Etiquetas

21 julio 2024

MARÍA DE LOS DOLORES SANTA EUFEMIA FERNÁNDEZ

Naceu en Ourense e era filla de Francisco Santa Eufemia Fariña que era garda e Dorinda Fernández Fernández. O matrimonio tiña tres fillas chamadas, Rosa, Elisa e Dolores.

Dolores estudou no Instituto de Ourense onde ingresou no ano 1924  e estivo ata 1926.  Despois preparou na Academia Xesta os estudos de Maxisterio que renatou en 1930. En febreiro de 1934 casou co tamén mestre Abel Carbajales González, un home comprometido e afiliado á ATEO. Militante de Esquerda Republicana e Concelleiro de Celanova e que estaba destinado na escola de Ansemil. Dolores tamén estaría adherida á Casa do Mestre tan pronto como se constituíu, en 1935, polo que estaba claro que compartía os ideais e compromiso pola renovación pedagóxica e por unha escola social e igual para todos. 

Estivo destinada en diferentes escolas e sufriu a dura sanción que lle impuxeron ao seu home por pertencer á ATEO e á Casa do Mestre, como a todos os docentes afiliados á Asociación. Foron considerados comunistas e radicais ateos e laicos. Afortunadamente, Abel non foi separado do servizo grazas á intersección da súa muller, aínda que Dolores tamén foi obxecto de control e exame por parte da Comisión Depuradora pero, finalmente, foi confirmada na súa praza escolar.

En 1943 destinárona a San Martiño de Sabadelle no Pereiro de Aguiar e aínda exercía no ano 1971.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Tamén Vid: El pueblo gallego n 4 de xuño de 1930, p. 7; Galicia, 15 de febreiro de 1934, p. 6; Galicia, 15 de febreiro de1934; La Región, 12 de marzo de 1935, p. 6; La Región, 10 de maio de 1940, p. 3; La Región, 22 de marzo de 1967, p. 4.)