Etiquetas

Mostrando entradas con la etiqueta S. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta S. Mostrar todas las entradas

31 mayo 2026

A MULLER E O SERVIZO SOCIAL. UNHA MEDIDA DE CONTROL SOBRE AS MULLERES PARA GARANTIR O SOSTÉN DO RÉXIME

Dende logo, as mulleres ao longo da historia sempre foron obxecto de limitacións, controis e aleccionamentos. Foron o foco de atención por parte da xerarquía eclesiástica e de sistemas políticos opresores pois ben sabían do protagonismo que tiñan na conformación familiar. O franquismo, réxime dun autoritarismo férreo, volveu centrar a súa vista no novo modelo de muller que comeza a reclamar. Despois de ter pasado pola República durante a cal as mulleres gozaron dun estatus inédito de liberdade, emancipación e dereitos, o Franquismo volveu atalas insistindo na súa reeducación. 

O Servizo Social creado por Decreto o 7 de marzo de 1937 serviría para "adestrar" ás mozas de 17 a 35 anos, solteiras. Obrigóuselles a realizar durante seis meses unha serie de servizos públicos de balde agochando, en realidade, a finalidade de formalas nos aspectos nacional-sindicalista do réxime, nos aspectos relixiosos e domésticos. Para as estudantes, o Servizo Social constaba dun período de formación teórica (doutrina falanxista e relixión) e un período de prácticas (en hospitais, comedores sociais ou bibliotecas). 

(Fonte: La Región, 9 de xaneiro de 1938, p. 2.)

(Fonte: «Acción Social», La Región, 5 de xaneiro de 1938, p. 2)

Que acontecía se a muller quería realizar estudos de bacharelato e universitarios e despois traballar? pois polo Decreto do 28 de novembro de 1940 consolídase a obrigatoriedade de presentar o certificado para o exercicio de funcións públicas e obtención de títulos. 

Vexamos como era a normativa para cada caso:

Ámbito de estudos

Normativa específica

Requisito principal

Bacharelato e Títulos Medios

Orde do 21 de marzo de 1940

Esixía o certificado do Servizo Social para a expedición de títulos de Bacharel, así como para calquera grao de formación técnica media.

Universidade e Escolas Superiores

Orde do 3 de xuño de 1940

Establecía que ningunha muller podía recibir o título oficial de licenciada ou doutora sen acreditar o cumprimento do Servizo Social.

Maxisterio (Escolas de Maxisterio)

Orde do 14 de maio de 1941

Especificaba a obrigatoriedade para as alumnas que remataban os estudos de Maxisterio. Sen o carné do Servizo Social, non podías presentarte a oposicións nin exercer.

Enfermaría, Matronas e Practicantes

Orde do 27 de xaneiro de 1945

Prohibía a expedición do título e o ingreso nos colexios profesionais de Auxiliares Sanitarios (onde se incluían as matronas e enfermeiras) sen o certificado.

Estudos de Comercio e Secretariado

Decreto do 25 de xaneiro de 1941

Obrigatorio para obter o título de perito ou profesor mercantil, fundamentais para o acceso ao mundo laboral administrativo.

Temos que imaxinar os atrancos que isto supuña para as mulleres, en especial aquelas que querían sacar adiante os seus estudos e as súas carreiras universitarias. Algunhas ata viñan desprazadas dende outras provincias para realizar o Servizo nun lugar concreto, como se recolle na seguinte noticia:

(Fonte: El Correo Gallego, 7 de xullo de 1962, p. 5.)

Practicamente todas as mulleres veranse forzosamente a realizalos pero tamén podemos pensar que moitas quixeran evitalos. Había a posibilidade de quedar exenta de face o Servizo Social? Pois di, as mozas podían librarse se alegaban, algún defecto físico, ser filla de caído na guerra ou de mutilados, ou haber participado activamente coa Falanxe, ou que desempeñaran antes algún traballo remunerado....Algunhas tamén buscaban medios menos "oficiosos" e presentaban papeis, digamos que falsos, para evitar o trámite. Non obstante, non era fácil librarse de facelos. 

Por último, a persistencia deste Servizo acadou ata 1975.

(Fonte: «Justificación del Servicio Social», La Región, 8 de febreiro de 1938, p. 3.)
O Servizo Social estaba dirixido pola Sección Feminina e hai que entendelo como un verdadeiro control social sobre as mulleres pois o réxime fixo delas as depositarias dos principios do franquismo.
Onde realizaban a ourensás o Servizo Social? pois principalmente no Hospital central, ou comedores sociais como o da Barrera, ou na Cruz Vermella e, sobre todo, nas cátedras ambulantes.

Vid entre outros: Roda Alcantud, Cristina. “Las mujeres en la universidad durante el franquismo: el Servicio Social obligatorio como forma de discriminación”. En Las mujeres en la universidad durante el franquismo, coordinado por Yolanda Romano Martín, Sara Velázquez García y Mattia Bianchi, 61–73. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca / Universidad de Salamanca, 2018. Fotografía da entrada é unha recreación realizada con IA.

24 mayo 2026

JAVIERA ELISA SUÁREZ PARADELA

A historia do maxisterio en Galicia está chea de historias complexas. Un dos casos é o de Javiera Elisa Suárez Paradela, quen foi mestra na escola mixta de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus (Ourense). A súa traxectoria vital amosa as dificultades profesionais dunha muller que tivo que loitar por recuperar o seu posto de traballo a principios do século XX.

Aínda que Javiera obtivo o título superior de mestra en 1895, a súa carreira viuse truncada moi pronto. En 1897, mentres exercía en Nocelo da Pena, abríuselle un expediente por abandono de destino.

Este proceso non foi sinxelo nin rápido pois inicialmente, sufriu unha suspensión de emprego e medio soldo que se alongou durante cinco anos, desde o 9 de marzo de 1897 ata o 17 de xuño de 1902. Esta suspensión foi o avance dunha sanción moito máis grave: a separación definitiva do maxisterio.

Tras pasar anos apartada do ensino, en 1920 Javiera decidiu solicitar un indulto para poder volver exercer a súa profesión. Para conseguilo, tivo que demostrar que cumpría con requisitos estritos: Contar con menos de 50 anos de idade, acreditar boa conducta e aptitude física e mental para o ensino e probar que pasaran máis de cinco anos dende a súa separación do corpo de mestres.

