Etiquetas

Presentación do libro "O Rueiro que queremos. Feminino e Plural". 29 de marzo de 2023

 




Moi boas tardes.

É un pracer compartir este tempo con vostedes para facer a presentación do libro O rueiro que queremos. Feminino e Plural.

A miña intervención vai ser breve para evitar que o programa se dilate demasiado.

En primeiro lugar aproveito para dar as grazas públicamente á Directora do CIMM, Malena, por haberme proposto escribir as biografías de todas estas mulleres que, desexamos, acaben sendo memoria nos nomes das nosas rúas.

Cando Malena me chamou, lembro que a finais do 2018, para preguntarme se eu estaría disposta a realizar este traballo, sentime moi alagada. Eu levo anos na investigación das mulleres ourensás, un traballo que me agrada, polo que non podía negarme a dita petición.

Achegáronme todo o dossier das propostas e puiden comprobar, por unha banda, a diversidade de entidades, organismos, particulares que foron sensibles a esta iniciativa; e por outra banda decateime de que as mulleres mencionadas eran, sen dúbida, moi especiais e de grande relevo.

En efecto, atoparán neste libro a un rico elenco de mulleres que destacaron en diversos campos: hainas científicas, docentes, investigadoras, deportistas, músicas, artistas, inventoras…etc. Unha diversidade que dá mostras de que as mulleres son construtivas en calquera ámbito e que todas reforzan e apuntalan os piares da igualdade . Polo tanto, é un libro moi plural e cheo de cromatismo. Un libro que pretende non só informar, senón concienciar da valía da traxectoria destas mulleres.

Sobre como se elaboraron as biografías, direilles que se tiveron en conta todos os datos ou dossieres presentados polos propoñentes. Estes foron examinados e lidos de xeito exhaustivo e despois ampliados e complementados por outras fontes atopadas en arquivos, hemerotecas, biobliografías, etc…, incluso, nalgúns casos, conseguíronse relatos orais dos descedentes e coñecedores en vida destas mulleres.

É preciso destacar que o obxectivo principal para a redacción do libro era outorgarlle un enfoque humanístico, fuxindo das narracións asépticas ou frías nas que tan só se indicase datos simples do nacemento, traxectoria, logros etc.

Como digo, a perspectiva humana foi intencionada pois había que conseguir achegalas a nós, e por iso, nestas biografías procurouse trasladar a súa fala, os seus sentimentos ou os seus pensamentos.

Cremos que se conseguiu crear un libro fácil de ler, un libro dinámico e ademais moi rico visualmente grazas ás ilustracións e fotografías que contén, conseguidas, por certo, con grande traballo e esforzo por parte de Malena. Tamén quixera destacar o traballo de Mónica de Normalización Lingüística pola revisión do texto e corrección ortográfica pois, como poderán ver, coidou ao detalle.

En definitiva, e como saben, o libro non é en sí o obxectivo desta campaña pero, sen dúbida, é un xeito de deixar patente todo o labor dun inxente número de persoas que puxeron o seu empeño en renomear as rúas en feminino.

Non cabe dúbida que se poderían facer máis volumes xa que, afortunadamente, contamos cun gran número de mulleres pioneiras, pero non está nada mal este inicio que pon en valor que a cidade de Ourense desexa contribuír a darlle ás mulleres o lugar que se merecen.

Pola miña parte nada máis e agradezo encarecidamente a súa atención e desexo que o libro sexa do seu agrado.

Moitísimas grazas.

27 de marzo de 2023.