Etiquetas

16 marzo 2025

AMPARO FERNÁNDEZ DE LA JUSTICIA

Amparo estudou maxisterio na Escola Normal de Ourense e foi alumna de Vicente Risco. 

Naceu en Bande o 10 de setembro de 1913 e era filla de Fidel Fernández Turceta que era fiscal no partido xudicial de Bande e Gabina de la Justicia. O matrimonio tiña tres fillas, Virginia, Celsa e Amparo e todas foron mestras.

Amparo  fixo o exame de ingreso no que desenvolveu o tema "Los grandes organismos del Estado. Poder legislativo, ejecutivo, judicial y moderador. Forma de gobierno en España. Quienes son los españoles"; "El diluvio universal. Sus causas. Arca de Noé y Torre de Babel". Comezou os estudos no curso 1928-29 e rematounos no 1932-33 e o 6 de xullo dese ano solicitou a expedición do título de mestra de primeira ensinanza, tiña Amparo 19 anos. Agás o primeiro curso que o fixo de xeito libre os demais cursounos por oficial residindo na cidade na rúa do Correxidor. (1)

Entre os seus profesores e profesoras da Normal estaba Vicente Risco quen, como viña sendo habitual, mandaba facer traballos de etnografía ao seu alumnado. Pois ben, Amparo presentou un traballo sobre o folclore de Bande que consta dun caderniño de 26 follas manuscritas e que está depositado no Arquivo de Xaquín Lorenzo no Museo do Pobo Galego de Santiago (2). E na Fundación Vicente Risco teñen un traballo sobre a tórtola.

Tras finalizar a carreira comezou a cubrir prazas como interina e estivo destinada a varias vacantes cambiando con frecuencia de praza.

Estando na escola de Recarei tivo que pasar pola Comisión de Depuración (3) máis logo foi reposta na docencia e continuou exercendo no Furriolo en A Bola, en  Blancos e  Robledo de Doniz en Carballeda. 

(1) Arquivo da Universidade de Vigo. Expediente Personal de Amparo Fernández; (2) Mateos Vara, A. e Méndez García, R.M. (2017) "O arquivo de Xaquín Lorenzo no Museo do Pobo Galego. Unha escolma dos documentos alleos". Revista Raigame, nº 41: 42-51; (3) Expedientes de depuración de maestros nacionales (Ministerio de Educación Nacional, Archivo General de la Administración). Signatura: 32/12792 Información del magisterio. El pueblo gallego, 1939 abril 15, p. 5; Información del magisterio. El pueblo gallego,1955 febreiro 5, p.9.