O Consello de Instrución Pública analizou o seu caso e determinou que a sanción anterior non debía considerarse como unha reincidencia, senón como parte do mesmo proceso administrativo orixinal. Finalmente, en xuño de 1920, o Rei concedeu o indulto solicitado.

Grazas a este perdón oficial, Javiera puido volver ás aulas en 1921. A súa nova etapa levouna por diferentes destinos na provincia de Ourense: á escola de Nogueira e Carzoá (Cualedro) e Curbillón (A Merca).

Porén, a súa vida profesional volveu verse golpeada pola represión política. En 1942, no marco da depuración do maxisterio nacional tras a Guerra Civil, foi sancionada de novo. Nesta ocasión, sufriu un traslado forzoso dentro da provincia e quedou inhabilitada para exercer cargos de confianza en institucións culturais e de ensino.


(«Personal de Magisterio», Boletín Oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, nº 54, xullo 1920, p. 15-16.)

(O texto recolle o expediente de indulto de Javiera Elisa Suárez Paradela, mestra que foi da escola mixta de Nocelo de Pena (Ourense). Solicitou o indulto da pena de separación definitiva do Maxisterio, imposta por abandono do destino. Acompañou documentación que acredita boa conduta, aptitude física e mental para o ensino, e que pasaran máis de cinco anos dende a separación, sen ter cumprido 50 anos. O inspector de primeira ensino informa favorablemente, pero lembra o disposto no Real decreto do 30 de xaneiro e a Real orde do 20 de febreiro. Non se considera reincidencia, xa que a suspensión de emprego e medio soldo sufrida entre 1897 e 1902 foi un paso previo á separación definitiva. O negociado e sección do Ministerio, así como a Comisión permanente do Consello de Instrución pública, opinan que procede conceder o indulto.)

Vid: «Junta de Instrucción Pública», Boletín Oficial de la Provincia de Orense, 1896, nº 6, p. 1; «Sección de Noticias», El magisterio gallego,  xuño de 1896, nº 588p. 3; «De Instrucción Pública», El Compostelano, 13 de xullo de 1920, p. 2; «Sección Administrativa de Primera Enseñanza», La Región, 15 de setembro de 1921; «Del Magisterio», La Región, 15 de decembro de 1925, p. 1; «Información del magisterio», Galicia, 12 de agosto de 1930, p. 1; «Depuración del Magisterio Nacional», El Pueblo Gallego, 16 de xaneiro de 1942, p. 5.

18 mayo 2025

CATALINA SÁNCHEZ PRIETO

Catalina era filla de Clemente e Tomasa. Naceu nun pobo de A Veiga, do concello de O Barco de Valdeorras, era viúva e tiña tres fillos. A súa vida transcorría no pobo onde se dedicaba a traballar as terras. Pero o 10 de setembro de 1941 a súa vida cambiou cando foi detida pola Garda Civil por orde do Xuíz de Fuxidos acusada de protexer aos que se atopaban no monte.

De inmediato foi trasladada ao Cárcere de Ourense:

(Fonte: AHPOU. Expediente de Catalina Sánchez. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25143/001. Caixa 25143/001 (4))

O día 12 de novembro de 1941 ratifícase a prisión provisional para Catalina, polo que continuou presa en Ourense. Alí permanecería ata que uns meses máis tarde, o 4 de febreiro de 1942 o Xuíz Instrutor envía un escrito no que se indica o sobreseimento da causa e, polo tanto, a posta en liberdade de Catalina.

Foron case seis meses o tempo que estivo Catalina sufrindo o cárcere por sospeita de auxilio a fuxidos. Desde logo unha experiencia bastante traumática polos tempos de grande incerteza que corrían coa ditadura.

Catalina logrou salvarse e voltar ao seu fogar. Segundo consta no seu expediente era unha muller bastante humilde economicamente falando e carecía de instrución. Moitas mulleres rurais, malia súa vida limitada, foron ousadas para agochar aos perseguidos.

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso do ano 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2240. Libro 2240. (324)

(Elaboración a partir dos expedientes)

02 marzo 2025

ÁNGELA SAMPEDRO PIÑEIRO

Ángela foi encarcerada no Cárcere de Ourense o 30 de abril de 1949. Foi procesada polo delito de auxilio. Foi a segunda muller de Juan Sorga Rodríguez, guerrilleiro antifranquista, co que tiña dous fillos, e era a nora de Antonia Sorga que tamén sufríu o cárcere.

Naceu en Codosedo, Xinzo da Limia en 1905. Ela residía en Pazos e dedicábase aos labores da casa e á facenda do campo. Foi detida cando tiña 41 anos acusada de "supuesto delito de auxilio a bandoleros". 

(Fonte: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25140/013.Caixa 25140/013 (4)).
A pena pedida pola fiscalía era de cinco anos de prisión menor e accesorias mais o Consello militar acordou a pena de oito meses de prisión menor. Ángela permaneceu na prisión de Ourense desde abril de 1949 ata decembro de 1949, concretamente, o 29 dese mes e ano foi posta en liberdade. 

Non obstante, pouco ía durar a súa liberdade pois o Xuíz envía o 18 de xaneiro de 1950 o seguinte comunicado ao Gobernador Civil de Ourense:
Excmo. Sr.: Tengo el honor de dirigirme a V.E. para manifestarle, que por el Juzgado Militar, sito en la zona de reclutamiento de esta Capital, ha sido puesta en libertad ÁNGELES SAMPEDRO PIÑEIRO, hija de Lorenzo y Dolores de 41 años de edad, natural y vecina de Pazos de Sarreaus, Ginzo, en esta provincia, y apareciendo con otra responsabilidad, ruégole tenga a bien dar la órdenes oportunas para que sea ingresada nuevamente en este establecimiento y a disposición del Juzgado Militar nº 2 de esta ciudad. (1). 

Así que Ánxela foi, de novo, detida o 23 de xaneiro de 1950. Pero, concretemos os acontecementos. A causa contra Ánxela era a 138 do ano 1949 e nela indicábase que era a muller do coñecido "bandolero" Juan Sorga e que facilitou víveres  e aloxamento  na súa casa a"partida de malhechores capitaneada por su esposo durante os primeiros meses do devandito ano. Este feito calificouse por parte do Fiscal Xurídico Militar da Rexión como delito de auxilio a componentes de partidas armadas dedicadas á bandidaxe. 

