En 1931 participou nos cursiños de selección profesional que se convocaron nese ano. En 1933 déronlle a praza de interina na escoliña de Mandín, en Verín e, ao ano seguinte, en 1934, foi destinada á escola de Celanova.
Estando nesta escola foi sometida ao proceso de depuración e en 1942 foi sancionada co traslado forzoso dentro da provincia por un período de un ano e inhabilitada para o desempeño de cargos directivos e de confianza.
Súa irmá, Milagros, tamén fora sancionada co traslado forzoso dentro da provincia e seu irmán, Eduardo, estaba afiliado a A.T.E.O e fora destituído da súa escola. Poida que o motivo da depuración de Concepción fose precisamente este feito de que seu irmán pertencese á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense. Esta asociación era considerada subversiva e comunista. As familias dos afiliados tamén quedarían marcadas pola ditadura.
Casou con Luís García Danoz que foi tenente mutilado e alcalde de Vilardevós. O matrimonio tivo dous fillos chamados Jacinto Luís e Julio.
