionándoa con Teresa Domínguez "a bruxa de Espiño" que era a súa nai. Esta participara de xeito moi activo contra os golpistas dando auxilio aos fuxidos.

Así a todo, o 16 de outubro de 1941, tras tres anos de prisión , Marcelina é absolta polo Xulgado de Fuxidos de Ourense. Por fin recupera a liberdade pero o país estaba preso da ditadura. Marcelina tería que actuar de xeito reservado para evitar unha nova detención.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Consulta Expediente no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Sig: 24055/029.)