Este feito estaba penado no artigo sexto do Decreto Lei do 18 de abril de 1947, por conseguinte, impúxoselle unha condena de dous anos de prisión menor e accesorias. A defensa de Ánxela, argumentando certos atenuantes, solicitou a absolución e caso de non concedérlla, pediu a redución da pena a seis meses e un día de prisión. Pero a acusación manifestou que Ánxela non só acubillara ao seu home, senón que tamén agochou a compañeiros deste e como debían tamén sancionar con "exemplaridade" que:

La Autoridad Judicial en orden a la procedencia de imponer la pena en la extensión por ella señalada, en atención a la necesidad de sancionar con ejemplaridad hechos que como el enjuiciado perturban gravemente la convivencia social y el Orden público y deben ser cortados en su raíz por todos los medios legales, máxime en Regiones como la de Autos, donde se padecía por aquellas fechas un bandolerismo que tanto daño ocasiona a nuestra Patria...(2)

Entón ditaminouse que:

Vistos los artículos citados y demás de general aplicación, FALLAMOS, que debemos revocar y revocamos la sentencia dictada por el Consejo de Guerra que vio y falló la presente causa y que debemos condenar y condenamos por los fundamentos de hecho y derecho consignados en el Cuerpo de esta sentencia a la procesada ÁNGELA SAMPEDRO PIÑEIRO, a la pena de DOS AÑOS de prisión menor y accesorias de suspensión de todo cargo público, profesión, oficio y derecho que sufragio durante el tiempo de la condena para cuyo cumplimiento le será de abono toda la prisión preventiva sufrida, y sin que haya lugar a exigir responsabilidades civiles.(3)

Pero, tras este procedemento levouse a cabo o examen da condena de Ángela e acordouse a concesión do indulto por parte do Xuíz Militar en atención ao Decreto do 9 de decembro de 1949
(Fonte: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25140/013.Caixa 25140/013 (02).

O cárcere de Ourense volve recibir a Ángela que en marzo dese mesmo ano envía do seu puño e letra unha carta  ao Director da prisión solicitando que dera curso da súa boa conduta. A situación era verdadeiramente delicada pois a Ángela foille imposta unha condena de dous anos de prisión.

(Fonte: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25140/013.Caixa 25140/013 (12).
O 27 de marzo de 1950 cúrsase á Capitanía Xeral da Oitava Rexión a instancia en solicitude de indulto con certificado de conduta e, por fin, o 10 de abril de 1950 senténciase o indulto e Ánxela foi posta en liberdade.
(Fonte: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25140/013. Caixa 25140/013 (13))

(1)Expediente. 25140/013 (8). (2) Expediente. 25140/013 (15). (3) Expediente. 25140/013 (15).

Elaboración propia a partir do Expediente persoal da reclusa Ángela Sampedro Piñeiro.. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25140/013.Caixa 25140/013..

19 febrero 2025

ANTONIA SORGA RODRÍGUEZ e ENCARNACIÓN CAMPOS SORGA

Antonia Sorga era natural de Pazos de Codesedo, Xinzo da Limia, onde naceu en 1890. Foi detida o 1 de xullo de 1948 pola Garda Civil e foi posta á disposición do Gobernador Militar para ser interrogada. Outra vítima da ditadura.

Seus pais eran Luís e Encarnación e seu home era Honorino Campos e residía en Pazos onde tiñan unha taberna. O matrimonio tiña dous fillos e unha filla, chamada Encarnación Campos Sorga, que tamén foi reclamada para ser interrogada. 

Antonia tivera un fillo de solteira que era Juan. Foi un guerrilleiro antifranquista dun grande activismo. Co estoupido da guerra civil foi reclutado polo exército republicano e de seguida ascendeu. Cando finou a guerra e a República foi vencida marcha a Francia e estivo no campo de concentración de Argelès-Sur-Mer pero veu deportado a España. Incorporouse á guerrilla de Galicia.  Estivo nun grupo no que estaban, entre outros, Camilo de Dios. A segunda muller de Juan foi Ángela Sampedro que foi detida por agochar ao grupo liderado polo seu home.

O motivo do encerro de Antonia e Encarna foi porque Honorino, o home e pai respectivamente, estaba en búsqueda e captura e tamén porque Juan, que fora detido o 13 de xullo de 1948 pola Garda Civil e conducido a Pazos pero conseguiu escapar xa que Honorino, seu padrastro, dera aviso aos guerrilleiros da zona e estes asaltaron á Garda Civil. 

O interrogatorio ás dúas mulleres foi levado a cabo o día 22 de xullo de 1948, tras o cal, as detidas foron conducidas, de novo, ao cárcere de Ourense:

Con el fin de ser sometidas a interrogatorio ante la Guardia Civil de la 239 Comandante de esta plaza, sírvase V.S. hacer entrega de las reclusas del establecimiento de su digna dirección Antonia Sorga Rodríguez y Encarnación Campos Sorga, al Agente portador del presente escrito, debiendo ser restituidas nuevamente a esa Prisión una vez sometidas al interrogatorio citado y caso de no efectuarse me dará cuentas oportunamente. (1).

Sometida ao Consello de Guerra ordinario foi condenada a 8 meses de prisión menor por agochar na súa casa guerrilleiros (2). Rematada a condena foi posta en liberdade o día 14 de marzo de 1949.

Non obstante, o control sobre Antonia non deixou de exercerse e sería detida, de novo, en setembro de 1949 e conducida á Prisión de Ourense por unha causa vinculada a Dolores Lamela Lozano. Antonia conseguiría a liberdade o 11 de febreiro de 1950.

(Fonte: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25151/042. Caixa 25151/042 (10))

(1)ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25151/042. Caixa 25151/042 (4)(2)https://historiadexinzo.wordpress.com/2021/07/05/memoria-historica-doutras-mulleres-represaliadas-da-limia-1936-1950/. Vid Juan Sorga. Wikipedia.

11 febrero 2025

CONCEPCIÓN SANTIAGO GARCÍA

Debo agradecer, encarecidamente, a colaboración de Luís, fillo de Concepción, que me indicou datos máis exactos sobre Concepción Santiago e me facilitou a bonita fotografía que encabeza a entrada.
 
Concepción, naceu en Arzádegos o 18 de maio de 1905. Matriculouse no Instituto Provincial de Ourense de 1923 a 1926 onde tivo unhas cualificacións brillantes obtendo varios premios extraordinarios. Co título de bacharelato pasou á Normal de Ourense para facer a carreira de Maxisterio. 

En 1931 participou nos cursiños de selección profesional que se convocaron nese ano. En 1933 déronlle a praza de interina na escoliña de Mandín, en Verín e, ao ano seguinte, en 1934, foi destinada á escola de Celanova. 

Estando nesta escola foi sometida ao proceso de depuración e en 1942 foi sancionada co traslado forzoso dentro da provincia por un período de un ano e inhabilitada para o desempeño de cargos directivos e de confianza. 

Súa irmá, Milagros, tamén fora sancionada co traslado forzoso dentro da provincia e seu irmán, Eduardo, estaba afiliado a A.T.E.O e fora destituído da súa escola. Poida que o motivo da depuración de Concepción fose precisamente este feito de que seu irmán pertencese á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense. Esta asociación era considerada subversiva e comunista. As familias dos afiliados tamén quedarían marcadas pola ditadura.

Casou con Luís García Danoz que foi tenente mutilado e alcalde de Vilardevós. O matrimonio tivo dous fillos chamados Jacinto Luís e Julio. 

Vid: Arquivo Otero Pedrayo. Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1923. 1923-1926; (155/1.9); Arquivo Xeral da Administración. Expedientes de Depuración de maestros Nacionais. Sig. 32/12807; Títulos de Bachiller. (1926, 19 novembro). La Región, p. 1; Información del magisterio (1931, 13 setembro). Galicia, p. 3; Nombramientos de interinos. (1933, 12 de xaneiro). Galicia, p. 1; Información del magisterio. (1934, 13 novembro). Galicia, p. 5; Esquela. (1971, 10 xullo). La Región, p. 17.

10 febrero 2025

MILAGROS SANTIAGO GARCÍA

Antes de nada quero agradecer a Mila, neta de Milagros, e por extensión a toda a súa familia, por poñerse en contacto comigo e ofrecerme tan xenerosamente a fotografía que encabeza esta entrada. Xestos como este son moi emotivos pois contribúen a poñerlle rostro ás nosas mulleres permitindo que nos acheguemos máis a elas e á súa historia.

Milagros naceu en Vilardevós o 14 de marzo de 1908. Estudou a carreira de maxisterio para dedicarse á docencia pero, lamentablemente, tamén sufriu a depuración como tantos mestres e mestras da provincial. Preparou os Cursiños de Selección na afamada Academia Xesta, dirixida polo director da Biblioteca Provincial, don Juan Fernández Pérez, e superounos con éxito en 1934. Casou con Juan Ausín Nogueira. 

Un dos seus primeiros destinos sería a escola de Servoi na comarca de Castrelo do Val. Era unha mestra que destacaba polo seu labor pedagóxico e intelectual. 

Estando en Freás sería denunciada e foi obxecto de vixanza por parte da Comisión Depuradora de Ourense ata que, finalmente, foi suspendida de emprego e soldo por período dun ano con traslado forzoso dentro da provincia. Como moitas mestras a denuncia non tiña base ningunha, de feito Milagros era unha muller moi devota, pero os primeiros anos do franquismo foi tremandamente inflexible cos docentes. Os seus irmáns tamén sufriron a represión xa que seu irmán, Eduardo, estaba afiliado a A.T.E.O fora destituído e súa irmá Concepción, mestra en Celanova, foi obxecto tamén de sanción.

Foi destinada de xeito forzoso á escola de Correxais, San Pedro de Correxais, en Villamartín de Valdeorras. Unha escola remota e lonxana que supuña un duro castigo. Continou exercendo con dedicación e vocación e un dos seus destinos finais foi a escola de Zos en Trasmiras. 

Faleceu en 1972, cando tiña 64 anos, e os seu alumnado lembrouna dedicándolle unha bonita carta de despedida que, entre outras cousas dicía:

...ella no regateaba esfuerzos, hizo de su vida un apostolado y se entregó de lleno a su vocación pedagógica, siempre esforzada y sacrificada. Mujer profundamente religiosa, de una humanidad insuperable, supo inculcar en todos los que tuvimos la fortuna de ser alumnos suyos los sentimientos que ella llevaba consigo de amor al prójimo, respeto mutuo y convivencia. Muchos de nosotros, repartidos por diferentes partes del mundo le debemos lo que somos. Maestra, incomparable, madre espiritual de todos nosotros..." (1)

Houbo máis notas de prensa que amais de destacar a súa bondade da mestra tamén falaban da súa profesionalidade e implicación coa ensinanza. Mestras que levaron os saberes aos pobos remotos e, malia ser reprendidas e castigadas, a súa vocación non minguou nunca.

Vid: El magisterio español, 28 de xuño de 1934, p. 23; Galicia, 11 de xaneiro de  1934, p. 6; La Región, 16 de xullo de 1940, p. 2; "Relación de maestros de esta provincia que han sido sancionados por la Comisión Superior Dictaminadora del Ministerio de Educación Nacional", La Región, 8 de maio de 1940, p. 3; (1)  "Ha muerto nuestra maestra", La Región, 15 de marzo de 1972, p. 10; La Región, 13 de abril de 1972, p. 10.

12 enero 2025

AGAPITA SERRANO PÉREZ

Sei que neste blog hai mulleres que non eran oriúndas de Ourense pero o motivo que me leva a incluílas é porque estiveron vivindo moitos anos na cidade desempeñando o seu labor profesional. 

Moitas delas foron profesoras e, é evidente, que tiveron que deixar unha pegada importante no seu alumnado, sobre todo feminino. Serían para as nosas ourensás, un referente, un exemplo a seguir, unha constatación de que é posible subir chanzos na igualdade. 

Sei que moitas delas eran conservadoras e tradicionalistas  pero na miña opinión demostraron cos seus actos, coa súa progresión e prosperidade social e profesional, sen querelo ou non, que as mulleres tamén son mentes intelixentes e contribuíron aos avances sociais. 

Pois ben, unha desas mulleres que quero destacar aquí é Agapita Serrano Pérez que veu destinada ao Instituto de Ourense en 1960 como catedrática de Latín e converteuse nunha muller recoñecida na cidade pola súa erudición e intelecto.

Naceu en La Fregeneda, Salamanca, o 20 de agosto de 1928. Licenciouse en 1950 en Filosofía e Letras na especialidade de Clásicas. Tamén se titulou en Maxisterio de ensinanza secundaria. En 1954 completou os seus estudos en Italia por medio dunha beca.

Comezou traballando no ámbito da arqueoloxía e formou parte do Seminario de Arqueoloxía da Universidade de Salamanca. Mentres tanto comeza a súa tese de doutoramento e comeza a publicar artigos e libros en diferentes revistas especializadas en arqueoloxía.

En 1958 oposita para dedicarse á ensinanza e, tras aprobar, deixa a actividade arqueolóxica para emprender a función docente. 

Concedéronlle a praza no Instituto Provincial de Ourense en 1960 e en moitas ocasións era ela a que daba os discursos inaugurais de curso pronunciando conferencias de grande calado intelectual e temas variados sobre ensinanza, o latín, a cultura clásica. Unha destas disertacións levaba o título "El valor educativo del latín según las nuevas tendencias" na que defendeu o valor das linguas clásicas contra a opinión de que son linguas mortas pois elas eran a base dos idiomas actuais. Noutra ocasión disertou sobre "El drama íntimo de Séneca".

(Fonte: Inauguración del curso en el Instituto. (1960,12 de outubro). La Región, p. 1).
Cando se produciu a división da ensinanza secundaria creándose o Instituto masculino e o Instituto feminino en Ourense no ano 1966, Agapita Serrano foi nomeada para impartir como catedrática no Instituto de recente creación masculino que estaba situado na Ponte.

                             
                                    (Fonte: Boletín Oficial do Estado. Autoridades y personal. 15 de abril de 1966, nº 90, p. 4478)

Vid: Sánchez Polo, Alejandra 2022. En Proyecto Arqueólogas. Pioneras. URL: https://arqueologas.es/serrano-perez-agapita (url consultada 8 de xaneiro de 2025); A 7326 alumnos asecendió la matrícula de enseñanza media. (1960, 11 de outubro). la Región, p. 3.

06 octubre 2024

REMEDIOS SÁNCHEZ MARTÍNEZ

Remedios naceu en Parada de Amoeiro e era irmá de Cástor Sánchez, que era canteiro e un destacado dirixente agrarista que marchou a Francia en 1919 para escapar das represalias. Volveu en 1921 e fundou no seu pobo a UXT e a Agrupación Socialista. Coa República ocuparía o cargo de alcalde e redactou artigos nos xornais La Zarpa e La Lucha pero, tras o golpe de estado do 1936 foi detido, e fusilado.

A súa irmá compartiría con el os ideais socialistas pois así quedou de manifesto nas súas colaboracións no xornal La Lucha, Órgano de la Agrupación Socialista y de la Federación Agraria de la Provincia. Destacouse por avogar polos dereitos das mulleres que ela sempre defendeu, polas súas críticas á Igrexa pois dita institución as mantén subxugadas e submisas; " completamente sumida en la más nefanda esclavitud de la iglesia, fiándose en absoluto de todo cuanto le dice el cura" e, por suposto, pola defensa dos principios socialistas pois como dicía "El partido socialista es el único libertador de nuestra clase". 

Remedios, na liña de Vitoria Kent, manifestou o seu temor de que se volva en contra o novo dereito do voto da muller xa que esta estaba moi influenciada pola Igrexa, por iso apelaba ferventemente a que todas as mulleres espertasen do letargo e apoiaran ao Partido Socialista, que era o único que podía sacalas da excravitude. Consideraba que as mulleres podían supoñer un medro enorme do socialismo por iso arengaba a todas, casadas, solteiras, viúvas, novas e vellas...

CRÓNICA DE AMOEIRO. Para mis conciudadanas

Desde que llegó a mis manos el boletín de inscripción para el censo electoral, ni un solo instante se ha borrado de mi mente el espectáculo político que va a presentarse en las primeras elecciones donde vamos a tomar parte las mujeres, si de nuestra propaganda no se cuidan los partidos verdaderamente organizados de izquierda, siendo el único el Socialista; yo no sé cual será el resultado de este ascenso, dos inconvenientes me combaten a la vez, como son pena y alegría a un mismo tiempo.

Siento alegría y mucha por ver llegado por fin el momento en que los legisladores, los hombres que actualmente gobiernan la política de España, han concedido a la mujer un derecho que no sabemos hacer uso de él, tenía yo grandes entusiasmos por este concepto; las mujeres somos las que con gran superioridad a los hombres sabemos administrar el hogar, y esta misma condición debiéramosla tener para administrar los destinos de la nación, yo siento alegría, por ver en este caso, satisfechos mis deseos, porque siempre he luchado en contra de que no hay derecho, en que las mujeres estuviéramos vedadas a contribuír con nuestra humilde opinión a votar los destinos del país, ahora logrado este tan sentido afán, también me apena grandemente en que desconfío, en que en cuanto llegue el primer momento de nuestra intervención, no sé cual será el riesgo que correrá nuestra política; pues la mujer campesina suma un número muy elevado y se halla completamente sumida en la más nefanda esclavitud de la iglesia, fiándose en absoluto de todo cuanto le dice el cura, no se da cuena de que existe un partido Socialista, un partido que es el único por el cual tenemos que luchar las mujeres proletarias, pues solo este tiene un programa que se interesa por nuestras miserias. He aquí mi pena y alegría que aun mismo tiempo me combaten, alegría, porque nuestra acción pudiera ser la avalancha del socialismo español; mi pena, porque esto se pudiera convertir en un resultado muy opuesto, por la falta de idealidad en la mujer e inclusive por la propaganda sediciosa a tal fin.

Por ello yo quiero levantar el más alto grito para mis compañeras de infortunio, solo quisiera que el eco de mi voz pudiera llegar a todos los hogares, desde los más altos a los más recónditos, para decir a todas las mujeres ¡despertad!, de ese letargo en que os encontrais sumidas, ¡despertad!, que la nueva Aurora a asomado (sic) ya, la nueva política del país llama por nosotras, no os dejeis (sic) engañar una vez más, dejad de incaros de rodillas en esos claustros fríos, inclinando vuestra cerviz ante imágenes en nombre de los cuales se os explota los recursos conque habeis de aliviar el hambre de vuestros pequeñuelos.

Casadas, solteras y viúdas, jóvenes y viejas, las puertas del gran edificio social, están abiertas de para en par para cobijarnos a nosotras, el partido Socialista, es el único libertador de nuestra clase, la gran falange proletaria es la que engrosa las filas de este ejército invencible, nuestros niños, que con sus escuálidos cuerpos rebrincan por los montes y campiñas, distrayendo el hambre que la mayor parte de las veces no podemos satisfacer, nuestros hermanos padres y mardiso, también semidesnudos, cubiertos con malas piltrafas cual harapos desechados por mercaderes, los que revuelven la tierra con el de arriba para abajo regándola con gotas de sudor cual perlas de oro producidas por un esfuerzo muscular acompañado de las más duras inclemencias atmosféricas, para después de tanta fatiga poder arrancar a la naturaleza, todo lo bueno que existe, los más esquisitos manjares, los que en su mayoría están vedados a disfrutarlos, hoy que son derrochados por toda esa caterva parasitaria que de nada sirve a la humanidad. 

Sánchez Martínez, R. (1932, 19 marzo)."Crónica de Amoeiro". La Lucha, p.5.

28 septiembre 2024

PAZ SUEIRO MARTÍNEZ (PACITA)

(Reposición e actualización da entrada de Paz Sueiro Martínez, publicada no blog en marzo de 2010.)
É moi alentador e tamén motivo de grande ledicia que as familias das nosas mulleres ourensás se poñan en contacto comigo e me faciliten máis datos para que a información sexa veraz e o máis completa posible. Non hai mellor homenaxe para elas que contar a veracidade dos seus logros. Neste caso, agradezo encarecidamente a Gonzalo Iglesias Sueiro que me ilustrara máis sobre a súa nai, seu avó e sobre a súa familia, unha grande mostra de xenerosidade pola súa parte que non esquecerei.

Paz Sueiro, coñecida popularmente como Pacita,  naceu en Ourense e era filla de Manuel Sueiro Iglesias e de Carmen Martínez Padrón. Os seus irmáns eran Gerardo (médico), Francisco e José (mestre).

Foi a directora do Colexio Sueiro. Exerceu como docente dende os dezaseis anos continuando co labor do seu pai, Manuel Sueiro, fundador do Colexio Sueiro de Ourense. 

Casou o 7 de febreiro de 1945 con Antonio Iglesias Vázquez e tiveron catro fillos, Manolo, Gonzalo, Carmen e Julia. Tanto Gonzalo como Carmen estarían moi vinculados co Socialismo e ocuparon cargos políticos, seguindo a senda do seu avó, Manuel Sueiro. Antonio Iglesias, un home de grande afabilidade, faleceu en 12 de novembro de 1968.

(Fonte: El Pueblo Gallego, 12 de novembro de 1968, p. 10).
Manuel Sueiro, o pai de Pacita, foi un home feito a si mesmo. Un home que vivíu para o maxisterio e unha persoa moi comprometida. Formou parte das Xuventudes Socialistas ocupando en 1914 o cargo de secretario cando Manuel Suárez Castro era o Presidente de dita agrupación. Foi o director do Colexio Sueiro que estaba situado na Rúa Liberdade, número 28. Impartíase ensinanza graduada e secundaria e resultou ser un centro de referencia na capital. Un centro que para os tempos era innovador pois inspirábase nos principios da Institución Libre de Ensinanza. 
 (Fonte: La Región, 17 de agosto de 1922, p. 1)


(Fonte: Academia Sueiro. Fotografía particular da autora do blog).
Manuel foi Asesor Consejero da ATEO polo que sería depurado en tempos da ditadura pois o franquismo foi implacable cos membros desta Asociación de Traballadores do Ensino que querían procurar un cambio na ensinanza e a rexeneración e culturización da sociedade. Manuel foi inhabilitado e quitáronlle o Colexio e foi nese momento cando súa filla, Pacita, se fixo cargo del. Manuel faleceu o 31 de xaneiro de 1962. A cidade de Ourense ten unha praza para lembrar a este grande pedagogo. Praza que se sitúa onde a Rúa Liberdade por onde estaba o colexio.

(Fonte: Praza de Manuel Sueiro. Google Maps)
Pacita como directora do centro vai continuar a liña e o espírito de ensinanza que marcara seu pai . O centro trasladouse da Rúa da Liberdade a rúa Parada Justel, números 6 e 8, unha rúa de nova creación e bastante céntrica xa que estaba ao carón da Alameda.
(Fonte: Anuncio (1966, 18 setembro). La Región, p. 3)

Pacita era unha muller de carácter, de ideas avanzadas que xestionou o centro con plena dedicación, ofrecendo unha ensinanza mixta, moderna e avanzada. O centro baseaba a súa filosofía nunha ensinanza activa na que o alumnado convertíase no eixe principal da pedagoxía e didáctica. Era un centro dinámico pois adoitaba a participar nos diferentes eventos culturais que había na cidade (festivais, exposicións, conmemoracións...) así como a concursos escolares nos que o centro sempre acadaba varios premios. Así mesmo desde o centro organizábanse veladas artístico-musicais que se anunciaban na prensa para o disfrute de alumnos e alumnas e proxenitores. Non cabe dúbida que se converteu nun centro de referencia para a cidade e o seu alumnado adoitaba a ir moi ben preparado para o ingreso no Instituto Provincial pois o nivel de esixencia era moi alto e cóntame Gonzalo que xa introducían a regra de tres aos nenos e nenas de oito anos.

Tamén o colexio dáballe moita importancia a aprendizaxe dos idiomas, emporiso ofrecía cursos especiais de francés seguindo a metodoloxía da Alianza Francesa de París para acadar un elevado grao de dominio.
(Fonte: Anuncio (1968, 25 de agosto). La Región, p. 3.)

(Fonte: De exámenes. (1952, 26 xuño). La Región, p.2.)

Paz, Pacita, faleceu o 31 de marzo de 1998 e atópase enterrada no cemiterio de San Francisco. Ourense quixo renderlle tamén un tributo nomeando unha rúa preto do Campus de Ourense: "Rúa da Mestra Paz Sueiro", bonito recoñecemento o de poñerlle "Mestra" pois así foi, mestra vocacional, esixente e entregada e debe permanecer na nosa memoria.

(Inauguración da Rúa da Mestra Paz Sueiro en febreiro de 2014)
O meu sinceiro agradecemento a Gonzalo Iglesias e por extensión a toda a súa familia por facilitarme información e as fotografías de Pacita Sueiro. 

Vid: Interesante a referencia a Manuel Sueiro Iglesias de: Gonzalo Iglesias Sueiro "Papeles del abuelo visionario", La Región.; Hace 50 años. (1970, 7 de febreiro). La Región, p. 6; Anuncio (1968, 25 de agosto). La Región, p. 3.

21 julio 2024

MARÍA DE LOS DOLORES SANTA EUFEMIA FERNÁNDEZ

Naceu en Ourense e era filla de Francisco Santa Eufemia Fariña que era garda e Dorinda Fernández Fernández. O matrimonio tiña tres fillas chamadas, Rosa, Elisa e Dolores.

Dolores estudou no Instituto de Ourense onde ingresou no ano 1924  e estivo ata 1926.  Despois preparou na Academia Xesta os estudos de Maxisterio que renatou en 1930. En febreiro de 1934 casou co tamén mestre Abel Carbajales González, un home comprometido e afiliado á ATEO. Militante de Esquerda Republicana e Concelleiro de Celanova e que estaba destinado na escola de Ansemil. Dolores tamén estaría adherida á Casa do Mestre tan pronto como se constituíu, en 1935, polo que estaba claro que compartía os ideais e compromiso pola renovación pedagóxica e por unha escola social e igual para todos. 

Estivo destinada en diferentes escolas e sufriu a dura sanción que lle impuxeron ao seu home por pertencer á ATEO e á Casa do Mestre, como a todos os docentes afiliados á Asociación. Foron considerados comunistas e radicais ateos e laicos. Afortunadamente, Abel non foi separado do servizo grazas á intersección da súa muller, aínda que Dolores tamén foi obxecto de control e exame por parte da Comisión Depuradora pero, finalmente, foi confirmada na súa praza escolar.

En 1943 destinárona a San Martiño de Sabadelle no Pereiro de Aguiar e aínda exercía no ano 1971.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Tamén Vid: El pueblo gallego n 4 de xuño de 1930, p. 7; Galicia, 15 de febreiro de 1934, p. 6; Galicia, 15 de febreiro de1934; La Región, 12 de marzo de 1935, p. 6; La Región, 10 de maio de 1940, p. 3; La Región, 22 de marzo de 1967, p. 4.)

26 junio 2024

ELENA SERRANO GÁNDARA

(Entrada suxeita a publicación. Non permitida copia.)
Elena Serrano naceu o 4 de maio de 1878 e tiña o título superior de mestra. Comezou a traballar en 1894 e foi destinada á escola de Sanguñedo,Verea, na comarca de Maceda. En 1923 permutou a escola e foi como mestra en propiedade para a escola de nenas de Lampazas en  Rairiz de Veiga e estando neste destino foi cando a destituíron sen emprego e soldo durante tres meses pois cando requisaron o libro de A.T.E.O ela figuraba entre os afiliados. Tras cumprir a sanción, o párroco de Pentes, Sergio Barjacoba, enviou o 6 de outubro de 1936 unha denuncia na que se afirmaba que Elena defendera en abril de 1932 a un revolucionario do pobo de Zapeaus chamado "El cabezallos" que mereceu que un Tribunal Militar condenase a Elena ao desterro e ao pago dunha multa. En relación ao seu labor docente indicou que non sabía ensinar e que nunca quixo ensinar pois, segundo un escrito enviado pola inspección o 16 de outubro de 1936 indicouse que o seu labor docente era mediocre, que era deficiente e que consideraba oportuno darlle a xubilación: 
 
Se trata de una maestra del 2º Escalafón, maestra Superior, en cuyo expediente personal no aparece sanción alguna…teniendo por tanto mas de 40 años de servicios, lo cual permite su jubilación con la cantidad máxima, por todo lo cual, e inspector que suscribe estima debe jubilarse a la citada maestra.[1] 
 
O párroco ofreceu máis datos argüíndo que o Gobernador militar de Ourense castigouna con tres meses de suspensión de emprego e soldo; que o Comandante do posto da Garda Civil de Xinzo dixo que fora suspendida por tres meses por estar afiliada A.T.E.O co número 163 e que se afiliou a dita asociación en xullo de 1932. 

A Comisión foi solicitando os documentos pertinentes aos diferentes organismos, cargos institucionais e xentes do pobo  para cumprimentar o sumario. En xeral, ditos informes ofrecen unhas valoracións positivas sobre a mestra  aínda que, en efecto, algún destaca a súa pertenza a A.T.E.O, asociación considerada  moi radical. Un dos informantes foi Ventura Pérez, Rexente de San Xoan de Rairiz de Veiga (que xa lle fixera un certificado á Elena para que esta presentase na súa defensa), enviou á Comisión unha certificación con data do 26 de xaneiro de 1937 na que ratificaba que Elena sempre demostrou unha boa conduta e que o seu labor na escola era boa. O pai de familia, Leopoldo Álvarez, manifestou que o labor e conduta da mestra era bos e o Alcalde dixo que a súa conduta era intachable. O Comandante da Garda Civil de Xinzo indicou que non tiña coñecemento de que a mestra militase na Fronte Popular pero que si sabía que fora expedientada por tres meses por figurar no “periódico Ateo”. E xa por último, o Secretario da Comisión confirmou a afiliación de Elena á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense co número 163. 

Visto o sumario, a Comisión imputoulle catro cargos de carácter bastante grave pois nun afirmábase que Elena tivo toda a súa vida uns ideais revolucionarios, especialmente en 1936 ao estoupar o Movemento Nacional. Noutro aseverábase que defendeu a un revolucionario alcumado “El Cabezallo”. Outro cargo argüía que o seu labor como docente era deficiente e, por último, acusábana de estar afiliada á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense, A.T.E.O. 

Por conseguinte, a Comisión considerou que como a mestra xa tiña máis de corenta anos de servizos procederían á xubilación forzosa.

Elena levou a cabo a súa defensa emitindo un escrito con data do 22 de xuño de 1938 no que manifestou que era falso que ela fose revolucionaria pois sempre profesou ideas cristiás e llas inculcou á familia. O de relixiosa non se lle podía negar pois en 1919 ela adherírase á Asemblea de Afirmación Católica de Galicia. Afirmou que o promotor da acusación actuou malintencionadamente e por vinganza“sólo una venganza ruin y desalmada pudo caer sobre la que dice con hechos tan criminales porque ni en el año 1936 ni antes ni despues he variado de conducta envuelta siempre en el lema de las derechas con las que voté siempre…”[2]. Negou tamén que defendera ao revolucionario alcumado “Cabezallo”, que fora morto pola Garda Civil, e manifestou que o Cabezallo morrera a cincuenta metros da casa dela e no intre ela berrou que estaba morto e que ese home fora o causante da “intranquiliadde da alcaldía” e por ese motivo a Garda Civil sancionouna polo que dixo. Logo, con respecto ao seu labor na escola, indicou que sempre ensinou segundo o seu saber e xa, por último, afirmou que non estivo afiliada a A.T.E.O e que nunca recibiu a revista nin o periódico relacionado con ela.

Alegou diversos informes que falaban en beneficio dela como o escrito do xestor do Concello de Rairiz de Veiga que indicaba que Elena tiña unha conduta intachable. Por outra banda, o Xefe local da Falanxe dixo que a mestra nunca tivera ideas revolucionarias e que sempre fora unha persoa de ordenl Amais diso, explicou que tivo un fillo falanxista que marchara como voluntario á fronte para loitar pola patria O mesmo dixo o cura de Zapeaus e engadiu que non lle constaba que defendera ao revolucionario “El Cabezallo” nin que estivera afiliada a A.T.E.O. E. Outro escrito de Ventura Pérez, rexente de Rairiz de Veiga dicía que ela nunca mostrou ideais revolucionarios e que, pola contra, traballou polo triunfo das dereitas e que tampouco lle constaba que defendera ao Cabezallo nin que pertencera a A.T.E.O. Na mesma liña argumentou o Xuíz Municipal, José Torres González.

Neste proceso que xa levaba en curso catro anos, a Comisión Superior Ditaminadora de Expedientes de Depuración acopiara un grande dossier de documentos que, tras revisalos todos ditou sentencia propoñendo o 9 de marzo de 1940 que Elena se confirmara no cargo pero que se le levara a cabo o trámite administrativo de xubilación forzosa.

Ante dita resolución, o 12 de xullo de 1940 Elena enviou un escrito suplicando que tivesen a ben revisar o seu expediente para que se lle levantara a sanción. Para iso acompañou o seu escrito cunhas certificacións que acreditaban a súa boa conduta moral, relixiosa e patriótica. Entre os documentos que presentou estaba o do Xefe Local da Falanxe de Rairiz de Veiga que certificou que :

Elena Serrano Gándara, Maestra Nacional de Rairiz de Veiga ha demostrado en todo momento su decidida y entusiasta adhesión al Glorioso Movimiento Nacional, prestándose infinidad de veces a recaudar fondos para el mismo. Como hecho meritorio ha tenido el honor de que su hijo, comandara voluntario en la gloriosa fecha del 18 de julio de 1936, Camilo Alonso Serrano ha dado su sangre y vida por la Patria en los campos de Asturias.[3]

Pero a súa solicitude non tivo a resposta inmediata polo que Elena so quixo declarar máis argumentos para evitar a xubilación forzosa. Neste caso alegou nun escrito con data do 2 de maio de 1942 que, ademais do fillo que fora loitar na fronte asturiana no bando nacional e falecera pola patria, outro, chamado Eduardo, fora voluntario na División Azul para loitar contra o marxismo e tamén faleceu:
 
Pero a este mérito, solo apreciable por quien sabe el cariño y el amor de una madre, tengo que añadir un nuevo ofrecimiento, que si el primeiro desgarró mi corazón, éste me ha sumido en la mayor tristeza. Cuando la Rusia Soviética amenazó destruir a Europa y la civilización cristiana un puñado de valientes españoles formaron la División Azul a Rusia se fueron para combatirla y ahogarla; entre ese puñado de españoles también esta Maestra rural, tenía otro pedazo de su corazón. Enrolado en la División Azul marchó su otro hijo, Eduardo, siguiendo los sentimientos de su corazón…Y por Dios y España dio su vida en las estepas ruras con el espíritu de sacrificio, que siente todo buen español.[4]

Así pois, o Xulgado Superior de Revisións resolveu o 24 de xullo de 1942 de forma definitiva que Elena sería confirmada no seu cargo e se lle instruiría o expediente administrativo de xubilación. Tamén indicou que no escrito de denuncia do párroco se apreciou unha falta de obxectividade e que os informes solicitados ás autoridades da localidade foron moi favorables, malia que si se comprobou que en 1932 Elena se afiliara a A.T.E.O aínda que non chegou a ratificar a inscrición e ademais por iso xa fora castigada. Outro factor decisivo para actuar con certa lenidade foi a comunicación por parte do Tenente Muñoz Grandes e do Señor Ministro Secretario do Partido na que se indicaba que un fillo de Elena falecera en terras de Rusia loitando contra o comunismo:

No solamente por la inexistencia de acusaciones probadas, sino por tratarse de una madre que sufre el dolor profundísimo de la muerte de su hijo, héroe de la lucha anticomunista, que ya antes luchó voluntariamente en nuestra Cruzada de liberación, estimamos debe ser resuelto este recurso con la confirmación en su cargo sin sanción de clase alguna.[5]

Oito anos durou todo o procedemento, anos de sufrimento. A situación de control pola que pasaban os mestres e mestras durante ao Réxime facíase longa e custosa. Normalmente bastaba un escrito acusatorio para que o proceso comezase a avanzar. Eran numerosos os  escritos,  os documentos e os trámites duraban anos, durantes os cales os docentes tiñan vivían na máis evidente inseguridade sobre o seu futuro. Sabían que se os apartaban do seu cargo comezaba un tempo de escaseza e limitacións económicas e se había cargas familiares, a situación agravábase máis. Pero tamén era preocupante a sospeita que sobrevoaba sobre todos eles. Un estigma que acababan levando para sempre.

Elaboración propia a partir de diversas fontes. [1] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo da Administración, 32_12791_024_0020;[2] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo da Administración, 32_12791_024_0027; [3] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo da Administración, 32_12791_024_0006; [4] MINISTERIO DE CULTURA. Arquivo Xeral da Administración, 32_12791_024_0008; [5] MINISTERIO DE CULTURA. Arquivo Xeral da Administración, 32_12791_024_0003. Vid: Boletín Oficial de la provincia de Orense, 8 de xullo de 1896, p. 1;  Boletín oficial de la provincia de La Coruña, 23 de febreiro de 1905, p.4; El magisterio español, 24 de marzo de 1914, p. 14; El correo de Galicia , 27 de decembro de 1919, p. 1.